Opinión

Penélope rebélase desde a poesía

Marta Dacosta propón coa escolla dun monllo de poemas unha antoloxía coa perspectiva de xénero como temón para amosar unha mirada de rebeldía, visibilizada, de xeito rotundo nos últimos anos, e no que as poetas tecen un fío común dende a afouteza da palabra
Penélope. EP
photo_camera Penélope. EP

O prelo da editora Chan da Pólvora non só demostrou ao longo da súa existencia o seu interese pola edición de novas voces da poesía ou a reedición de textos fundamentais da nosa poética, senón que, a través de varios títulos, tenta establecer ao mesmo tempo toda unha sorte de corpus autoral deses nomes que se constitúen como unha referencia colectiva, unha especie de xérmolo grupal que leva a nosa poesía a ese espectacular despegue que vivimos, ratificado con diferentes galardóns nos últimos tempos, que poden ir dende premios a xente cunha xa longa traxectoria como Pilar Pallarés, Olga Novo ou Ana Romaní, ou novas inquedanzas, como as que xorden da obra de Alba Cid, Tamara Andrés ou, o máis recente, Ismael Ramos.

Desta vez esa colectividade de poetas sitúase en formación tras outra gran poeta como é Marta Dacosta na proposta común de artellar un exército de Penélopes, de mulleres que, fartas de esperar na casa, deciden converter a súa escrita nun xeito militante de abordar á realidade que as rodea. Así fala Penélope. Unha antoloxía de xénero é, daquela, un sentir dende o feminino dirixido, sobre todo, de xeito meritorio ás miradas ou as percepcións dos máis novos. Marta Dacosta elixe cada un deses poemas, ademais de por amosar temáticas ou estilos representativos de cadansúa autora, pola posibilidade de transmitirlle á rapazada as posibilidades da poesía para traducilo mundo, para ser quen a través da palabra, de interpretalo e situalo ante os nosos ollos, ubicándonos nun lugar concreto, aquel que sinala a poesía, e que nos fai entender a realidade dende outro punto de vista.

Sombras, medos, tallas, violencias, corpo, familia, traballo ou mesmo a menstruación son algúns deses espazos de tensión

Corenta e unha poetas que son corenta e unha maneiras de ver a realidade, de sentila, de afondar nela para tentar explicar dende a ollada feminina cal é esa situación que vive cada unha delas en relación ao seu contexto. Espállase así unha mirada poliédrica a esa realidade, definida tamén polos tempos diversos de cada unha das protagonistas do libro, respostando ao seu momento e facendo dos diferentes temas un xeito de abordar ese instante. Así é como cada nome procura o seu propio espazo, construír un territorio identitario que permita, configurar unha obra e singularizala fronte ao resto da tribo. Sombras, medos, tallas, violencias, corpo, familia, traballo ou mesmo a menstruación son algúns deses espazos de tensión, ámbitos nos que a escrita procura encher as velas da nave destas Penélopes que tamén queren navegar, facer elas o camiño para atopar as experiencias que as convertan en protagonistas das súas vidas. Seres autónomos en situación de alerta e axitación.

Desa rebeldía foise xa moi consciente nos anos 90 do pasado século, cando mulleres como Luisa Villalta, Xohana Torres ou Xela Arias propuxeron a poesía como esa vela que inchar cun sopro de afirmación de cada un deses eus de muller. De feito un poema de Xohana Torres é do que xorde esta navegación colectiva, o seu poema Penélope que remata deste xeito: "Así falou Penélope:/ Existe a maxia e pode ser de todos./ A que tanto novelo e tanta historia?/ Eu tamén navegar".

É, polo tanto, a hora de navegar, e Marta Dacosta é quen empurra esta nave polo océano da rebeldía, mais tamén o da ilusión, xa que xunto a esa visión de tantas poetas co compás dunha mesma dirección atopamos esa arela por facerlle chegar a poesía aos máis novos "no contaxio dunha paixón poética" que nunca poderemos descifrar de todo xa que a poesía agocha no seu interior infindas posibilidades de emoción e mesmo de sorpresa, case tantas, como seres humanos se asoman a ela. Moitas veces non calibramos ben esas posibilidades e, sobre todo, cando a vencellamos a un novo lectorado adoitamos saír coas esperanzas baixo mínimos, pero as veces, máis das que pensamos, o milagre alborexa polo horizonte. Sábeo ben Marta Dacosta que no seu traballo de docente asistiu a varias destas epifanías, como relata no epílogo do libro, no que explica as razóns da súa elaboración, ao tempo que deixa a porta aberta para que cada lector faga a súa propia travesía coa que ler, gozar, comprender e recoñecerse, xa que cada unha desas accións forma parte do mellor vento co que chegar a Ítaca, aínda que, ao mellor, Penélope xa non estea alí agardando por nós.

Comentarios