Marta Lois: "A chamada a concentrar o voto é equivocada; o relevante é amplialo"

A candidata de Sumar Galicia ás eleccións autonómicas do domingo asegura que as medidas da súa formación son "máis ambiciosas" cas das outras forzas
Marta Lois, candidata de Sumar a la Xunta. PEPE FERRÍN
photo_camera Marta Lois, candidata de Sumar a la Xunta. PEPE FERRÍN

Convencida de que BNG e PSOE non poden apartar a Rueda da Xunta sen a axuda de Sumar, Marta Lois exerce de politóloga e tira de números para lanzarlle unha mensaxe aos indecisos: "Quen queira cambio debe saber que é Sumar quen lle está disputando escanos ao PPdeG".

Que sensacións lle está deixando a campaña electoral?
Pois sensacións moi positivas. Detecto esperanza e ilusión no cambio o día 18, nunha campaña que está indo de menos a máis, no sentido de que os galegos progresistas confían cada vez máis en que pode haber ese cambio. E vai habelo se Sumar Galicia ten poder decisivo para que haxa un Goberno a tres na Xunta.

As enquisas sitúan a Sumar cun pé dentro e outro fóra do Parlamento. Cre que entrarán?
A única enquisa que vale é a do 18- F. Nós estamos confiadas e convencidas de que imos a ter representación e imos a ser decisivas. Todo o esforzo neste segundo tramo de campaña está centrado en convencer aos galegos progresistas de que a posibilidade de cambio en Galicia pasa por Sumar, porque con BNG e PSdeG sos non chega.

En que provincias ve máis opcións de escano?
As enquisas indican que en Pontevedra e A Coruña é onde estamos con maior potencia. En calquera caso, imos a por todas.

Están renunciando a facer campaña en Ourense e Lugo para concentrar o voto?
Para nada! Eu estiven en Lugo capital, na Mariña, en Ourense, no Barco, en Xinzo... E imos voltar esta semana.

Na esquerda hai quen os acusa de dividir o voto cando se precisa concentralo.
Son politóloga e podo afirmar que esa é unha mensaxe equivocada. Estas eleccións non van de concentrar o voto, senón de amplialo. Hai que lembrar que o pasado 23 de xullo houbo maioría progresista porque Sumar foi terceira forza; e para que haxa un cambio histórico en Galicia que poña fin a 14 anos de políticas regresivas do PPdeG precísase tamén a Sumar. Insisto en que isto no vai de concentrar voto, senón de amplialo, e nese sentido a forza política útil é Sumar Galicia.

Que diferenza a Sumar do Bloque e do PSdeG?
Creo que temos programas políticos diferentes. Estes días contamos as nosas propostas, que teñen moito que ver con políticas de transformación social: renda de garantía básica, recuperación para o público da atención no fogar (SAF), un sistema galego de coidados, suba do salario mínimo, redución da xornada laboral... Son medidas que non teñen tanto que ver con debates ideolóxicos, senón con políticas que melloran a vida da xente. Se non está Sumar nun goberno a tres na Xunta, moitas destas cousas non se van facer, e esa é unha das grandes diferenzas. O BNG no Congreso non votou a favor da reforma laboral, que logo demostrouse que tivera efectos moi positivos. Así que creo que si existen diferenzas, porque as políticas de Sumar son feitos. Agora queremos facer o mesmo na Xunta. Eu teño experiencia de goberno e quero gobernar.

Que considera prioritario para Galicia se chega á Xunta?
Unha das cuestións de emerxencia, ante o desmantelamento da sanidade e da dependencia, é o rescate dos servizos públicos. Outra prioridade ten que ver coa vivenda e aí nós somos máis ambiciosos que outras forzas progresistas, así que se hai cambio a partir do día 19, Galicia porá límite ao prezos do alugueiro e decretará zonas tensionadas polo turismo. Penso que servizos públicos e vivenda son fundamentais para os galegos que queren buscar un plan de vida e que hoxe non poden porque teñen que destinar un 60% ou 70% do salario a pagar o alugueiro. Iso é unha barbaridade!

Quedou satisfeita do debate?
En xeral si. Estaba feito a medida do PP, nun medio público secuestrado polo Partido Popular e instrumentalizado como ente público ao servizo da propaganda de Rueda. Pero dito isto, saín satisfeita dun debate que amosou un Rueda sen propostas, sen ideas, nervioso e preocupado polo cambio.

Que tal a experiencia, aínda que breve, no Congreso?
A experiencia no Congreso foi moi valiosa para min. Traigo a Galicia toda unha traxectoria de responsabilidade nun grupo plurinacional como Sumar, e foi unha honra defender os intereses das galegas e galegos no Congreso.

Arriscou moito renunciando ao escano non Congreso sen ter asegurado o do Parlamento.
Eu creo que hai que ser coherente coas decisións que un adopta. Din un paso adiante e dino con todo o grao de implicación que esixen as eleccións galegas, que supoñen estar ao 100%. Dou un paso para traballar por Sumar Galicia e fágoo con todas as consecuencias, porque non se pode estar a medias ou xogar a medio gas.

Agora que coñece mellor os dous, prefire a Rueda ou a Feijóo?
A ningún dos dous! Un é o delegado das políticas que se fixeron neste país durante 14 anos e que amosan que houbo grandes retrocesos no eido económico e social, cunha perda de moitísimos empregos ou o desmantelamento de servizos. Que lle pregunten a calquera galego que ten que acudir a un centro de saúde ou ás familias que non teñen pediatra! Todo isto é un auténtico desleixo e a responsabilidade é tanto de Feijóo como do presidente non electo Rueda.

Xógase moito Yolanda Díaz o domingo nestes eleccións?
Yolanda Díaz está implicada ao cen por cen, aposta forte e co corazón por Galicia porque está convencida de que Sumar é a forza política útil e que vai ser clave. Por iso insisto en que, cando alguén lea esta entrevista e teña dúbidas sobre se votar ou non a Sumar por esa cuestión da que tanto se fala do voto útil, dicirlle que todas as enquisas e datos obxectivos que temos indican unha cuestión clara: Sumar Galicia é o único que lle pode sacar escanos ao PP para que perda a maioría. A xente que queira cambio na Xunta debe saber que a forza útil é Sumar.

Test: "Gústame poder conciliar política e vida persoal; o estrés alporiza"

Cal foi o peor momento da súa vida política?
Globlamente teño a sensación de que a política deume bos momentos. Non foi agradable cando estaba no Congreso e Podemos decidiu unilateralmente abandonar Sumar. Pero tampouco foi o peor; o peor ás veces é querer facer unha serie de políticas diferentes e ves que se frustran e sénteste impotente. E ter responsabilidade de goberno en Santiago durante a pandemia tamén foi un momento duro.

Tivo problemas algunha vez para chegar a fin de mes?
Afortunadamente non. Teño amigos e familia que teñen sufrido situacións dese tipo, pero eu son afortunada. Sempre estudei con bolsas no seu momento e traballei para lograr aforros para o doutoramento. Pero son dunha xeración que en xeral non tiña dificultades para pagar un alugueiro; era máis doado que agora.

Axudáronlle seus pais a comprar a primeira vivenda?
Axudáronme un pouquiño, pero basicamente aínda hoxe teño unha hipoteca.

Que faría se lle tocase o Euromillóns e non traballase máis?
Eu son moi inqueda, así que buscaría algún proxecto de dinamización social ou de economía social. Tamén faría unha viaxe e unha celebración.

O mellor momento do día é...
Cando chego á casa e podo estar cos meus fillos.

Que é o que máis a alporiza?
O estrés. Se hai moito estrés de xeito continuo faime funcionar algo regular. Gústame dispor de tempo para conciliar política e vida persoal, ter ben organizada a vida.

O seu principal defecto?
Son moi despistada.

Os amigos e a familia vétanlle falar de política?
Non. Na miña case naceron escoitándome falar dos valores da xustiza social, da importancia da defensa das mulleres, da igualade... Sempre hai debates necesarios e eu tamén os tiven cando era nova.

Con que político doutro partido iría de cañas?
Con Lula.

A quen lle gustaría coñecer?
Sumar Galicia é o partido de dar voz ás mulleres así que gustaríame coñecer as grandes mulleres referentes da historia, a calquera delas.

Cal foi o regalo máis caro que fixo e lle fixeron?
Non o sei. Procuro tentar sorprender cos agasallos sen mirar se son caros ou non.

Comentarios