A palabra, centro e cerna de nós

Sofía
O poemario gañador do Premio O Facho, de Sofía Muñiz, é unha reivindicación da palabra como rede, como fío dende a capacidade poñer en valor a súa importancia.

SOFÍA Muñiz proxecta as súas inquedanzas creativas dende diferentes eidos, como as artes plásticas ou a fotografía, pero agora é a poesía a que reclama a nosa atención grazas a publicación pola editora Medulia de ‘A autorización do centro da palabra’, poemario que resultou gañador do Premio de Poesía O Facho 2025 e no que, en palabras do autor do limiar do libro, Xulio L. Valcárcel: «Non se trata só de falar ou escribir ben, senón de ser conscientes do valor do que dicimos».

O certo é que dende esa consciencia é dende a que traballa Sofía Muñiz nun libro que pon a palabra no centro do seu discurso como a maneira non só de nomear ou de definir aquilo que nos acontece, senón tamén como o fío que se tece entre as persoas. Dende ese tecido traballa a poeta de Cambados para xerar estes poemas breves, concisos, que tensan a súa función para, dende unha concreción desa palabra, convertela en tremor entre a poeta e o lector. A palabra seduce e para exercer esa seducción Sofía Muñiz traballa de xeito intenso o estilo, a cadencia e mesmo a sonoridade destas palabras que son quen de evocar dende esa concentración de termos toda unha sucesión de imaxes e mesmo atmosferas que fan evolucionar de xeito progresivo un percorrido dende o íntimo ao colectivo, dende o eu a unha contorna sen a que a nosa presenza carecería de sentido.

E todo arrinca na xénese da palabra e o seu firme elo co corpo mediante a súa sublevación, a rebeldía que precisa da liberdade como maneira de realizarse, de atopar o camiño preciso. «A sede inmensa das Palabras», escribe a poeta, entendida como esa necesidade que é preciso saciar para que todo teña sentido. A partir de aí será a lectura e o desprazamento os que inviten a alentar o coñecemento, a recuperación de novas percepcións da realidade que veñen a refrescar mentes e a sermos conscientes desta situación.

Chega a dor, a enfermidade, o padecemento. Tratamento, medicación. «A anestesia das Palabras», a observación duns acontecementos imprevistos que moitas veces veñen para medirnos con eles, para manter o pulso que nos fará posteriormente facer desa experiencia un refuxio onde coñecernos, a lembranza da nosa debilidade e da necesidade de sumar para non frear o avance para espantar as pantasmas e facer menos escura a noite. O corpo en alerta, a abertura para enfrontarse ao seu interior, ao imprevisto, a doenza como a incisión do eu.

Traballadora durante varios anos no eido da enfermeiría cirúrxica, Sofía Muñiz atopa alí onde moitos non adoitamos asomarnos, unha interesante poética que serve para observar á persoa nunha situación complexa na que de novo a palabra volve coa súa capacidade para compartir, para comunicar ou posibilitar o feito de sermos entendidos. Unha viaxe complexa para a que a poeta non se atopa soa e procura máis palabras, desta vez dende a sororidade doutros nomes, que desfilan no comezo de varios poemas nos que atopamos, entre outras, a Xela Arias, Luz Pozo, Xohana Torres ou Emma Pedreira. Gorentosa compañía para ampliar un horizonte vital ao que remata ollando este poemario tras espertar e superar ese «silencio que rebota entre os medos».

‘A autorización do centro da palabra’, primeiro poemario da autora, emerxe nun momento de incerteza, un periodo vital no que as gadoupas de diferentes sombras rodearon a esta muller que empregou a palabra como un facho que mover para facer que esas sombras esvaezan ou se desfagan entre os versos, que é o que supón converter a palabra nun ámbito de resistencia. A maneira de xerar unha trincheira dende a que defenderse. 'Xénese', 'Enfermidade', 'Metamorfose' e 'A claudicación do silencio' son as catro partes do libro que, como catro aneis, ten que superar a súa creadora da man da palabra e a súa enerxía, propiciándose como unha catarse para ela mesma, para enfrontarse á vida, para seguir facendo da palabra unha vela enchida coa que poder seguir avanzando. Porque diso é o do que trata, de seguir sempre cara adiante coa palabra no centro.