Este xoves arrinca o xuízo polo libro 'Fariña', que leva secuestrado máis de 3 meses

José Alfredo Bea Gondar reclama unha indemnización de 500.000 euros ao autor e á editorial por unha suposta vulneración do seu dereito á honra.

Nacho Carretero. CERO
photo_camera Nacho Carretero. CERO

O Xulgado de Instrución número 7 de Collado Villalba celebra este xoves a vista oral por Fariña, o libro sobre o narcotráfico galego do xornalista Nacho Carretero que leva secuestrado desde comezos do mes de marzo pola demanda do exalcalde do Grove José Alfredo Bea Gondar.

A xuíza Alejandra Fontana, a mesma que ordenou a retirada do libro como medida cautelar, será a encargada de resolver o fondo da demanda presentada por Bea Gondar por unha presunta vulneración da súa honra.

O xuízo chega sen que a Audiencia Provincial de Madrid resolva sobre o recurso presentado por Libros do KO, editora do libro, contra o secuestro da obra, que ía pola décima edición cando foi retirado das librerías.

José Alfredo Bea Gondar reclama unha indemnización de 500.000 euros ao autor e á editorial por unha suposta vulneración do seu dereito á honra.

Bea Gondar aparece mencionado en dúas ocasións na obra polos seus supostos vínculos co narcotráfico

Bea Gondar aparece mencionado en dúas ocasións na obra polos seus supostos vínculos co narcotráfico, uns feitos que foron confirmados pola Audiencia Nacional, aínda que o Tribunal Supremo revogou esa sentenza por un defecto de forma
Recentemente, o exalcalde deu outro paso ante o mesmo xulgado para intentar paralizar a venda da obra en Portugal, onde se editou nas últimas semanas en virtude dun contrato de venda de dereitos asinado en outubro de 2017, meses antes da decisión xudicial.

Neste caso, ademais pediu á xuíza que dea traslado dos feitos ao fiscal por se os mesmos fosen constitutivos de delito de desobediencia (castigado con penas de ata un ano de prisión).