Os pastos galegos, entre os máis cotizados de España a 17.700 euros a hectárea

Os verdes prados do norte son os mellores pagados e chegan a duplicar de longo a referencia estatal. A hectárea de viñedo chega a 28.500 euros
Zona de pastos. PACO PAREDES
photo_camera Zona de pastos. PACO PAREDES

Pese ao impacto da seca e o cambio climático no campo, o valor do chan agrario aumentou en 2023 no caso de cultivos como as hortalizas, os herbáceos e froiteiros, sobre todo en terras de regadío. Son conclusións do último informe elaborado por Tinsa, a maior empresa de valoración de leiras rústicas do país, con máis de 3 millóns de hectáreas taxadas desde 2008.

No caso de Galicia, o documento sitúa en 17.700 euros a hectárea de pastos e pasteiros, un 73,5% por encima da media estatal, de 10.200 euros en 2023. Galicia forma con Asturias (24.500 euros) e Cantabria (28.500) a zona máis cotizada. Tinsa sinala que, en termos xerais, o valor dos pastos "reduciuse lixeiramente nos últimos dous anos" debido á seca, que contrae a produción, e tamén polo abandono de terras, unha circunstancia á que a comunidade galega non é allea. Con todo, a tasadora tamén constata que o encarecemento de cereais e pensos para alimentación do gando levou aos agricultores a tirar máis destas terras para alimentar ao gando e reducir custos.

No conxunto do país, hai 8,4 millóns de hectáreas de prados e pasteiros, na súa práctica totalidade de secaño (99,6%). Nos últimos 15 anos, a superficie aumentou un 11%, aínda que na actualidade a tendencia é á estabilidade.

Como se explica que a hectárea poida custar en Galicia ata cinco veces máis que en Aragón ou triplicar a media de Estremadura? Tinsa apunta algunhas razóns: no norte, os prados son de menor superficie e máis escasos, mentres que os pasteiros e dehesas da meseta e do sur peninsular son extensións amplas e tamén reciben menos precipitacións. É por iso que os verdes prados galegos, asturianos e cántabros rexistran "unha tendencia ascendente continuada en valor".

Aínda que non achega datos de Galicia, o informe tamén analiza a situación dos viñedos. Neste caso, a hectárea máis cotizada en España é a de regadío, que se paga a 28.500 euros e que ofrece un rendemento do 1,1% nos últimos cinco anos. En secaño, a referencia é 25.300 euros, cun retorno do 1,9%.

En canto aos cultivos herbáceos —o que inclúe cereais, forraxe, legumes, tubérculos e plantas industriais—, a hectárea de regadío cotiza a 29.400 euros cun rendemento medio do 2,8% entre 2018 e 2023, e a 12.800 euros en secaño (+1,9%).

Comentarios