Opinión

Poesía: un ruído provocado

Comezan a encherse os andeis de libros e textos adicados a Luísa Villalta que mereceu este ano ser a autora gabada no Día das Letras Galegas. Unha feliz escolla que nos levará a descubrir a moito máis ca unha poeta, tamén a unha muller cunha longa mirada á realidade
La poeta Luísa Villalta. XOSÉ ABAD
photo_camera La poeta Luísa Villalta. XOSÉ ABAD
Luísa Villalta foi o nome elexido dende a Real Academia Galega para adicarlle toda unha serie de celebracións que, co seu cume no Día das Letras Galegas, prolóngase ao longo de todo o ano con diferentes actividades e, como non, parte fundamental, coa achega dende as diferentes editoras á súa figura que adoita ser sempre o máis importante, polo que ten de descuberta para moitos ou de revisión dende diferentes e novas perspectivas da figura da persoa escollida.

Así é como nos últimos días xa se nos anunciaron cales van ser os títulos que pronto sairán dos diferentes prelos e mesmo algúns xa os temos nas nosas mans. Así Baía Edicións vén de publicar As escumas da letra, unha bibliografía de Luísa Villalta, asinado por Esperanza L. Mariño Davila; na colección Merlín de Xerais María Canosa ofrécenos Luísa Villalta, melodía de palabras; Polo Correo do Vento tamén xa puxo en circulación, dentro da súa colección de Mulleres Galegas, unha pequena biografía da poeta co título de Tinta do mar, e Chan da Pólvora publica Así vou eu, formando parte, unha escolma da poesía de Luísa Villalta e textos que completan esa escolla con sendas revisións de Eva Veiga e Pilar Pallarés e que, pola natureza de ambas autoras, referencias na nosa cultura dende o pensamento e a poesía, convérteo nun dos máis sobranceiros.

Música reservada, Ruído, Rota ao interior e En concreto foron os catro poemarios publicados, o último deles xa despois do seu inesperado pasamento, e aos que neste volumen se lle engaden propostas tan interesantes como as de Papagaio ou As palabras ingrávidas, así como diferentes 'Textos documentais' que non fan máis que ensanchar a mirada que tiñamos da poeta coruñesa, ou mesmo para aquelas que a descubran permitiralles ter un conxunto máis amplo da súa produción e que será todo un achado pola calidade da súa palabra e por unha mirada singular cara esa realidade á que sempre atendeu dende un fondo desexo de avance social e unha permanente rebeldía.

Desta vez, e baixo o coidado do editor Antón Lopo, as miradas precisas de Eva Veiga e Pilar Pallarés alumean alí onde só elas son quen de facer, dende a complicidade da palabra, tamén da emoción de entender a vida a partir dese rexistro textual e emocional en que se converte a poesía. Eva Veiga percorre de xeito fugaz e preciso a súa vida, un pequeno itinerario biográfico necesario para entender o que se envorcou nos seus textos, partindo do seu contexto urbano, da música como alicerce irrenunciable e o seu compromiso cívico que se rexistra non só na súa obra senón na súa participación en diferentes asociacións e iniciativas culturais, educativas e sociais.

A partir de aí a autora entra na análise dos seus poemarios propostos como unha sorte de itinerario, unha viaxe interior dende a abstracción da música á concreción da cidade, do enfrontamento entre o eu e o conxunto, e todo iso superando diferentes tensións e apoiada na súa linguaxe plena dunha intensidade asolagadora e todo, como Luísa Villalta escribe, para "Pór ouvido ao ruído do mundo". A súa escoita é a nosa, e percorremos eses versos coa emoción do feito, máis tamén do que podería ser esta muller que faleceu con corenta e sete anos, nunha plenitude creativa que a fixo comezar ese derradeiro ano 2004 co premio Espiral Maior por En concreto e cunha intensa actividade profesional que se rachou no tráxico mes de marzo.

Tras os versos remata o libro coa análise de Pilar Pallarés, outro texto deses para enmarcar en canto a capacidade de estudo dunha obra pero, sobre todo, dunha maneira de entender a escrita como un compromiso, tan forte que a levou a escoller entre a música do seu violín e a adicación en exclusiva á faceta literaria. É moi interesante de que maneira Pilar Pallarés propón unha unidade de acción da música, a poesía e o pensamento como iso agroma nun eterno retorno da súa obra que a mergulla nos postulados nietzschianos que ensanchan as posibilidades dos seus versos e fan da poesía, dese "ruído provocado", o compromiso cos demais e con ela mesma.

Comentarios