Aberto o prazo para solicitar as axudas por fillos menores de tres anos

A contía será de 360 euros polo primeiro neno, de 1.200 polo segundo e de 2.400 polo terceiro e sucesivos

Niños. EP
photo_camera Nenos. EP

A Xunta abre este xoves o prazo de solicitude de axudas destinadas a familias que teñan fillos menores de tres anos e que non poidan percibir a Tarxeta Benvida. En concreto, a contía será de 360 euros polo primeiro neno, de 1.200 polo segundo e de 2.400 polo terceiro e sucesivos. 

Para solicitala, as familias deben ter fillos nacidos entre o 1 de xaneiro de 2016 e o 31 de decembro de 2017. No caso de que nacesen a partir do 1 de xaneiro de 2018, os solicitantes poderán optar a unha prestación similar a través da Tarxeta Benvida. Os interesados disporán dun prazo de 35 días hábiles para presentar as solicitudes, segundo recollen as bases que saíron publicadas este mércores no Diario Oficial de Galicia (DOG). 

A contía a cobrar pode ser de ata 3.960 no caso de que as familias teñan tres fillos que cumpran as condicións

A prestación consistirá nun pago único por valor de 360 euros no caso de que a filla ou fillo sexan os primoxénitos, 1.200 para o segundo ou a segunda e 2.400 tanto para o terceiro ou a terceira como para todos os sucesivos. Así, a contía a cobrar pode ser de ata 3.960 no caso de que as familias teñan tres fillos que cumpran estas condicións, e a partir de aí a contía aumentará en 2.400 euros por cada fillo ou filla a maiores. 

Para optar a esta prestación, é necesario que ningún dos membros da unidade familiar estivese obrigado a presentar a declaración da renda polo IRPF no ano 2017. Tampouco pode tela presentado nin aínda que sexa de xeito voluntario. 

O Goberno galego destinou un crédito inicial de dous millóns de euros para custear estas prestacións. E este é, ademais, ampliable en caso de sexa necesario para atender todas as solicitudes que cumpran coas bases da convocatoria. 

Comentarios