Os 134 alumnos da XII promoción de Policía Local que se está formando na Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP) realizáronse esta semana os test serolóxicos de dobre banda para a detección do coronavirus, no marco do convenio entre a Vicepresidencia, o Sergas e a Fegamp.
Este acordo recolle a posta en marcha do programa do control da Covid-19 para os efectivos da Policía Local dos concellos galegos. No caso de que neste test se detecten casos positivos, procederase a facer unha proba PCR. Ademais, inclúe as accións previstas para o control de casos da Covid-19 que puidesen afectar a calquera axente e auxiliar das policías locais, así como para garantir o desempeño das súas funcións en condicións seguras.
Os 134 alumnos desta promoción, a máis numerosa da historia da Agasp, regresarán desde este venres aos seus 38 concellos de orixe para finalizar a súa formación práctica. Debido ao estado de alarma decretado o pasado marzo pola crise sanitaria da Covid-19, a Academia suspendeu as clases e decidiu adiantar parte desta formación práctica, polo que estiveron colaborando neses meses cos axentes de Policía Local dos seus municipios na loita contra a pandemia.
O pasado 1 de xuño, retomaron a formación teórica na Agasp, con todas as medidas de prevención e seguridade fronte ao coronavirus establecidas no seu protocolo. Ademais do uso obrigatorio de máscara, a Academia adaptou as súas instalacións e reorganizou os horarios para evitar aglomeracións e para garantir a seguridade de todos os usuarios. Entre setembro e novembro terminarán o curso básico de selección de Policía Local na Academia.