O Parlamento defende a continuidade do Centro Galego de Bos Aires

A Cámara galega fai un chamamento á sociedade e aos representantes políticos para a defensa deste ben material e inmaterial común aos galegos  ante o perigo da súa desaparición

Sede do Centro Galego de Bos Aires. EP
photo_camera Sede do Centro Galego de Bos Aires. EP

O Parlamento de Galicia defendeu a continuidade do Centro Galego de Buenos Aires, "entidade emblemática da diáspora galega no mundo", que hoxe require da cidadanía galega unha posición firme de defensa ante o perigo da súa desaparición.

Nunha declaración institucional, a Cámara galega fai un chamamento á sociedade e aos representantes políticos para a defensa deste ben material e inmaterial común aos galegos, sendo respectuosos "coas decisións soberanas das agrupacións do Centro Galego que traballan arreo na resolución deste conflito que compromete gravemente a prestación médica de calidade e o mantemento dos postos de traballo".

A declaración, lida polo presidente do Parlamento, Miguel Santalices, no pleno celebrado este mércores, demanda que o Goberno central realice actuacións concretas ante o Goberno arxentino encamiñadas a solucionar definitivamente o gravísimo problema polo que atravesa a centenaria institución.

"Reclamamos, en primeiro lugar, vontade política para preservar e garantir a atención médica de calidade dos actuais socios e a protección do patrimonio artístico, documental, bibliográfico, editorial... e solicitamos esforzos para acordar unha solución que impida a demolición e a especulación inmobiliaria" do inmoble, sostén.

Ademais, o texto destaca o "sentir sobre a tradición mutualista, cultural, solidaria, galeguista e republicana que durante a longa noite do franquismo soubo manter acendida a luz da palabra, da razón, da democracia, da convivencia e da irmandade coa Terra Nai".

Comentarios