O rostro da marea

Gonzalo Hermo /ANDRÉS CURRÁS
As descubertas, a relación coa contorna e a aceptación dun mesmo, son os alicerces dun libro no que Gonzalo Hermo xera fascinantes imaxes que confirman a súa madureza.

Achegarse a cada traballo de Gonzalo Hermo é atopar un absoluto compromiso coa creación, coa emoción e coas posibilidades da linguaxe para beliscar ao lector ante a súa capacidade para, dende o literario, afrontar o que supón relacionarse coa vida. Xa falemos de narrativa, ‘Diario dun enterro’; ou de poesía,  ‘Crac’, ‘Celebración’, ‘A vida salvaxe’, e agora con ‘Un xesto de tenrura’ o poeta de Taragoña é quen de atopar nos rastros das mareas que axitan a existencia a maneira de reflectir sobre as experiencias que a vida pon ante nós, ante o que supón un proceso de crecemento, cheo de descubertas, de momentos complexos, inzados de incertezas, pero tamén de fermosos instantes nos que todo semella atopar o seu sentido que, ao cabo, é o que lle outorga o seu valor.

Editado por Chan da Pólvora, ‘Un xesto de tenrura’, reafirma a contundencia poética de Gonzalo Hermo, a súa madureza creativa que escintila ao longo destes poemas cheos de fermosas imaxes que xorden do manexo da linguaxe, da capacidade para facer da palabra un espello no que reflectir aquilo que non agardabamos, pero que «o abismo do verso», como escribe o poeta, é quen de amosar, facendo dese arreguizo o que nos impulsa a mirar atrás para converter a memoria no espazo dende o que propoñer o que somos hoxe.

Tras unha estadía en Cataluña Gonzalo Hermo atopa non sei se a distancia precisa, pero si, cando menos, un marco axeitado para gozar de tempo no que facer dun exercicio poético repousado a afouta posibilidade de enfrontar o pasado e o papel que un mesmo desenvolveu nun tempo en absoluto sinxelo, e no que se trataba, en definitiva, da aceptación dun mesmo, de superar os medos da xuventude e tentar manexar a vida dende unha personalidade propia e un corpo que se converte en clave en todo este proceso, converténdose no elo obrigado dende o que relacionarse cos demais, o territorio do amor, a pel dende a que sentir todo aquilo que paga a pena, alí onde existe a posibilidade do aloumiño, o que se recibe, mais tamén o que se dá.

Pasamos as páxinas, sucédense os poemas e a contorna que se deixou atrás, a familia, a adolescencia, convértense na equipaxe que un leva cando muda o escenario, cando unha nova xeografía facilita a observación, cando o percorrido por diferentes latitudes converte esa viaxe nun miradoiro privilexiado capaz de alentar poemas da relevancia de ‘Súplica’, adicado a Xosé Luis Méndez Ferrín, como un agradecemento eterno por balizar dende a súa lectura non poucos aspectos da propia vida, lecturas, compromisos e miradas que recupera Gonzalo Hermo dende outra proxección que tamén xera tensións con ese pasado, coa lingua vista dende outro contexto, tamén acosado polas imposicións das linguas maioritarias.

Mais Gonzalo Hermo tenta sempre atopar ese carreiro preciso, o da emoción, o que nomee unha situación, un feito que se converte en horizonte e no que nunca se pode descoidar a procura da beleza. "A miña idea da beleza non ten manchas", afirma o poeta. Manchas que sobran e que non teñen sentido neses carreiros polos que moverse, alí onde atopar un corpo tocado pola luz, un corpo namorado.

Non deixa de ser todo o poemario unha sorte de asombro do que acontece no mundo, o estrañamento ante unha realidade que non deixa de sorprender, as mais das veces para ben. É a superación da inxenuidade, a revelación dun acontecer que atopa todo o sentido no contacto cos demais, a consolidación dos afectos, a muda dos amantes, a conquista dun Nordés, dende o que os poetas se moven pola vida e, daquela, polo verso. Remata Gonzalo Hermo o poemario cun epílogo no que nos sitúa en Nadal de 2023. Fin da súa escrita, días de regreso ao fogar, ás paredes húmidas, aos mortos que murmuran, ao corpo da adolescencia, alí onde a memoria deixa de ser unha pantasma para ser un xesto, todos os xestos, alí onde os rastros da marea son unha liña na que escribir o que un mesmo é.