A Galicia exterior volve medrar. Logo da anomalía do ano pasado –o único que rompe a tendencia ascendente da serie histórica do Instituto Nacional de Estadística, que se remonta ata 2009–, a 1 de xaneiro de 2024 contabilizábanse 534.972 galegos no Padrón de Españois Residentes no Estranxeiro (Pere), un 1,43% máis. É a cifra máis alta destes rexistros e dela tiran persoas que xa naceron fora das fronteiras do país, posto que representan máis do 85% das 21.887 novas inscricións relativas á comunidade deste último ano, con cinco países latinoamericanos como principais celeiros: Arxentina Cuba, Brasil, Uruguai e Venezuela.
A Galicia exterior medra, aínda que a menor ritmo que a España exterior, que ao longo de 2023 incrementou os seus inscritos no Pere un 4,2%, ata
Os 534.972 galegos do Pere equivalen practicamente ao 20% dos habitantes que a Estatística Continua de Poboación atribuía a Galicia tamén a 1 de xaneiro de 2024. Por provincia de inscrición, deste total, 185.832 cidadáns encádranse na Coruña, 156.889 en Pontevedra, 115.933 en Ourense e 76.318 en Lugo. Todas elas marcan máximos. De feito, desde aquel 2009 hai 151.373 galegos máis no Pere, un crecemento do 39,5%. E é nesta evolución onde precisamente destaca Lugo, posto que se o aumento das outras tres provincias rolda o 37%, nela é vinte puntos superior. En números, son 27.778 persoas máis.
Esta relación proporcional entre residentes no exterior e residentes no país é máis forte nunhas provincias interiores que se baleiran fronte a unhas provincias atlánticas que resisten mellor os vaivéns demográficos. Mentres que a poboación recollida no Pere equivale á contorna do 16,5% dos veciños da Coruña e Pontevedra, no caso de Lugo esta taxa é sete puntos maior e, para Ourense, dispárase ata pasar o 38%.
Lugo, con 76.318, é a que menos ten a pesar de crecer un 57% desde 2009"
En todo caso, trátase dunha poboación que aínda comparte certos trazos de envellecemento coa súa terra de orixe: se o 26,6% dos habitantes de Galicia cumpriu os 65 anos, entre os residentes no estranxeiro son o 31,6%. En cambio, os menores de 16 anos representan o 8,8% do total.
Pero é unha situación que está a cambiar da man dos descendentes dos emigrantes e das políticas migratorias, como se pode interpretar do feito de que un de cada catro novos inscritos no Pere non teña aínda 16 anos e os que chegaron á idade de xubilación sexan apenas o 8%.
América con acento
As estatísticas constatan que América segue sendo o gran continente da diáspora, tendo en conta que acolle a tres de cada catro galegos no estranxeiro. Achéganse xa aos 415.000 tras engrosar as súas listas con 17.612 novos inscritos en 2023, o 80% do total anual.
Por detrás queda Europa, que supera os 115.500 galegos no Pere, case o 21,6%, e que nos últimos doce meses sumou a 3.836 persoas, con Suíza, Reino Unido, Francia, Alemaña e Portugal como grandes núcleos de acollida.
A notable distancia quedan, pois, Oceanía, onde viven 2.152 galegos; Asia, con outros 1.545, e África, onde residen 1.001.
Por países, Arxentina corrobora o seu status de quinta provincia, con 181.037 galegos vivindo nela. Séguenlle Brasil (51.409), Cuba (48.674), Suíza (41.188), Uruguai (40.818) e Venezuela (30.118). Este peso bruto explica en boa medida os resultados dos novos inscritos.
Oito de cada dez galegos inscritos no Pere reside no continente americano e Arxentina, con 181.000, xa acolle a un terzo do total"
En clave política
Son datos a ter en conta desde unha perspectiva política. De primeiras, porque ata 476.514 residentes no exterior estiveron chamados a votar nas eleccións galegas do 18 de febreiro, case o 17,7% do censo.
Pero, ademais do mantemento dos vínculos culturais coa diáspora, atraer a esta poboación é sobre todo un dos alicerces da política demográfica da Xunta, que na Estratexia Galicia Retorna descríbea como "unha das maiores potencialidades" da comunidade, situando o regreso dos emigrados e os seus descendentes como "un gran activo" para contrarrestar o saldo vexetativo negativo que acumula ano tras ano, á vez que "posibilita a mellora da competitividade e produtividade do tecido empresarial e das condicións laborais e a calidade de vida".
Así, a primeira edición do plan, activa entre 2018 e 2022, favoreceu que "máis de 28.000" volvesen a Galicia neste período procedentes de máis "de 40 países", segundo o Executivo autonómico. A segunda edición aspira ao regreso doutros 30.000 galegos entre 2023 e 2026. Para iso conta cun orzamento de 450 millóns de euros –case o dobre que os 235 da anterior–, dos que 50 son para actuacións "especificamente" dirixidas aos galegos que queren retornar.