O avogado da Manada: "Claro que non é non, pero para que sexa non, hai que dicir non"

Jesús Escudero, membro da Manada, cumpriu unha vez máis coa obrigación de presentarse no xulgado de garda de Sevilla. PEPO HERRERA (EFE)

A defensa pide a libre absolución para os mozos e asegura que a rapaza buscaba ter sexo

O avogado da Manada defendeu a súa inocencia ante o Tribunal Supremo ao manifestar que "non eran cinco lobos rodeando unha moza", senón que a moza só "buscaba un lugar oculto e escuro" para manter relacións sexuais, porque se tivese medo, "simplemente tiña que dicir que non".

A defensa pediu na vista de casación no alto tribunal a libre absolución de José Ángel Prenda, Jesús Escudero, Alfonso Jesús Cabezuelo, Ángel Boza e Antonio Manuel Guerrero por entender que son "absolutamente inocentes" e que non se enfrontaron a un xuízo xusto" porque "a sociedade xa ditou sentenza o 8 xullo de 2016".

A súa intervención centrouse en desacreditar á moza. "¿Que tiña que facer, simplemente dicir que non?. Claro que non é non, pero para que sexa non, hai que dicir non", sinalou o letrado.

Aínda que logo matizou que ela "tiña moitos xeitos de dicir que non" aos cinco condenados con tal "de facer minimamente unha reacción negativa para que a parte contraria o entenda".

O letrado dixo que a moza madrileña de 18 anos "non tivo medo, nin dor nin sufriu dano" e que nos vídeos só se escoitan os seus "xemidos e xadeos", o que acredita que foron unhas relacións sexuais buscadas e consentidas, porque previamente pararan nun hotel para ver se había unha habitación libre.

Porque ela, continuou, "buscaba un sitio oculto e escuro" para manter relacións sexuais, "ela encabezaba o grupo e nas imaxes vese que o grupo non andaba compacto" e "aproveitando a denominación de que eran A Manada" dixo que "non eran cinco lobos rodeando a unha moza" nin "estaban a tender unha trampa".

Segundo el, "a moza decidira manter relacións con cinco mozos e estaban esperarando a acceder a esa vivenda" e foi por este motivo que cando entraron ao edificio "non decidiu marchar" porque "estaba a esperar un lugar para manter relacións sexuais tal e como pactaran ao principio" xa que "un berro desgarrador ás 3 da mañá faría que alguén reaccionase".

Para o letrado, a moza non denunciou polo abuso ou agresión senón porque "cinco lerchos" roubárana o móbil e produciulle medo lóxico natural" porque ela pensou que esas imaxes podían colgalas nunha rede social e afundirlle a vida.

A Fiscalía reprochoulle en resposta que trate de reducir todo a que houbo consentimento e que todo foi unha esmorga.

E preguntouse: "¿Que esmorga acaba cunha persoa tirada nunha rúa descoñecida ás 3 da mañá espida roubando un teléfono móbil, quitando as tarxetas, levándose o móbil que o tira despois".

A fiscal apuntou que "o abandonar á vítima espida neste habitáculo e levar o terminal do móbil coa única finalidade de que non puidese comunicarse é dato patente de que as relacións que se mantiveron en absoluto foron consentidas" e que xusto o que rouba é o garda civil, "que ten coñecemento" do que ela puidese facer de ter o móbil.