lunes. 25.10.2021 |
El tiempo
lunes. 25.10.2021
El tiempo

Que fai Rosalía en Meirás?

É un lugar común pensar que o grao máximo de acaloramento nunha disputa prodúcese nos debates políticos. E un erro. As disputas políticas, sobre todocon micrófonos por medio, son unha variante indolora da loita a mocazos que practicaba o ser humano antes de dotarse de institucións públicas. Onde a discusión acada os niveis de deporte extremo é na esgrima practicada coa pluma, nos debates intelectuais. O último, o mantido sobre a figura, ou mellor o pensamento, de Emilia Pardo Bazán.

O VINDEIRO 12 de maio cumprirase o centenario da morte da autora, e previsiblemente, #EPB será trending tópic no mundo cultural, mediático e institucional, aproveitando que, como dicía Chesterton, un clásico é aquilo que se pode eloxiar sen telo lido. Os Pardo Bazán foron os primitivos propietarios do que era unha granxa de Meirás, á que dotaron de torres, e Franco elevou á categoría de pazo. Como quen ve a ocasión ve o camiño, a Xunta viu que a mellor forma de evitar que Meirás fose un altar dedicado á memoria histórica é erguer alí outro á memoria de Pardo Bazán. "Converter o pazo no faro da igualdade", en recoñecemento da "aposta pola libertade de dona Emilia", segundo a retórica do escritor de discursos de garda. O que normalmente sería un contraste de pareceres sobre a figura poliédrica e contraditoria de EPB colleu outra derrota.

Xosé Antón Fraga, biólogo e historiador da ciencia, enviou un longo artigo a La Opinión, argumentando que, a excelencia como escritora da Pardo Bazán e a súa loita polos dereitos das mulleres non quitaba que, noutros aspectos, o seu pensamento era indiscutiblemente reaccionario. Non soamente ao comezo da súa vida adulta, onde era carlista e católica a dor, senón tamén nos anos posteriores— "Por mí, que las Cortes se nombren de real orden, y librémonos de los trastornos que las elecciones llevan consigo", dixo en 1898, con 47 anos.

Fraga cita, entre outras opinións que se compadecen pouco co "faro de igualdade", a que tiña sobre os xudeus —"¡Vaya V. a llorar por unos cuantos judíos achicharrados en el siglo XVI"—, sobre os desherdados —aplaudiu a decisión do gobernador de Madrid de "barrer a los golfos, mendigos, busconas, hampones, perdularios, artistas de la miseria y otros gusanillos de la gusanera matritense"— e a grandeza do Antigo Réxime —"labriegos puros que amaban al zar, al padrecito, no contaminados por la civilización occidental importada del corrompido Occidente"—. Ademais, continúa Fraga, a compaixón que aparecía en personaxes da súa obra non se correspondía coa da autora. Tanto polo xénero humano en xeral —nunha conferencia en plena matanza da Gran Guerra afirmou que lle parecía menos terrible a perda de vidas humanas ca dos tesouros artísticos— como de escritores que admiraba como Emile Zola —"La muerte de Zola ha sido bien insípida. ¡Mire usted que calentarse con carbón mineral, la cosa más dañina, un escritor, abogado del progreso, de la higiene, un naturalista!"—.

Marilar Aleixandre, bióloga, escritora, profesora de Didáctica das Ciencias Experimentais na USC e tesoureira da RAG, saíu ao quite incidindo que as achegas de EPB ao feminismo foron máis alá que as da reivindicación dunha vida propia, persoal, literaria e afectiva. Aleixandre debulla a modernidade do feminismo de EPB: "Identificou algunhas das bases filosóficas ou ideolóxicas nas que se fundamenta a discriminación, e algúns mecanismos polos que se exerce o que hoxe chamamos patriarcado. Un exemplo é a idea do destino propio das mulleres oposto á idea do destino relativo: ‘La mujer tiene destino propio; que sus primeros deberes naturales son para consigo misma, no relativos y dependientes de la entidad moral de la familia que en su día podrá constituir o no".  A escritora recoñece, non obstante, que "é coñecido que Pardo Bazán foi conservadora no político, excepto no referente aos dereitos das mulleres e ás ideas sobre elas. O propio autor [Fraga] recoñece que moitos intelectuais do seu tempo compartían ideas racistas".

Entón, se Fraga non discute que EPB fose feminista, e Aleixandre admite o seu conservadorismo e o seu racismo, nada alleos aos intelectuais da época, que queda da polémica, quitando as fintas da esgrima? O destino de Meirás? Non, Rosalía. Como de pasada, Xosé Antón Fraga afirma que EPB a ignorou cando en 1880 publicou Follas novas, pero presidiu unha celebración na súa honra na que menosprezou a súa obra. Aleixandre colle a onda e finaliza o seu escrito sinalando: "Outra muller coa que se tentou opoñer a Emilia é Rosalía. Discutir en detalle por que este antagonismo simbólico, que ven de Murguía, callou no imaxinario da intelectualidade nacionalista galega daría para outro articulo. Emilia non menosprezou a súa obra, senón que prestou atención a Cantares gallegos, ignorando Follas novas, de contido máis social".

Efectivamente, lendo a monumental —en todos os aspectos— biografía de Murguía de Xosé Ramón Barreiro Fernández (Murguía. Galaxia, 2012) despréndese que o esposo de Rosalía, ademais dun home tan intelixente como brillante, era o que hoxe chamaríamos un hater (odiador). Nel cumpríase sobradamente o tópico sobre a capacidade vitriólica dos homes pequenos. A parella Murguía-Rosalía fixo o itinerario oposto ao de Pardo Bazán. Eles eran uns bohemios que,  asentados en Madrid, o seu círculo de amizades eran Alarcón, Núñez de Arce, Bécquer, Pi i Margall, Sagasta, Salmerón… xente que, como di Barreiro, "poucos superaban a Rosalía e a Murguía en cultura e xenio literario". Porén, regresaron a Galicia, cunha man diante e outra detrás, determinados polo sentido mesiánico del. A Pardo Bazán era una burguesa —o título viríalle á familia máis tarde— que planeaba a aterraxe nos cenáculos literarios de, polo menos, a capital.

"Coincidiron na mesma cidade os dous escritores máis recoñecidos de Galicia. E os dous non cabían na mesma cadeira. Fondas discrepancias ideolóxicas, pero sobre todo de estilo separaban estas dúas personalidades", di Barreiro. As discrepancias eran máis que fondas. Dona Emilia era unha señora da boa sociedade que consideraba exemplar o campesiñado ruso, devoto do Tsar e renegaba das constitucións liberais.  Rosalía compartía o seu feminismo, posiblemente sen tanta armazón ideolóxica, pero ela e o seu marido eran rebeldes ás presións sociais e tiñan as ideas máis radicais do momento, o republicanismo democrático e o socialismo utópico. Murguía, segundo Barreiro, "foi perdendo a súa confianza nas elites do país como elemento transformador da sociedade e apostou pola rebelión e a revolución dos campesiños e  mariñeiros". "Sóis unos, ¡defendeos! Sois los más ¡defendeos! No fiéis a nadie vuestra liberación, cuando os basta extender la mano para conseguirla", escribía en 1910.

Pero non era unicamente a ideoloxía. "Murguía envexaba a facilidade coa que Emilia, cunha relativa escasa obra, día a día se facía máis famosa. Pero tamén Emilia envexaba a Murguía, que en Galicia non tivera rival e que cando un intelectual de fóra precisaba información, acudía a el e non a ela", di Barreiro. Ou sexa que Aleixandre ten razón en que o antagonismo vén, en boa parte de Murguía. Pero non en que EPB non menosprezou a obra rosaliana.

A Pardo Bazan interveu, con Castelar, nunha homenaxe a Rosalía en 1885, a mes e pouco da súa morte, no Circo de Artesáns da Coruña, o que non foron invitados nin Murguía nin ninguén da familia. "O discurso de Pardo Bazán é, baixo a súa aparencia, un intento de desacreditar a obra de Rosalía. Di que é unha gran poeta, pero poeta regional". Para EPB,  resaltou a filóloga lucense  Araceli Herrero. "Es la literatura regional, puente que enlaza las letras cultas con la poesía y el arte del pueblo comunica, perfume campesino y agreste al habla majestuosa de Castilla", aínda que abriga dúbidas sobre a súa utilidade e porvir, e rexeite o que representa ou pode representar no terreo político. "Que no tome cuerpo tangible ninguna idea contraria a la patria, lo cual sería para las literaturas regionales cargo más grave que el de romper la del idioma y del pensamiento artístico nacional".

Por esa razón alaba Cantares ("como mujer que es, por estar las mujeres más próximas a la ingenuidad del pueblo, supo traducir de maravilla el alma del país"), a excepción dos poemas reivindicativos, e critica Follas Novas porque neses poemas, a autora fala "por cuenta propia, repitiendo las eternas quejas con las que ya no aporta nada nuevo". En resumo, a misión do/da "poeta regional" é servir de medium para o espiríto popular —sempre que sexa rural— e non para misión literaria ningunha. Por iso EPB pasa con pes de la sobre a obra en castelán de Rosalía. Xa non era literatura regional.

O certo é que, un século despois, os debates nos xornais son batallas de almofadas en comparación cos que se mantiñan daquela. Sería interesante imaxinar que opinaría EPB, que abominaba das clases baixas, incluída a media (aquela que usaba o novo invento ese das galerías para lerchear) de que o nome que lle deu á cidade, Marineda, hoxe identifica a un masificado centro comercial? E tamén que lle parecería ao Murguía que disparaba —intelectualmente— contra todo o que se movía que a institución que deu sentido á súa vida (xunto á construción do mito da súa muller) teña como sede a casa familiar da súa vella inimiga?

Que fai Rosalía en Meirás?
Comentarios