Solastaxia do monte galego
Unha desas palabras que che obrigan a acudir ao diccionario para entender que hai detrás desta proposta artística que dende diferentes linguaxes creativas procura atopar no espectador un cómplice ante o compromiso que estes artistas manteñen en relación á nosa contorna natural. Vaiamos entón a descubrir que hai detrás desta palabra e para iso o diccionario non nos vai a servir xa que a palabra é un neoloxismo acuñado polo filósofo Glenn Albrecht que poderiamos definir como "angustia psíquica ou existencial causada polo cambio ambiental".
A partir desa definición é cando atopamos o intelixente fío dende o que afrontar a visita a esta exposición que co nome de Pulsos e solastalxias [do monte galego] reúne a nomes como os de Ariadna Silva, Carla Andrade, Diego Vites, Juan Rivas, Judith Adataberna, Lito Portela, Mónica Vila, Pablo Orza, Sabrina Fernández e Tono Arias para que cada un deles estableza un diálogo arístico con ese medioambiente tan esnaquizado en boa medida pola acción dun ser humano que segue entendendo os nosos bosques como un recurso especulativo sen a menor consideración en canto ás súas bondades para mellorar a vida do ser humano, máis alá dos interereses capitalistas que adoitan ser gozados por poderes económicos moi afastados de nós.
Instalacións, pintura, fotografía, vídeo ou escultura son algunhas das linguaxes que conflúen neste camiñar común polas nosas corredoiras, achegando toda unha serie de olladas que traballan non tanto dende os efectos da destrución como dende o impacto na nosa alma e no noso corpo e cómo a nosa relación con eses ámbitos, moitos deles vencellados ao noso propio crecemento persoal, variou dunha maneira moitas veces irreversible. Ante iso a cidadanía adoita en canto a súa xeneralidade unha posición de indiferencia, de non actuar fronte ao que supón un grave atentado a nós mesmos. E aí é cando a arte emerxe como un berro, como unha chamada de atención que tenta sinalar alí onde non adoitamos mirar.
As continuas agresións ao noso territorio, algunhas de carácter violento e impactante como poder ser as vagas de lumes que de cando en cando asolan o país; ou outras máis domesticadas, mesmo burocratizadas, como poden ser a indiscriminada implantación de parques eólicos nas cristas dos nosos montes ou a ameaza da instalación dunha macrocelulosa como a de Altri, que non viría máis que a consolidar un monocultivo de eucalipto que ten moito que ver con non poucos deses tráxicos sucesos nos nosos bosques ao longo dos anos, son claro exemplo de cómo estes contextos vense afectados na súa faciana converténdose en escenarios moi diferentes a aqueles que formaron parte de nós e da creación dunha identidade tanto individual como colectiva.
Así, a arte quere poñer de manifesto diferentes elementos que teñen que ver con esa situación. Accións contemplativas, feitos reivindicativos, pezas que falan da dor e da perda, outras que evocan unha conexión mutilada... en definitiva, cada artista suxire e evoca ese elo coa natureza que activa a súa aposta creativa. Uns de xeito máis lírico outros de xeito máis contundente, uns de maneira máis visual outros máis conceptual, pero todos eles entendendo de maneira atinada esa necesidade da arte por proclamar a nosa dignidade colectiva que debería afastar calquera oferta especulativa que á longo prazo vai contra todo o que nos podería ofrecer unha espazo natural absolutamente privilexiado.
A permanente degradación do medio ambiente activa a que poderiamos entender como unha segunda definición desa solastalxia coa que todo comezou, "nostalxia que se sente cando aínda se está na casa". Algo que acontece cando boa parte do noso hábitat cambia e non precisamente para mellor, facendo que sintamos esa mágoa polo acontecido e esa nostalxia do que foi, do que nos fixo felices e orgullosos de nacer onde nacimos, pero que nós mesmos e cos nosos egoísmos non somos quen de preservar.
Estes dez artistas, xunto ao traballo da comisaria capaz de activar un discurso colectivo, e a partir dunhas magníficas pezas que se xuntan nunha posta en común, converten ao espectador nun ser activo ao que tamén se lle reclama unha resposta ante ese pulso e esa solastalxia que nos envolve como unha sombra do mal e da dor.