Protagonistas da resistencia
O ANO 2012 Manuel Sendón comezou a pousar a súa mirada neses espantallos que adoitamos atoparnos ao longo de Galicia. Uns máis rústicos, outros máis sofisticados, pero todos compartindo, tanto unha funcionalidade coma un discurso que o ex profesor da Facultade de Belas Artes de Pontevedra soubo desenvolver co seu traballo, achegándose a diferentes cuestións que propician interesantes reflexións que teñen que ver co noso tempo, a nosa sociedade e, nomeadamente, cun contexto rural ao que non adoitamos prestarlle a atención necesaria pese a súa relevancia social e mesmo estrutural en Galicia. Arredor deses espantallos podemos achegarnos a elementos propios da cultura popular así como á funcionalidade destes elementos, tamén á reciclaxe de materiais sobrantes do noso día a día sinalado por un salvaxe e depredador consumismo ou ata facer unha pequena radiografía do estado do noso rural.
Aquel traballo protagonizou unha exposición en Ourense no 2014 e a publicación dun libro no 2015. Agora, máis de dez anos despois, o autor volveu recuperar varios daqueles espantallos para convertelos en protagonistas dunha resistencia na que o paso do tempo e poñer o foco en tres espantallos, que foron fotografados ao longo do tempo, dota a esas series dunha narratividade que converte cada secuencia na historia dun personaxe que permite, a modo dunha poética metáfora visual, atopar unha beleza do instante, algo que poderiamos considerar como imprevista cando a nosa mirada pasa fugaz por estes items do noso agro nos nosos desplazamentos. Pero, máis alá dese sorriso ao enfrontarnos a esa presenza humanizada colocada á intemperie como protección en diferentes cultivos Manuel Sendón constrúe un relato, neste caso tres, dándolle un maio senso a esa humanización dos materiais empregados xerando un percorrido vital.
Eses percorridos, tres en particular, son os que se propoñen nun espazo, o da viguesa Fundación Laxeiro, no que se fixo unha aposta especial por focalizar a atención do visitante nas obras, colocadas sen marcos, todas cun mesmo tamaño, directamente sobre unhas paredes pintadas de negro, e nun formato de secuencia, como nunha cinta de celuloide pola cal vemos sucederse a vida destes espantallos.
Cos seus momentos de esplendor e con outros de abandono, en definitiva, unha exitosa humanización desas compoñentes que son desbotadas pola nosa sociedade e que, sen embargo, son quen de xerar unha beleza inesperada, que a pode poñer en contacto con outras experiencias artísticas que mudaban a funcionalidade dos obxectos por unha recreación estética. Non hai que ir demasiado lonxe para pensar no urinario de Duchamp. E todo isto baixo a permanente asociación con esa contorna na que se adoitan ubicar estes elementos que forman parte da idiosincrasia rural, capaz de pensar na procura de solucións para os seus problemas, sen grandes gastos, e botando mans dos seus propios recursos. Situacións que, xunto a luz empregada na sala, xera unha escenografía que incide nos valores artísticos da obra, mais tamén na mensaxe dun Manuel Sendón, referencia da fotografía na España contemporánea, mesmo máis alá do seu facer particular, como xestor, comisario e activador de numerosos talentos do mundo da fotografía en Galicia e no resto do Estado.
No texto que acompaña á exposición se fala del nos seguintes termos: "A súa traxectoria artística caracterízase pola construción dunha mirada que analiza o presente cunha certa sensación de fracaso das utopías sen, por iso, abandoar unha posición de denuncia perante feitos que considera inxustos ou non desexables". Este compromiso, coa arte e coa súa sociedade, é o que tamén percibimos neste espazo na recuperación dunha beleza que xorde da derrota dunha serie de elementos aos que o tempo non fai máis que apartalos de nós e que dende esta austeridade formal, sen embargo, e baixo unha perfecta presentación, semellan dar a seu derradeiro alento dende a arte, onde nunca agardaban rematar.