Pisando charcos
Están sendo para Almudena Fernández Fariña semanas dunha grande actividade e recoñecemento a unha das traxectorias artísticas máis consolidadas na nosa plástica, protagonista dun momento de madureza persoal e creativa que incide na configuración dunha pintura que traballa non só no territorio do puramente creativo, senón que, ao seu carón, e de xeito permanente, se aborda todo un proceso de análise e estudo sobre as súas posibilidades de representación, tanto dentro como fóra do lenzo.
Formada na pontevedresa Facultade de Belas Artes, na que foi a súa primeira promoción de licenciados, dende o ano 2000 é docente nese mesmo centro, compatibilizando ese labor cunha traxectoria artística que vén de cumprir trinta anos, sendo os que protagonizaron o pasado ano a exposición Almudena Fernández. Pisando charcos que encheu o primeiro andar do CGAC dentro dun interesante percorrido pola obra de artistas de media carreira que propón o centro que dirixe Santiago Olmo. Aquela mostra, co comisariado de Susana Cendán, converteuse nun extraordinario xeito de achegarse aos diferentes momentos creativos de Almudena Fernández a través dunha moi ben proposta distribución e exhibición das pezas, e que xa nos recibía no vestíbulo do edificio de Álvaro Siza con esa pintura expandida coa que cada certo tempo nos sorprende, polas súas posibilidades, a pintora viguesa.
Alí, a partir dun sinxelo motivo vexetal rescatado do cercano San Domingos de Bonaval, despregábase toda unha ornamentación que culminaba esa hibridación de arquitecturas que o arquitecto portugués quixo materializar coa integración do edificio do Museo nun espazo no que o Barroco compostelán convertíase nunha ameaza. Almudena Fernández acadou con esta arriscada acción a perfecta fusión de tempos e liñas e viña a escribir así un capítulo máis na súa longa xa investigación sobre o que podemos definir como pintura expandida e da que ten escrito en libros como Lo que la pintura no es (Colección de Arte e Estética. Deputación de Pontevedra).
Esa exposición, na que xunto á comisaria se establecían toda unha serie de conexións entre as diferentes series da artista, así como se visibilizaban diversas achegas a creadores e creadoras importantes na configuración dun discurso propio, foi a que se puxo en valor por parte do xurado dos Premios da Crítica de Galicia na modalidade de Artes Plásticas que fixeron recaer nela ese galardón entregado o pasado 19 de outubro en Vigo. Unha mostra que se resume no excelente catálogo que se presentará no CGAC o vindeiro martes 26 e no que baixo un coidado deseño con varias sorpresas en canto ao que supón un catálogo de exposicións, podemos facer un percorrido por toda esa obra como síntese dunha traxectoria, e no que se inclúen interesantes e clarificadores textos de Santiago Olmo, Susana Cendán e Patricia Mayayo así como a recuperación dun fértil encontro coa tamén artista Miren Doiz, no que se recollen toda unha serie de reflexións a xeito de diálogo sobre a pintura fóra do cadro.
Grupo de investigación Dx5
Unha pintura que é a que a levou a participar na Bienal de Arte da Habana, inaugurada a pasada semana, como membro do grupo de investigación Dx5 da Facultade de Belas Artes dentro dunha proposta trasantlántica entre Galicia e Cuba. Outro espazo no que amosar a súa obra, como acontece tamén durante estas semanas en Galicia, onde unha das súas pezas forma parte do proxecto Simultánea da Colección de Arte Afundación na exposición do pontevedrés Café Moderno.
Explica Susana Cendán no seu texto do catálogo do CGAC que a pintura de Almudena Fernández que ao «Prestarse a dialogar con outros artistas, dende a convicción do enriquecemento que isto supón no plano individual, implica non só un xesto xeneroso de abandono do ego artista, senón tamén o feito de ter pisado uns cantos charcos, non tanto como unha metáfora do evitable, senón como unha condición necesaria para seguir avanzando». Pois dende ese salpicar é dende onde os demais tamén nos sentimos interpelados por unha obra que non deixa de medrar, de acadar novos espazos e novos méritos que non fan máis que salientar a valía de quen leva anos confiando nun proxecto serio e escrupuloso ao longo dun camiño non sempre sinxelo pero que agora revélase como o camiño correcto.