El tiempo
sábado. 13.08.2022
El tiempo

Un escudo de carne

Materia é o novo libro de poemas de Yolanda Castaño. Unha mirada cara ao eu dende a súa conformación na memoria familiar, a súa presenza fronte ao mundo e as decisións que conleva unha ollada en feminino dende a que renunciar a certos papeis asumidos pola muller como obrigas
Yolanda Castaño. ALBERTO POMBO
Yolanda Castaño. ALBERTO POMBO

Oito anos pasaron dende o seu anterior libro de poemas, A segunda lingua. Oito anos nos que Yolanda Castaño afrontou unha intensa axenda de recitais e contactos con poetas e poesías doutras linguas e latitudes, tamén poñendo en marcha afoutos proxectos culturais arredor do feito poético, como a súa propia Residencia para Escritores na Coruña ou o encontro Poetas Di(n)versos, por citar só dous. Pero a poeta sempre ten tempo para atender o seu, isto é, para explicar o mundo e explicarse a si mesma a través da súa propia palabra, esa que Yolanda Castaño convocou aquí ao longo dun mollo de poemas que nos leva á materia da que esta feita esa dualidade de corpo e alma acubillada ao longo dos anos a través da memoria familiar, a afirmación do seu corpo fronte á contorna e as decisións que dende o feminino toma unha muller afastándose das convencións que a nosa sociedade afirmou ao longo dos anos para que toda muller responda a unha serie de condutas que son as que se agardan delas.

Materia, editado por Xerais, é, polo tanto, ese itinerario vital que todo poeta ten que facer ao longo da súa traxectoria en certo momento para entender cal é a súa identidade e cales son as súas respostas ante o que acontece ao seu arredor. O libro recíbenos con dous grandes poemas, dúas correntes épicas que nos levan ao longo de todo o que virá nas páxinas seguintes e que, como unhas augas subterráneas, irrigarán o solo polo que imos camiñar. Dous poemas que se moven en tres direccións, a que explica o ecosistema dende a memoria, o que foi o hábitat no que a súa familia desenvolveu a súa vida e como a palabra, a segunda dirección, emerxe, como unha sorte de salvación, a canle que mantén acesa esa memoria que alumeará ao longo de todo o que veña e, a terceira, a figura da avoa, modista. Unha costureira no tempo gris do franquismo precisa para tecer unha esperanza, "remendando as roturas con filigrana de prata", e onde xa se afirma o tempo novo que está por vir, o de mulleres á procura da súa liberación e na conquista doutro rol: "Nunca seremos, avoa, unhas boas amas de casa".

Despois desa entrada, o corpus central do poemario céntrase na fisicidade da poeta, no seu corpo como afirmación do eu na súa contorna. Un corpo que se afasta do que significa a vivenda familiar, a casa como refuxio, pero tamén como aquilo que deixar atrás no proceso de crecemento e maduración persoal. "O meu corpo colleume da man para levarme consigo", escribe Yolanda Castaño ante o novo camiño por percorrer e no que a escrita será o vento nas velas para moverse. "As frases empurrándonos" é o comezó dun poema no que a poeta amosa esa necesidade da frase, a palabra como a maneira de nomear o que acontece na travesía, que neste momento do libro abrolla no contexto familiar: o irmán, o pai mariñeiro que leva "trinta anos regresando", as amigas convertidas en "poldras", bravas e indomables, e todas elas tan necesarias para sortear aos seus lombos os atrancos da vida.

Yolanda Castaño para facer do corpo e da palabra a resistencia necesaria para acadar a liberdade

Todo iso agroma ao seu arredor pero nesta parte final do libro xa é o tempo dela, o tempo da ingravidez. Da muller fronte ao seu contexto, dese "escudo de carne/contra o mundo", o plantarse ante o que se entende que ten que ser o comportamento e a resposta de toda muller na atención á súa casa, ao seu fogar, e a obriga de ser nai como a gran confirmación do seu sexo.

Yolanda Castaño discute toda esa regramentación autoimposta e asumida, dubida dese "templo da familia" como un itinerario único e recupera a palabra como o vieiro máis acaído para poñer todo ese contexto no gume dun cantil dende o que rematar con esa visión que vén a facer pequenas as mulleres, a limitar as súas posibilidades, a convertelas en mémbros dóciles dun colectivo que nunca confiou nelas máis que para tarefas de portas adentro. Máis as frases, esas frases que leva escoitando dende pequena nese fogar, son tamén ese axóuxere case hipnótico que rodeu á poeta e que agora converte en poesía nun desfiladeiro de frases que sinalan un único camiño, do que se saiu Yolanda Castaño para facer do corpo e da palabra a resistencia necesaria para acadar a liberdade, esa mesma que agora se volve poema dende os tres estados da materia: líquido, sólido e gasoso. Vólvese ‘Materia’.

Un escudo de carne
Comentarios