Detidos por coaccionar en Lugo a un menor para que lles entregase as xoias da súa familia


Coaccionaron ao mozo durante meses e na madrugada de Ano Novo pegáronlle unha puñada e partíronlle o beizo

Carballeria de Fingoi. OLGA NOVO
photo_camera Carballeria de Fingoi. OLGA NOVO

A Policía Nacional detivo este mércores en Lugo a unha parella de mozos lucenses, de 22 e 24 anos, por un delito de roubo con violencia e coaccións, dado que ambos son sospeitosos de intimidar durante meses a un menor da cidade para que o mozo lles entregase  "xoias de familia".

Segundo informou a propia Comisaría Provincial nun comunicado, os feitos remóntanse ao mes de outubro do pasado ano, cando dous menores –ambos de 16 anos de idade– que paseaban pola zona da Carballeira de Fingoi –preto do campus universitario–, foron interceptados pola parella, que os ameazou para que lle entregasen todas as as súas pertenzas de valor.

Días máis tarde, un dos menores empezou a recibir avisos a través do WhatsApp, tanto escritos como de audio, con mensaxes ameazantes. "Se non me traes ouro ou diñeiro, imos a por ti, sabemos onde vives e onde estudas", dicía un desas mensaxes.

Por medo ás represalias, o mozo íalles entregando "cadeas, colgantes, pulseiras e pendentes que collía na súa casa".

As coaccións seguiron durante meses, segundo a policía, e durante a madrugada do día de Ano Novo, cando o menor se atopaba no aparcadoiro dunha discoteca, a parella achegóuselle e o home, sen mediar palabra, pegoulle unha puñada na cara que lle partiu o beizo. Ademais, levou o seu móbil, 20 euros e o DNI do adolescente.

"Dada a presión que estaba a recibir e a violencia dos últimos feitos", a vítima "tomou a decisión de dicirllo aos seus pais", cos que se presentou en dependencias policiais para interpor a correspondente denuncia.

Tras un período de investigación, ambos foron identificados e localizados, de modo que este xoves foi practicada a detención. Os dous, ambos con antecedentes penais, pasaron este xoves a disposición xudicial.

Comentarios