As paisaxes da trascendencia
Completamente descoñecida para min atopar a obra de Leo Wellmar supón reforzar os lazos coa pintura, moitas veces postos en dúbida ou ameazados pola competencia doutros xéneros ante a falla de propostas novidosas ou que xeren unha nova emoción afastada de carreiros xa moi visitados. De aí que atoparse cunha pintura tan singular supón volver a colocar á pintura no cumio das artes plásticas, nunha maneira de entender e representar o noso mundo que lle dea a forza necesaria a nosa forma de observalo, axudando a entendelo dun xeito felizmente apaixoado.
E se algo debemos subliñar na maneira de pintar desta creadora de orixe sueca, aínda que facendo vida en Barcelona dende 1984, é amosar a capacidade de observación, o colocar ao espectador nun punto de vista que non precisa da propia presenza do ser humano nos seus lenzos, absolutamente protagonizados pola natureza e as condicións ou efectos meteorolóxicos. Cada unha destas paisaxes aparece chea de sutilidade, dunha contundente harmonía que incide na procura dunha beleza chea de suxerencias que semellan a piques de esvaecer, como se esa realidade fose parte dun soño nun momento límite, pero que ao tempo vai permanecer conxelado para a eternidade. Este Timeless co que se titula esta mostra na galería Luisa Pita, alude precisamente a esa condición de atemporalidade que tan ben reflicte Leo Wellmar nas súas pinturas. Obras que sintetizan un momento determinado no devir casual da natureza ao longo das súas diferentes estacións ou circunstancias, pero que o propio medio natural recuperará co paso do tempo e o seu inevitable carácter cíclico.
Árbores solitarias, masas de bosques, liñas do horizonte, augas nas que se reflicte esa bucólica paisaxe, ceos grises, amplos territorios nevados... todos eles son escenarios case metafísicos que nos levan a entender estas visións dende un minimalismo cheo de trascendencia, posuída dunha mirada orientalizante que, paradóxicamente, procede da Europa septentrional e que nos lembra mesmo a escenarios propostos cunha forte carga simbólica por cineastas como Carl Theodor Dreyer no que a paisaxe, a configuración da natureza, adoitaba ser unha expresión metafísica da relación do home con Deus.
Unha exposición que de novo vén resaltar a importancia e a necesidade do labor das galerías de arte no noso contexto artístico, e cómo esa función de observar, coñecer e poñer ante nós creadores dos que pouco sabemos, por non ter exposto antes no noso territorio máis cercano, permite ampliar as nosas olladas, atopando obras tan fascinantes como a de Leo Wellmar.
Nestes tempos nos que a nosa sociedade se enche de estímulos, de imaxes que dende as máis diversas plataformas nos somerxen en espazos abafantes, atopar esta síntese da paisaxe no que o que emerxe máis que a presenza das formas é unha atmosfera na que conflúe outro elemento a valorar nesta obra, o silencio. Ese silencio abofé que é o que activa a capacidade destas obras para captar a nosa atención, ata o punto de prendernos fronte a elas durante máis tempo do que é habitual noutras exposicións. E iso, ao meu parecer, ten que ver con que ese ambiente semella agochar sempre unha condición misteriosa, algo que está a piques de acontecer, aínda que non sabemos o que.
Unha engaiolante atracción que nos converte en cómplices desa mirada ante a incerteza, ante o que nos conmove para tentar descifrar que se agocha nesa natureza, ás veces precisa, outras distorsionada polas súa propias circunstancias do tempo atmosférico que, case sen darnos conta, acaba tamén prolongándose a nós mesmos, capaces de percibir esas sensacións que se conteñen no cadro na nosa propia pel.
Leo Wellmar e as súas paisaxes da trascendencia son unha das mellores noticias nos últimos tempos nese ollar plástico no que as galerías de arte co seu traballo teñen moito que ver para o noso goce, mais tamén para seguir fornecendo a nosa confianza na pintura como emoción ante unha realidade cada vez máis confusa.