Opinión

Silverio Rivas e a épica do silencio

O Museo de Pontevedra propón un amplo percorrido pola longa e diversa proposta escultórica de Silverio Rivas. Materia e forma dialogan baixo o ditado do artista nun proceso moi medido na procura do equilibrio entre esos elementos e que lle outorga o sentido pleno a cada peza.
2022121713345879908

NOME referencial da escultura galega nas últimas décadas o Museo de Pontevedra afronta nesta exposición, baixo o comisariado de Beatriz de San Ildefonso Rodríguez, un máis que interesante percorrido pola longa traxectoria de Silverio Rivas (Ponteareas, 1942). Atopamos nela obras dende os seus inicios ata a actualidade e aínda que de xeito sorprendente, e moi favorable para o visitante, a organización da mostra atende non a un criterio cronolóxico, senón que se propón un percorrido máis vencellado aos materiais ou mesmo a cómo o artista estrutura a obra no seu taller e de que xeito repousa alí entre a sucesión das follas do calendario. É, o Eloxio do silencio.

É, xustamente, nesa estadía no obradoiro, onde a peza suma aos seus xa afoutos valores artísticos esa compoñente que só o tempo é quen de achegar, unha pátina de silencio que lle confire a toda obra de arte un sentido de transcendencia. Deste xeito é como as pezas escollidas para a exposición, entendo que tras un longo traballo de selección, converten todo este espazo que se lle adica a Silverio Rivas, nun lugar cheo dunha especie de espiritualidade á que se axuda dende a iluminación de todo o espazo. Dende esa sensación que envolve ao espectador é cando as pezas comezan a presentar ante nós o diálogo dende o que foron feitas. Esa conversa que, mantida co escultor, diríxese á procura dunha necesaria harmonía no seu interior, a atopar ese equilibrio do que sempre fala Silverio Rivas que se atopa no interior da peza, na cerna dese material, e ata alí, sempre cun feixe de dúbidas e preocupacións, dirixe o seu traballo. 

Materiais diversos, técnicas distintas, preguntas e inquedanzas fan de cada peza un desafío que xorde do material cara o seu creador que, dende sempre, fixo desa loita o activo da súa maneira de facer as cousas, e que deben sempre conducir cara ao inesperado, a aquilo que o sorprenda e dende o que entenda que se logra unha nova conquista.

Aí é cando todo ten o seu sentido e cando Silverio Rivas por fin entende o significado desa loita. Ese significado, ao pensar a exposición dende a agrupación de pezas polo material con que foron feitas, permite tamén achegarse á evolución no tratamento de cada un deles ao longo do tempo. Formas e baleiros que se mediron ano tras ano e onde a pedra, a madeira, o bronce, a cerámica, o aceiro ou mesmo materiais de refugallo dos que Silverio Rivas é quen de extraer imprevisíbeis resultados, compoñen toda unha estética na que a materialidade e perfección espiritual de Brancusi permanecen sempre ao fondo, como un irrenunciábel eixo reitor, pero ata ese extremo o noso protagonista desenvolve todo un programa artístico que mesmo lle leva a traballor en campos expandidos, isto é, a través das ensamblaxes ou das súas pezas artículas nas que esa tensión entre materia e forma exprésase no espazo de maneira imprevista. As sesenta pezas que integran a exposición, algunhas delas procedentes de diferentes coleccións públicas e privadas, son as súas diferentes solucións a eses problemas que presenta cada obra ao inicio do seu proceso de traballo.

Pezas nas que Silverio Rivas traballa sen maquetas previas, nas que tamén acontece que o resultado non sexa o desexado, ou que este puidese ser mellor pero, lonxe de repudialo, o escultor acéptao como un chanzo máis nesa súa teima por entender o que acontece no seu interior, converténdose nun enriquecemento da súa permanente aprendizaxe.

Oitenta anos despois do seu nacemento este Eloxio do silencio non deixa de ser unha homenaxe, ou un eloxio ao feito por Silverio Rivas a través desta revisión de obras tan acaída polo momento como pola evidencia da implicación do escultor co noso presente, por seguir amosándolle ao público o seu traballo, e, sobre todo, por ser quen el mesmo de seguir á procura dese segredo que se atopa en cada peza. Xavier Seoane calificou a Silverio Rivas como un "xardiñeiro de soños e pastor de pedras", agora, ese xardiñeiro convócanos ante esas obras que semellan xurdir dos seus soños e fronte a esas pedras nas que atopa unha vida conmovedora, pero sobre todo, todas elas son quen de artellar ao seu arredor unha atmosfera que as converte en atemporais, facendo delas superficies da emoción, pero, sobre todo, a permanente resposta ao desafío dunha épica do silencio.

Comentarios