Alianza empresarial para crear o primeiro punto neutro de conectividade de Galicia

Rede Aberta, Cloud.gal e a viveirense Norvoz Telecom asócianse no proxecto Galnix para mellorar o acceso das empresas a internet

Rafael Villaverde, CEO de cloud.gal; Javier Vidal, CEO de Norvoz; y Pere Antentas, CEO de Rede Aberta.EP
photo_camera Rafael Villaverde, CEO de cloud.gal; Javier Vidal, CEO de Norvoz; e Pere Antentas, CEO de Rede Aberta.EP

Galnix, unha sociedade participada por Cloud.gal, Rede Aberta e a viveirense Norvoz Telecom, desenvolverá o primeiro punto neutro de conectividade en Galicia. O proxecto, que operará en 2025, busca mellorar o acceso a internet e a transformación dixital "en todo o ecosistema empresarial galego", ademais de reducir a dependencia doutros centros situados en Madrid ou Barcelona.

Trátase dun nodo de intercambio de tráfico de datos de internet que estará situado en Santiago e que permitirá reducir ata un 75% a distancia que a información debe percorrer. Os impulsores inciden en que, por esta vía, se mellorará a latencia na navegación por internet e incrementarase a interconectividade entre operadores do ecosistema galego. Unha maior seguridade da rede é outro dos pluses.

Subvencionada polo Igape, a iniciativa pon especial atención no rural, os sectores emerxentes e as pemes. Cun investimento de 2,1 millóns de euros, ten o respaldo de 26 institucións e empresas, entre elas o Concello de Santiago; 13 operadores de telecomunicacións; os clústeres de automoción, enerxías renovables e o TIC, e os colexios profesionais de enxeñería de telecomunicacións, informática ou enxeñería industrial, entre outras entidades.

Os promotores inciden en que o proxecto permitirá avanzar en materia de sustentabilidade "e loita contra o cambio climático" ao "reducir" o consumo enerxético ao evitar "os longos desprazamentos de datos". Ademais, a nova infraestrutura contará cunha instalación de enerxía fotovoltaica.

A nova sociedade dotarase dun consello asesor que estará integrado por representantes dos clústeres industriais, do sector das telecomunicacións e dos colexios profesionais.

Con sede en Santiago, Rede Aberta está especializada no despregamento de fibra óptica neutral no rural. Sostén 22 empregos directos e opera en máis de 100 concellos. Na súa capital participa o fondo europeo CEBF, que promove infraestrutura dixital na UE.

Do seu lado, a compostelá Cloud.ga está especializada en infraestrutura privada na nube e solucións de ciberseguridade, entre outras materias.

A vivariense Norvoz  é un operador de telecomunicacións enfocado na prestación de servizos a empresas.

Comentarios