Alfonso Rueda: "Galicia é a miña razón de ser e paga a pena deixarse a pel por ela porque ten enormes oportunidades"

Leva moitas campañas ás costas, pero cando toca ser o candidato "é moi diferente". É optimista para o domingo, así que xa ten clara a folla de ruta da lexislatura: blindar servizos públicos e captar investimentos.
Alfonso Rueda Valenzuela (Pontevedra, 1968). PEPE FERRÍN (AGN)
photo_camera Alfonso Rueda Valenzuela (Pontevedra, 1968). PEPE FERRÍN (AGN)

Que sensacións lle está deixando esta campaña electoral?
A verdade é que estou sorprendido e agradecido por encher todos os recintos aos que imos e polo empuxe da xente. Nos actos sectoriais e no reparto da rúa noto moita receptividade e en xeral vexo calor e animación. É unha campaña intensa, pero estame gustando e fomos cada vez a máis.

Campañas estivo en moitas, pero como se vive sendo o candidato?
Ten pouco que ver! Dirixín as primeiras campañas de Feijóo desde dentro, nas tripas, pero agora é diferente porque todo o que dis ou todo o que fas ten gran repercusión. Non sinto presión, pero si teño un sentimento de responsabilidade polo que fago.

Son optimista pero non polas enquisas senón polo ambiente que vexo; noto receptividade, calor e animación na rúa"

Case todas as enquisas dan maioría absoluta ao PP. É optimista?
Si, pero non polas enquisas senón moito máis polas sensacións de campaña: vexo un ambiente que me move ao optimismo. E se as enquisas tamén din que imos ben e temos un apoio estabilizado, pois loxicamente anima. Non me gustan os sondeos que din que nos vai ir moi ben porque poden desmobilizar; prefiro os que nos din que simplemente é posible.

Penalizará ao PP nas urnas a polémica de Feijóo coa amnistía?
Sinceramente, non. Iso é o que intenta a esquerda, pero Feijóo aclarouno inmediatamente e quen o coñeza sabe de sobra o que pensa. A xente en Galicia ten claro que a amnistía sería prexudicial. Non me preocupa en absoluto.

Non me preocupa en absoluto a polémica, que tan só lle interesa á esquerda. A xente aquí coñece moi ben a Feijóo"

Sempre identificou a Pedro Sánchez como o inimigo, pero visto o visto, son o BNG e Ana Pontón os seus grandes rivais?
Pero non esquezamos que todas as posibilidades que ten Ana Pontón pasan por un pacto co PSOE! Eu sempre digo en campaña que o pacto que quero é coa xente coa que falo e á que lle pido apoio, e o resto sería un multipartito de esquerdas, así que os meus rivais son todos os partidos que se presentan na esquerda. O que ocorre é que nesta campaña estase a ver unha extrema debilidade do PSOE, por todo o que fai Pedro Sánchez en España e o trato que lle dá a Galicia, que está alimentando o voto do BNG. Pero necesítanse uns aos outros, así que Pedro Sánchez segue a ser o meu rival.

A campaña electoral pareceu polarizarse entre PP e BNG, xa desde o debate da CRTVG. Por que?
Polo que digo, porque a xente ten claro que unha opción é a maioría absoluta do PP e outra, un multipartito de esquerdas onde parece claro que o encabezaría a opción nacionalista/independentista, porque o outro partido de esquerda con opcións desinflouse. Pontón dixo que quería ser presidenta e Besteiro tamén, así que se aventura unha discusión que reproduce o bipartito que xa tivemos, agora agravado porque faría falta incluso algún partido máis.

O PSOE está feble cun candidato arrastrado e o BNG tenta branquear e ocultar en campaña as súas ideas radicais, que as ten"

Que ou quen o decepcionou máis nesta campaña electoral?
Nada, porque ocorreu o que eu esperaba: un debilitamento do PSOE, cun candidato arrastrado de última hora e unha progresión en campaña cara a abaixo; e un BNG que está facendo o agardado, que é tentar branquear e ocultar durante a campaña as súas ideas radicais, que as ten.

Leva vostede feitas moitas promesas electorais. Cal destacaría por riba das outras?
Teño moitos compromisos nesta campaña, ata 872, pero destacaría os máis inmediatos, como as matrículas universitarias gratuítas ou cumprir en materia de vivenda pública. O que non me creo son as propostas estrela da esquerda coas que din que van a solucionar todo. As miñas son seguir blindando os servizos públicos e seguir facendo que Galicia sexa un lugar atractivo para investir, que é algo fundamental neste momento onde coñecemos que hai interese empresarial en nós e hai que saber se haberá estabilidade política.

E das promesas da oposición gústalle algunha?
Claro! Se é verdade que vai ser gratis a AP-9 e a AP-53 cómprolles agora mesmo a proposta, pero o candidato do PSdeG soltouna cando faltaban tres minutos de debate e nunca máis se soubo dela. Tamén lles compraría o apoio a Altri, pero diso non dixeron nada. É máis, hai plataformas afíns ao Bloque que afirman que Altri non se pode financiar.

Cales serían as prioridades da lexislatura se continúa na Xunta?
O primeiro, garantir que os servizos públicos sigan funcionando, que é algo fundamental. Seguir mirando da sanidade e do ensino, por exemplo completando ese ciclo gratis desde a gardería ata a universidade. Tamén frear o problema demográfico, xa que o ano pasado tivemos un saldo de poboación positivo. E atraer investimento, adecuar a oferta formativa ás necesidades do mercado laboral porque as empresas teñen problemas, manter o apoio ao emprendemento e aos autónomos, integrar o territorio a través das infraestruturas, tanto investindo nas nosas como reclamando as que aínda non temos; e tamén apostar polos proxectos industriais que temos pendentes e que crearán milleiros de empregos.

Pontón xa avanzou como sería o seu futuro goberno na Xunta. Vostede ten claro o seu? 
Faime graza porque dixo que o ía avanzar e logo deuse de conta de algo fundamental: que non podía porque depende doutros para gobernar. Iso é fundamental! A diferenza é que eu si teño liberdade para escollelo. Eu estou orgulloso do meu goberno e vai todo nas listas porque iso é o que hai que facer: un exercicio de transparencia para que a xente xulgue aos que estamos tomando decisións. E se temos a confianza dos galegos, seguiremos facendo o mellor goberno posible, que xa veña aprendido a traballar e que non traia a ideoloxía ás tarefas de goberno.

Que lle diría aos indecisos para convencelos de que o voten?
Que pensen que o domingo hai dúas opcións: seguir co rumbo que lle marca a Galicia o PP, que é darlle estabilidade para poder ter a ambición de facer moitas cousas; ou caer nun multipartito de esquerdas presidido por un partido do mesmo talante do que hai agora en Cataluña montando todos esas leas. Ese multipartito traeríanos moitos retrocesos e cousas que xa vivimos aquí co bipartito, ao que os galegos lle dixeron que non na primeira ocasión que tiveron en 2009. Estou convencido de que todo iso volvería porque o BNGnon mudou os seus postulados nos últimos anos. Todo iso que eu chamo a matraca nacionalista, esas ideas fixas do independentismo galego que seguen sendo as mesmas. Que os galegos pensen se iso é o que lles convén, porque este domingo o que se xoga é decidir entre dúas posibilidades. E quedar na casa non é unha opción.

Tan só hai dúas opcións o domingo: a estabilidade do PP ou un multipartito de esquerdas que nos meta en leas"

Que é Galicia para vostede?
A miña razón de ser e ao que estou dedicando a miña vida. A política é moi dura e eu teño a miña profesión, pero penso que paga a pena deixarse a pel por Galicia porque ten un potencial enorme e, ben dirixida e cun goberno que tente parecerse ao sentidiño que temos os galegos, ten unhas oportunidades brutais de posicionarse entre as mellores comunidades de España. Somos identidade, somos terra... e temos moito que dicir en España. Pero tamén temos que recibir do Goberno o trato que merecemos; e para iso tamén estou eu en política.

Móllese para o domingo: 38 escanos? Máis? Menos?
Gustaríame ter máis, sinceramente. Sei que o que estou pedindo son 38 e xa é moitísimo, pero eu quero cumprir o meu programa e non me vexo pactando con ninguén. O meu ‘pálpito’ é que van ser máis de 38, pero non me obsesiono.

Quero 38 escanos xa que non contemplo pactar para poder cumprir todo o programa. E teño o ‘pálpito’ de que serán máis"

Non se ve pactando. E se precisa a Democracia Ourensana?
Vexo difícil outra cousa que non sexa cumprir o noso programa e iso é a maioría absoluta. 

"As fillas fálanme de política pero dígolles que non entren nela"

Cal foi o peor momento da súa vida política ata agora, un no que pensase en deixalo todo?
Este é un oficio duro e en todos os anos que estiven, por flashes que aínda me veñen e quizais por ser algo para o que un non está preparado, diría o accidente de Angrois. Eu era responsable das emerxencias e tocoume organizar a morgue do Sar e estar coas familias. Vivín cousas que pasados dez anos aínda me veñen á memoria.

Tivo algunha vez problemas para chegar a fin de mes?
Sinceramente non, pero eu empecei a gañar a vida relativamente novo. Si había cousas que me gustaría facer e non puiden, pero apuros non pasei.

Axudáronlle seus pais a mercar o seu primeiro piso?
Non. Pagámolo a muller e eu.

Que faría se lle tocase mañá o Euromillones e non tivese que volver traballar en toda a súa vida?
Seguiría traballando, porque me gusta. Pero é certo que viviría máis desafogado e igual me daba algún capricho que agora non podo.

Cabréame, porque non o entendo, que algúns se neguen a darme a man só porque son do PP. Vivino nesta campaña"

Se puidese borrar unha soa cousa do seu currículo, que eliminaría? E se a puidese engadir, cal sería? 
Engadiría que cando me presentei a presidente da Xunta tiven a confianza dos galegos para selo [ri]. E non hai ningún erro digamos garrafal do que me arrepinta. Agora si, no día a día equivoqueime, e é algo que admito.

Deus non o chamou polo camiño…
Das ciencias. Fixen todo o bacharelato por ciencias, pero dinme de conta ao final que non era o meu, e visto o visto, creo que acertei.

Que logro lle deu máis satisfacción?
Na política, a primeira maioría absoluta con Feijóo en 2009, contra moitísimos prognósticos. E anivel persoal, as miñas fillas.

A súa maior decepción foi…
Algunha xente na que confiei e despois me demostrou que non merecía esa confianza.

A súa familia e amigos vétanlle a política como tema de conversa?
Durante moito tempo na miña casa non se falou de política. A miña muller ten o seu traballo e o seu ámbito e eu sempre intentei separar, penso tamén que por hixiene mental. Pero é certo que agora as miñas fillas, que empezan a universidade, non sei se por cariño ou porque me ven moi esixido, pregúntanme e coméntanme cousas. Temos un chat onde dun tempo para aquí me falan de política, cousa que me chama a atención e me gusta. Iso si, dígolles o mesmo que me dicía meu pai a min: que non se lles ocorra meterse nesta vida.

Cal é o seu principal defecto?
O meu principal defecto é a impuntualidade. Conste que intentei corrixila bastante. E ás veces tamén me gustaría ter máis constancia para acabar cousas que empezo.

A que político doutro partido admira?
Teño bos amigos noutros partidos, sobre todo no PSOE. Teño boa relación por exemplo con Adrián Barbón [presidente de Asturias].

E con que político doutro partido iría de cañas?
Hai moitos! Pero por exemplo con Luis Álvarez, do PSOE de Lugo.

Non se pode mentir nunca agás...
Hai mentiras piadosas. Contando a dura verdade ás veces faise un dano innecesario, así que sen contar mentiras, ao mellor non hai que dicir toda a verdade.

Cal foi o regalo máis caro que fixo e lle fixeron?
Non somos de grandes regalos. Agora penso que as miñas fillas, que están sacando o carné, esperan que lles compre un coche. Eu paguei o meu primeiro coche, pero gustaríame facer ese esforzo e mercarlles un de segunda man.

A quen lle conta os segredos?
Absolutamente a ninguén porque deixarían de ser segredos. Hai cousas que non lle conto a ninguén, como todo o mundo.

Se puidese coñecer a alguén, vivo ou morto, a quen querería que lle presentasen?
A Rafa Nadal. Cáeme ben e paréceme un tipo interesante. E na política, sempre me atraeu moito a figura de Obama.

Non o atoparemos nunca en…
Nas posturas radicais.

Que cousas o alporizan?
A intransixencia. Aínda o vivín nesta campaña con xente que nin me deu a man por ser do PP. Non o entendo; non debería ser así. 

Lugo: "O proxecto de Altri, que teñen bloqueado en Madrid, é básico"

Cales serán as súas prioridades para a provincia de Lugo se recunca na Xunta o domingo?
Para nós o tema de Altri é fundamental, pola importancia que ten unha empresa con 2.500 empregos, un proxecto serio que teñen parado en Madrid e que hai que desbloquear canto antes. E tamén asegurar o futuro de Alcoa, no que iremos da man co Goberno se vemos que de verdade traballa. Hai que darlle unha solución ás electrointensivas.

E máis alá da industria?
No segundo trimestre licitaremos xa a reforma do centro de saúde da Milagrosa, a mediados de ano empezarán as obras da intermodal, hai en execución 99,8 millóns no polo aeroespacial de Rozas e 34 millóns na autovía Nadela-Sarria. E imos manter a presión para seguir reivindicando as grandes infraestruturas para Lugo, sobre todo ferroviarias, así como explotar as posibilidades turísticas fantásticas da Ribeira Sacra. E se gañamos as eleccións, seguiremos apostando por facer cidade.

Como?
Seguiremos impulsando a actividade empresarial e industrial; e os servizos sanitarios co novo
centro de atención a doentes de alzhéimer en Calde ou co centro de saúde do Sagrado Corazón. Tamén poremos en marcha un novo instituto (IES), crearemos un Espazo Xove na cidade e promoveremos novas instalacións deportivas. E no ámbito da cultura, abriremos unha nova sede do CGAC en Lugo.

Pontevedra: "Esta cidade non pode renunciar aos empregos nin á industria"

Cales serán as prioridades da lexislatura para Pontevedra se continúa á fronte da Xunta?
Temos que consolidar Pontevedra como unha cidade industrial, porque o que non se pode é alegremente prescindir dunha industria como Ence. Afortunadamente é un tema que solucionamos co apoio da sociedade civil. Eu vivo en Pontevedra e ten que ser unha cidade con calidade de vida, pero que non renuncie aos postos de traballo.

E máis alá da industria?
Xa licitamos a construción de 76 vivendas en Valdecorvos, este ano agardamos completar o Gran Montecelo logo dun investimento de 170 millóns de euros, e tamén queremos consolidar o campus de Pontevedra e achegalo á cidade. Imos reformar a residencia de maiores de Campolongo e ampliar a depuradora de Praceres por 50 millóns. Entre os plans tamén está aproveitar o crecemento do turismo grazas ao Camiño Portugués e seguir atraendo actividade administrativa á cidade: hai que darlle unha segunda vida ao antigo edifcio de Facenda que revitalice a zona vella. E se gañamos as eleccións, seguiremos apostando por facer cidade.

Como?
Imos investir 18 millóns no pazo de Lourizán e seguiremos apostando polo saneamento da ría, onde hai que lograr que se acometa por fin o dragado. Nesta lexislatura tamén queremos reconverter o antigo hospital provincial en residencia universitaria.

Comentarios