Opinión

A razón, a cor e a emoción

A mostra adicada a Carmen Domínguez no Museo de Pontevedra non só é unha homenaxe á pintora falecida, senón a firme reivindicación dunha traxectoria que apostou pola experimentación e a construción dun universo plástico baseado na cor como conexión co espectador.
Unha obra de Carmen Domínguez. DAVID FREIRE
photo_camera Unha obra de Carmen Domínguez. DAVID FREIRE

En abril de 2021 falece a pintora pontevedresa Carmen Domínguez. Unha fatal noticia que chegou de xeito sorprendente no medio do desconcerto provocado pola pandemia. A súa vital personalidade e décadas de traballo arredor dunha obra plástica na que procuraba atopar un espazo de desafío e tensión que lle provocase a desenvolver un novo camiño artístico, fixeron dela un dos actores artísticos da nosa contorna máis queridos e iso se comprobou na expectación creada na inauguración da mostra adicada á súa obra no Museo de Pontevedra, e que se poderá contemplar no Edificio Castelao ata o 3 de xullo. 

Baixo o comisariado do seu fillo, o tamén creador Kike Ortega, atopámonos con 26 pezas que saen do estudo da artista, gardadas nel como testemuñas de todo o acadado ao longo desa paixón que foi a súa pintura e na que dende pequena, asistindo a clases do pintor Manuel Aramburu, comezou a desenvolver, cada vez cunha maior intensidade e pretensións. Aqueles momentos deron paso a unha constante exploración das posibilidades da arte. Viaxa a París nos anos 80 e coñece o traballo das vangardas, as posibilidades da cor e das formas no interior do cadro. Decántase entón pola abstracción tras uns momentos de propostas cubistas-espectacular o seu Mercado que abre a mostra- e é cando chega a outro mestre da nosa pintura, Leopoldo Nóvoa, co cal comparte tempo e experiencias no seu mítico estudio da Armenteira. Iso abre unha nova dimensión da súa pintura, explora a incoporación de materias á superficie do cadro, tamén as posibilidades da cor negra e a encher a súa pintura dunha profunda carga lírica dende a contención do silencio que dende entón se pousa nas súas pezas.

Dende ese momento Carmen Domínguez madura a súa pintura, na que nos anos 90 atopa unha linguaxe propia a través da sublimación da cor e as súas capacidades expresivas. As súas superficies manteñen esa permanente tensión que atopara traballando con Leopoldo Nóvoa. As pezas orádanse, ténsanse as teas, créanse volumes dende o seu interior, incorpóranse elementos simbólicos: portas, escaleiras, flechas... pero, sobre todo, será a cor a que reclame unha posición de privilexio. Vermellos, laranxas, amarelos que se amosan como canles emocionais, a pintura se humaniza e ese poder emocional dos diferentes tons lévanos a relacionar a súa propia obra coa persona, co seu carácter extrovertido e unha contaxiosa alegría que agromaba nesas cores que a levaron en 1999 a protagonizar unha exposición fundamental na súa traxectoria, como foi a que levou a cabo no Centro Cultural Conde Duque de Madrid. Sérvelle esa mostra para posicionarse no resto do contexto artístico, non sou poucas as boas críticas e loanzas a unha obra chea de frescura e identidade propia. Carmen Domínguez atopa a confianza precisa na súa obra  que podería resumirse en tres palabras: paixón, experimentación e liberdade.

Pero Carmen Domínguez cando atopaba un espazo de seguridade adoita afastarse del. A pintura para ela era debate e enfrontamento no seu estudio, alí onde tantos sofren Carmen Domínguez atopaba un reduto de felicidade a través das posibilidades que lle permitía a pintura, a súa pintura.

No ano 2011 volve a expoñer en Pontevedra tras un certo tempo sen facelo e o que nos amosa é algo completamente diferente ao que se coñecía dela, aínda que non tanto. É certo que recupera a figuración a través dun traballo arredor da paisaxe, é a súa serie de Outonos, nas que árbores, follas, ceos e luces compoñen unha estampa da nosa realidade natural que engaiolara á propia pintora, pero faino non só como un recurso visual, senón como unha nova maneira de traballar ás materias, a incorporación de elementos á superficie, a luz que asoma como unha protagonista de seu e, como non a cor. Esa Cor, sempre cor con que o comisario da mostra nomea a exposición e que neste remate do noso percorrido volve a axitarse, aínda que desta vez en función das posibilidades da natureza pero finalmente para ser unha canle emocional, a canle da paixón de Carmen Domínguez.

Comentarios