El tiempo
domingo. 04.12.2022
El tiempo

Paisaxes humanas. Facianas artísticas

Sombras atlánticas. Retratos da arte galega é a proposta fotográfica de Anxo Cabada no Museo de Pontevedra. Un percorrido polos rostros dunha boa parte da nosa plástica. Creadores que abriron o seu taller para amosarse fronte ao fotógrafo como unha paisaxe colectiva.

SON 34 artistas galegos. 34 horizontes nos que, a través dos seus rostros, atopamos outras tantas miradas que forman parte da arte galega. Cada un deles abriulle a porta do seu estudio ao fotógrafo Anxo Cabada, sempre á procura dese encontro, dese diálogo que, coa cámara polo medio, se acada entre os creadores. En proxectos anteriores explorou outro tipo de encontros, os dos rostros do mar ou os rostros da terra, tamén os de diferentes creadores da nosa literatura sendo agora os artistas plásticos os que protagonizan esta mostra, cando eles mesmos son os protagonistas da arte galega nas últimas décadas.

Creadores de diferentes xeracións e tempos, dende Jorge Castillo que naceu en Pontevedra en 1933, ata mulleres como Almudena Fernández Fariña, Elena Fernández Prada ou Tatiana Medal, todas elas nadas no 1971, por citar dous dous extremos temporais, e que entre un e outras engloban unha diversidade de nomes que son retratados no seu taller, alí onde todo cobra o seu sentido, onde cada un deles ten o seu refuxio e o seu acougo, sobre todo cando non están ante a súa próxima obra de arte, esa que converte o sosego en tremor e que, abofé, fará que as súas miradas sexan diferentes.

Anxo Cabada sitúa tras cada un deles un telón, unha sorte de pano de fondo que unifica todo o conxunto de fotografías para, de xeito frontal, retratalos a todos mirando directamente á camara. Algúns optan por facelo suxeitando ou a carón dos obxectos que os rodean cada xornada. Fragmentos materiais do que pode ser esa obra en proxección, botes de pintura nos que aniñan os maiores soños, pegadas dese enfrontamento coa obra de arte. Outros o fan con algún detalle da súa obra, e moitos, simplemente, facendo da súa mirada case que o reflexo dese desafío permanente que mantén co espectador a través da súa arte. Potencia o fotógrafo esa mirada sabedor de que nela se agochan numerosos segredos e boa parte da personalidade dos artistas.

Esa paisaxe colectiva, esa paisaxe humana, leva enchendo os museos e as salas de exposicións de Galicia como un dos mellores reflexos da nosa cultura

O edificio Castelao do Museo de Pontevedra acolle todas estas miradas tamén como reivindicación do artista. Isto é a presenza que desaparece despois do día inaugural de cada exposición, e cando xa só é a obra a que responde por el fronte ao visitante. Agora cada un dos artistas convocados configúrase como unha obra de arte, como o elemento que, chantado na parede, require de nós para situármonos onde se colocou previamente o fotógrafo, converténdonos en protagonistas dese encontro que reivindica Anxo Cabada con cada unha das súas accións plantexadas sempre en branco e negro, evitando distracións, procurando unha sinceridade que nos leve directamente a ese momento concreto no que o disparador captura un instante.

Ese encontro é a clave, o momento máxico de entrar no recinto sagrado do artista, mais tamén de tentar arrincarlle esa coraza que todos eles semellan ter fronte ao exterior. Ese encontro é o catalizador das emocións, e o que pon en mans do fotógrafo a posibilidade de facer do seu representado unha parte máis do seu discurso artístico pero tamén, en conxunto cos seus colegas, a maneira de propoñer unha paisaxe humana dende cada un deses rostros que, cheos de experiencias e procesos de traballo, trascenden á propia persoa para dende o soporte das súas pezas xerar unha infindade de paisaxes.

Esa paisaxe colectiva, esa paisaxe humana, leva enchendo os museos e as salas de exposicións de Galicia como un dos mellores reflexos da nosa cultura, mais tamén fóra dela como embaixadores dunha realidade creativa que agora ten a través destas imaxes unha sorte de homenaxe por todo o feito, por tantas e tantas obras que encheron os nosos ollos cos seus discursos artísticos, coas súas bondades creativas, sendo agora os seus mentores os que merecen a nosa revisión para tentar facer dese cruce de miradas parte dunha explicación ou, cando menos, dunha complicidade necesaria para que todo proceso artístico acade o seu sentido.

Paisaxes humanas. Facianas artísticas