Benedicta Sánchez: "Non lembro o que falei con Pedro Sánchez, só que nos abrazamos"
Antes e despois de ser proclamada como actriz revelación nos premios Goya pola súa interpretación na película O que arde, Benedicta Sánchez atravesou a bóveda celeste do cine español deixando un rastro de fascinación e sorrisos.
Na noite do sábado ao domingo non conseguiu durmir.
—Pola emoción do premio, Benedicta?
—Que emoción? Foi porque non parei. Con todo o que andei no cóctel tiña feito o Camiño de Santiago!
A noite adiantouse unhas horas, á tarde. Montou nun coche para ir ao pavillón en que se desenvolvería a gala xunto ao director, Óliver Laxe, e o outro protagonista, Amador Arias. Atrás quedaron a súa filla, Emma Karina, e os seus netos. Eles tres alugaran un apartamento cerca do hotel Barceló, onde se aloxaba a intérprete. "A miña nai non estaba nada nerviosa cando nos despediu na recepción".
Reuníronse máis tarde na gala; pero, ao comezar as proclamacións, Benedicta subiu ao escenario para facerse co seu trofeo. "Tardou unha hora en volver, tivemos medo a que lle pasara algo", recorda Emma Karina.
"Regresou, sentou ao meu lado e contoume que abrazara a Pedro Sánchez", o presidente do Goberno, apunta a filla. Benedicta confirma que se deron "un abrazo, pero non me lembro do que falamos. Gustaríame acordarme, pero os anos pesan".
"Con todo o que andei no cóctel tiña feito o Camiño de Santiago", di Benedicta
Saudou tamén ao cineasta da noite do cine, Pedro Almodóvar, a quen Dolor y gloria lle rendeu os Goya a mellor película e mellor dirección xunto a outros cinco galardóns. Tampouco sabe que comentou co manchego, pero si ten claro que o realizador non lle propuxo facer unha película. "Nin se me pasa pola cabeza", sinalou a actriz do Corgo.
Emma Karina conta que "Xavi Font, o produtor, tivo que sacala do brazo" da festa posterior á gala. Eran as cinco da mañá e ten 84 anos. "Se non a leva Xavi non sei a que hora nos teriamos ido. Todo o mundo se lle achegaba e quería facerse fotos con ela, e a miña nai é amable". Ao chegar ao hotel, comeu algo e foise durmir. "Non teño o corpo nin o espírito para estas triquiñuelas", advertiu.
O voo desde o aeroporto de Málaga estaba programado para as 14.00 horas, pero Benedicta xa estaba a se mover ás 9.00 da mañá.
CABEZÓN. Benedicta Sánchez marchou de Málaga sen a figura do Goya. Prometera que llo cedería á súa filla por levala ao cásting de O que arde en Navia de Suarna e por facerlle de mánager ao longo deste ano.
Emma Karina tíñao este domingo xunto a ela en Málaga. Calculáballe "uns catro quilos de peso, é un auténtico cabezón". De momento, volverá nunha furgoneta para Lugo. Despois terá que buscarlle un destino. "Non sei onde o imos a colocar. Ten que ser un sitio especial".
A filla de Benedicta non ten "claro" que se acabou o ano de gloria sen dor da súa nai. Sospeita que continuará facendo de "acompañante". Por agora, teñen acordada que a galardoada acuda ao programa Land Rover da TVG, que en Galicia é todo un cume.
Sendo nova gustáballe máis traballar no monte que o bordado
Son 84 anos sen parar, empezou escapando ao monte para facer os traballos agrícolas xunto ao seu pai, "montar en bicicleta, coller cereixas e nadar". Chamábanlle Perico porque as súas afeccións non eran actividades femininas na España dos anos 40. As mozas bordaban e esperaban a que lles aflorase un noivado.
"O meu home non tiiña unha presenza de galán de cine; era baixiño, tiña os ollos bonitos e era moi agradable. Se o vexo nunha festa non me tería fixado nel, pero viña pola casa e empezamos a falar". Casaron cando Benedicta tiña 17 anos, aos oito días de coñecerse.
Río de Janeiro
Oito anos máis tarde emigraban a Rio de Janeiro, onde permaneceron desde 1960 ata 1979. A actriz traballou nun chalé de luxo cinco meses. Fixo amizade coa dona da casa, que a levaba ao cine e ao teatro. Despois atendeu nunha librería duns arxentinos e tirou imaxes nun estudo de fotografía.
Sempre cara ao máis alto, comprou uns mosquetóns e unha mochila para escalar todos os picos ao redor da cidade: desde o Dedo de Deus ao Cantagalo. Naqueles anos fíxose vexetariana porque a súa parella optou por ter unha alimentación natural.
Por medio mundo
O marido "empezou a ter celos", a considerala unha propiedade. Benedicta non ía someterse. Como non existía o divorcio e solicitar a "separación de corpos" era moi caro polos avogados, "cada un colleu o seu camiño". Ela foise máis lonxe: "Francia, Suíza, Holanda, Dinamarca, Suecia, Noruega, Londres... e de aí pasei a Siria, Israel —estiven sete días nun kibutz—... e de aí a Atenas".
Monte galego
Regresou ao monte galego cunha filla de case oito anos, Emma Karina. Comprou unha cabra para poder alimentarse do seu leite e acabou tendo cincuenta. A súa fama empezou con elas: "Os coches paraban para ver a relación que eu tiña coas cabras".
O arco das súas ilusións tardou setenta anos en completarse. "Cando era moza a miña nai dicíame: 'O mundo que ti soñas non existe".