Galicia terá en 2024 o maior teito de gasto da súa historia: 13.257 millóns

Supera nun 5% a cifra deste ano
Reunión de este miércoles del Consello. XUNTA
photo_camera Reunión deste mércores do Consello. XUNTA

A Xunta acaba de aprobar o teito de gasto para 2024, a ferramenta que marca o límite máximo presupostario e que, con 13.257 millóns de euros, converterase no maior da historia da autonomía. A cifra supera nun 5% a establecida para este ano.

O Consello da Xunta, celebrado de forma extraordinaria no Parlamento ao coincidir co debate do estado da autonomía, deu luz verde a este mecanismo, que se elabora a ollo ao non contar o Executivo galego cos datos necesarios do Goberno central para a súa elaboración, como son as entregas a conta ou os obxectivos de déficit.

En todo caso, tanto Alfonso Rueda como o conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, deixaron claro que Galicia "quere cumprir cos prazos" para aprobar os seus orzamentos do ano que vén. "Non podemos agardar máis", aseguran. "Non queremos que Galicia se contaxie" da inestabilidade nacional, sinalan.

Os 13.257 millóns permitiranlle á Xunta manexar o orzamento máis alto da súa historia en ano electoral, nun escenario onde ademais Facenda contempla un crecemento económico do 1,9% en 2024 (fronte ao 1,8% co que pechará este ano) e unha taxa de paro con tendencia á baixa que estará no 9,4% (9,8% en 2023).

Críticas da oposición á reunión do Consello durante o debate

Os grupos da oposición —BNG e PSdeG— cargaron contra o presidente da Xunta por "ausentarse" do debate sobre o estado da autonomía ao reunir ao seu Goberno no propio Parlamento para celebrar o Consello mentres ten lugar a xornada final do DEA. 

"É un auténtico desprezo a este Parlamento", aseverou o deputado nacionalista Luís Bará, na liña das críticas expresadas pola parlamentaria socialista Begoña Rodríguez Rumbo, que acusou a Rueda de querer "silenciar" o debate "máis importante do ano". 

Comentarios