O soldo medio galego crece un 2% pero equivale ao 75% do vasco

A ganancia media foi de 23.306 euros en 2021. Un directivo percibiu en Galicia un 76% máis que un empregado cualificado, segundo os datos do Ine
Trabajadores en una obra.EFE
photo_camera Traballadores nunha obra.EFE

O soldo dos galegos crece e, con iso, vai recortando a brecha coa media estatal. Segundo a Enquisa Anual de Estrutura Salarial do Instituto Nacional de Estadística (Ine), a ganancia media por traballador ascendeu a 23.305,86 euros brutos en 2021 tras experimentar unha mellora do 2% en comparación con 2020. O incremento foi inferior ao rexistrado no conxunto do Estado, onde este indicador se elevou un 2,9%, ata os 25.896,8 euros. Así as cousas, un galego medio cobrou o 90% da retribución española. Aínda que queda camiño por andar, o dato supón unha mellora con respecto ao 85% de 2012.

A pesar dos avances, Galicia sitúase como a sexta comunidade coas remuneracións máis reducidas. A peor parada é Estremadura, con 21.393 euros. Na parte alta da táboa, un ano máis, están os vascos, cunha nómina de 31.064 euros como media tras mellorar un 2,8% en termos interanuais.

MENOS DIÑEIRO PARA AS MULLERES. A pesar dos avances en materia de igualdade, as galegas cobraron, de media, un 19% menos que os homes: 20.904 euros fronte a 25.794 nun escenario no que elas están máis expostas ás xornadas parciais e aos contratos temporais. A nivel estatal, a estatística revela que o 25% das mulleres percibiron, como moito, o SMI, que ese ano foi de 13.370 euros anuais. En cambio, no caso dos homes a proporción reduciuse ao 10,7%.

Máis aló do xénero, o informe achega outro dato de interese: o salario mediano. Isto é, dividindo o número de traballadores en dúas partes iguais resulta que o 50% dos asalariados galegos ingresaron menos de 19.880,64 euros hai dous anos. A pesar de que nun ano este dato creceu un 2,5%, está un 8% por baixo da referencia estatal.

As galegas ingresaron, de media, un 19% menos que os homes. En España, unha cuarta parte das traballadoras non chegou ao SMI

En canto aos mellor situados, o estudo reflexa que un 10% dos traballadores percibiu polo seu traballo máis de 39.689,9 euros. Menos sorte correu o outro 10% que se tivo que apañar con menos de 10.065,8 euros.

Como era de esperar, da análise por grupos de ocupación extráese que o conformado por directores e xerentes, técnicos e profesionais científicos e intelectuais cobrou, de media, 33.416,5 euros, isto é, ata un 76% máis en Galicia que a categoría que engloba a empregados, artesáns e traballadores cualificados, que ingresou 18.957, en tanto que os operadores e asalariados sen cualificación recibiron 17.737,9 euros.

Un traballador do sector enerxético cobra o triplo que na hostalería

Nun escenario no que actividades intensivas en man de obra como a hostalería andan faltas de man de obra, a Enquisa Anual de Estrutura Salarial sitúa o sector como o que carga coa retribución media máis reducida do Estado con 14.633 euros en 2021. Aínda que é certo que a cifra reflexa un aumento interanual do 3,5%, é unha terceira parte da nómina media do sector enerxético, que ascende a 52.986 euros. En segundo lugar están as actividades financeiras e de seguros, con 46.122 euros.

25.722 euros: Foi a retribución media na industria galega en 2021 tras incrementarse un 1% en relación a 2020. A mellora foi máis pronunciada nos servizos, cun avance do 2,4% que situou a ganancia media en 22.777 euros. Na construción, a alza quedou no 1,8%, o que situou este indicador en 22.725 euros.

Comentarios