Visión retrospectiva de Rafael Úbeda

Una espectadora observa un cuadro de Rafael Úbeda. EP
O Museo Gaiás da Cidade da Cultura acolle unha proposta retrospectiva da obra de Rafael Úbeda. Pintor singular, de longa traxectoria caracterizada pola súa honradez plástica e a capacidade de confluencia de diferentes mundos artísticos, como a música e a pintura en feliz maridaxe.

DURANTE TODO o verán no terceiro andar do Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura se pode visitar a completa e aclaradora exposición que, baixo o lúcido e experto comisariado de Pilar Corredoira, permite achegarse a unha das nosas grandes figuras pictóricas. Rafael Úbeda. Visión retrospectiva ofrece, dende unha moi coidada montaxe, entender os diferentes momentos artísticos do pintor pontevedrés que, superados os noventa anos, aínda entende a pintura como un compromiso diario co taller e as posibilidades que un pode atopar nese permanente desafío que propón o lenzo.

Formado na madrileña Real Academia de Belas Artes de San Fernando, despois dunha venturosa e valente marcha da súa Pontevedra, na que se pretendía atopar unha pulsión pola arte, como a resposta precisa a anos de inquedanzas e aventuras profesionais que ao fin e ao cabo non entendían máis que de atopar a maneira de desenvolver o que un leva no seu interior. A súa autodidacta formación como cartelista de cine e como entusiasta músico dende moi novo, estableceron as canles precisas para atopar esa pista de aterraxe dende a que se poderían conseguir todos os soños.

O seu paso por Roma e polos Países Baixos modelou esa mirada con certos modelos e percepcións da realidade que se foron superpoñendo a esa formación tan estrita da Academia, da que o propio Úbeda en anos sucesivos tivo que sacudirse certas fórmulas coartivas. O ser quen de acadar esa liberdade de formas permitiu que a súa pintura madurase de xeito exponencial, sendo esa cuestión a que se resume de maneira perfectamente representada por numerosas obras en tódalas súas etapas nesta exposición.

Ese ton retrospectivo arrinca cunha das partes da exposición mellor conseguidas e máis necesarias e interesantes para o espectador, dados os baleiros que hai sobre eses tempos primixenios e as exposicións feitas por Rafael Úbeda en meses anteriores a esta mostra, máis centradas en aspectos concretos da súa obra. A complexa localización de pezas daqueles anos cincuenta e sesenta, e a posibilidade da súa exhibición no Gaiás, permiten achegarse a esa linguaxe primixenia onde a pintura italiana lle concede un forte pulo ás posibilidades expresivas do pintor. Cadros como El jardín de la Academia, Florencia, Calcata ou Lazio, son unha perfecta visualización deste momento de formas xeométricas que configuraban unha nova visión da realidade, coa cor e os efectos de luz modelando unha visión italianizante da paisaxe, tanto rural como urbana.

A partir de aí a pintura de Rafael Úbeda comezará a establecer dúas liñas de traballo xa irrenunciables ata hoxe. A importancia da figura xunto á creación de toda unha serie de personaxes que habitarán ese espazo da imaxinación tan singular; e nel, tamén, atopamos a inclusión da compoñente musical nas súas obras, o que permitirá, de maneira xenial e case única na nosa plástica, ampliar as posibilidades dunha realidade que se converte en inesgotable dende o traballo de quen aínda hoxe pasa moitas das horas do día loitando por atopar esa composición axeitada, esa mirada necesaria para organizar todo o que acontece na superficie de traballo.

No medio do percorrido unha zona de descanso permite que nos sentemos ante un vídeo que se achega a súa cotidiandade no estudio, un espazo que ao longo dos anos conservou toda unha cartografía artística chea de obras, materiais e mesmo influencias que acaban deixando ese exterior para insertarse en non poucos cadros nun fermoso proceso de integración do real na ficción.

Un vídeo que completa a exposición xunto cun magnífico catálogo, feito con extraordinario coidado e no que se dá magnífica conta do contido da mostra, desas pezas que de novo centran a nosa atención para achegarnos así aos arpexios, vibracións, harmonías ou soños que converten a pintura de Rafael Úbeda nunha partitura chea dun inesgotable maxín. Do mesmo xeito aparece toda esa xenealoxía de personaxes que o pintor humaniza para sacalos da ficción e convertelos en personaxes reais ao xeito que fixera o gran Federico Fellini con aquel desfile a carón do mar en ‘Oito e medio’, xunto a eles continuamos camiñando e atravesamos polas súas recentes paisaxes, aquelas que conteñen o espírito daquelas olladas á paisaxe italiana pero que agora impactan pola súa aparente sinxeleza e economía de recursos, quedando a pintura sostida no aire, como flotando nese espazo no que a ficción pelexa co ámbito do real.