Opinión

O amarelo, prohibido

DESDE o século XVII o amarelo está vetado no teatro. A superstición é debida a que Molière morreu ao pouco de sufrir no escenario vestido con esa cor un ataque de tose que lle provocou a rotura dunha vea pola tuberculose que padecía, e así nesta derradeira representación do prolífico autor francés a súa roupa foise tinguindo de vermello. Non está prohibido, pero crese que dá mala sorte. O mesmo deben pensar no Ministerio do Interior. Ao parecer, danlle arrepíos. De entrada a Policía xa requisou camisetas na final da Copa do Rei, non fora ser que o amarelo provocara altercados. O seguinte paso pode ser que se lle envíe unha carta a Amancio Ortega para conminalo a que impida o uso desa tinguidura en calquera prenda nas tendas do seu grupo. Non vaia ser que os independentistas cataláns fagan un estudo de cantas persoas levan ese ton e os apropien como seguidores da causa. Que medo.

Comentarios