Opinión

A afirmación dende a palabra

A poeta Tamara Andrés propón un exercicio de afirmación dende a escrita, coa palabra como o compás preciso para rebelarse fronte ao balbordo da nosa sociedade, procurar o inextinguible da beleza e co corpo e a lingua como ferramentas dende as que sentir a vida.
Tamara Andrés. AEP
photo_camera Tamara Andrés. AEP

Nunca se sae indemne dun bo poemario, desas composicións enchoupadas da íntima presenza das súas creadoras e de qué xeito estas se enfrontan á nosa realidade. Xa é redundante, aínda que sempre necesario, volver a referirnos ao bulir da nosa poesía feita por mulleres nos últimos anos, unha das nosas grandes enerxías creativas que non deixa de sorprender por ver cómo unha chea de mulleres dos máis diversos puntos xeográficos de Galicia convértense en afoutas continuadoras de nomes como o de quen vén de protagonizar o Día das Letras Galegas, Luísa Villalta, ou as recentes gañadoras do Premio Nacional de Poesía, Pilar Pallarés, Olga Novo e Yolanda Castaño, que sitúan ao galego e a nosa escrita ombreiro con ombreiro co resto de linguas do Estado.

Desta vez imos a Poio, de onde é natural Tamara Andrés quen, apenas superados os trinta anos, xa reúne unha serie de recoñecementos, entre eles o de ser finalista do Premio Nacional de Poesía Miguel Hernández, pero sobre todo pode fachendear dun conxunto de poemarios que amosan a solidez dunha traxectoria chea de infindas posibilidades, como as que nos amosa no seu recentemente publicado Para non concretarme que, dende o prelo de Edicións Positivas, achéganos un monllo de poemas que, como decía na primeira liña deste texto, deixan pegada. E o fan porque Tamara Andrés emprega corpo e palabra, isto é pel e mente, para situarse no mundo, para enfrontarse a esa «sociedade en epilepsia continua» na que estamos somerxidos ata un punto que xa chega a ser abafante. De aí que este poemario sexa unha sorte de salvavidas, unha boia á que suxeitarnos e coa forza suficiente para amosar como a contundencia do eu, deste caso do eu da creadora, pode amosar a súa resistencia feroz nesa contorna as veces tan inhumana. E para iso a palabra é o elemento que permite esa afirmación, mesmo a súa concreción como persoa dentro do devir do tempo. Un tempo que flúe como un río por debaixo de nós... un constante movemento que fai que todo mude, auga como a palabra ou esa linguaxe que é quen de que a nosa mente converta eses poemas en imprevisibles imaxes, en visións que só a poesía ten o poder suficiente como para facernos cómplices delas e da súa emoción contida.

Todo este territorio poético proposto por Tamara Andrés tínxese de orcela, o nome da cor onde descansa, como ela mesma afirma, desa travesía, dese camiñar, ou moverse baixo unha luz de abril, unha luz que mesmo discute a crueldade do abril de Eliot e a súa terra baldía, pero que a poeta precisa para atemperar a luz cegadora de agosto, «a luz do verán é asoballadora/ invasiva coma os impulsos/ como as persoas que mancan...». Nesa construción dun espazo mítico a poeta envorca todo o seu potencial de metáforas, imaxes e palabras que xeran todo un ámbito autorreflexivo compartido co lector, unha experiencia común que precisa en certos momento doutra pel, do fogar como acubillo ante o externo. En definitiva, atopar o físico como unha sorte de manancial na ruta, «creo na vida como entrega disparatada e sublime», e nesa entrega é onde se atopa a resposta, o afecto no que atoparse co outro, o afecto que adorar.

Mais con todo o dito, se atopamos un lóstrego que nos estremece ao longo destas páxinas e esa búsqueda da beleza e o seu carácter irredutible, entendéndoa mesmo como un alimento, como o norte dese compás dende o que movérmonos por esa condición de territorialidade chea de augas limpas, de desbordamentos e desexos, anacos de luz cos que ese corpo e esa mente acadan a súa plenitude física e sensorial. Unha corrente esvaradía que custa atrapar, converténdose nunha persecución dende a palabra, a mellor rede para capturala como a unha bolboreta de alas insubmisas, quizais como a propia poeta na súa procura por afirmarse dende a palabra.

Comentarios