Benedicta Sánchez: "Non lembro o que falei con Pedro Sánchez, só que nos abrazamos"

A lucense volveu ao cómodo anonimato da súa casa no Corgo logo de tres días brillando como figura do cine español
Almodóvar bica a man de Benedicta Sánchez. EFE
photo_camera Almodóvar bica a man de Benedicta Sánchez. EFE

Antes e despois de ser proclamada como actriz revelación nos premios Goya pola súa interpretación na película O que arde, Benedicta Sánchez atravesou a bóveda celeste do cine español deixando un rastro de fascinación e sorrisos.

Pedro Almodóvar bica a man de Benedicta na gala dos Goya. EFEEste domingo aínda era o polo das miradas mediáticas en Málaga e volvía ser ela mesma na súa casa sosegada do Corgo. Sentíase "esgotada", todo o que lle pedía á realidade é que lle permitise "comer e durmir, os animais teñen que comer e descansar". Aterrara cunha forte dor nun xeonllo por mor dun tropezo cun carriño.

Na noite do sábado ao domingo non conseguiu durmir.

—Pola emoción do premio, Benedicta?

—Que emoción? Foi porque non parei. Con todo o que andei no cóctel tiña feito o Camiño de Santiago!

A noite adiantouse unhas horas, á tarde. Montou nun coche para ir ao pavillón en que se desenvolvería a gala xunto ao director, Óliver Laxe, e o outro protagonista, Amador Arias. Atrás quedaron a súa filla, Emma Karina, e os seus netos. Eles tres alugaran un apartamento cerca do hotel Barceló, onde se aloxaba a intérprete. "A miña nai non estaba nada nerviosa cando nos despediu na recepción".

Reuníronse máis tarde na gala; pero, ao comezar as proclamacións, Benedicta subiu ao escenario para facerse co seu trofeo. "Tardou unha hora en volver, tivemos medo a que lle pasara algo", recorda Emma Karina.

"Regresou, sentou ao meu lado e contoume que abrazara a Pedro Sánchez", o presidente do Goberno, apunta a filla. Benedicta confirma que se deron "un abrazo, pero non me lembro do que falamos. Gustaríame acordarme, pero os anos pesan".

"Con todo o que andei no cóctel tiña feito o Camiño de Santiago", di Benedicta

Saudou tamén ao cineasta da noite do cine, Pedro Almodóvar, a quen Dolor y gloria lle rendeu os Goya a mellor película e mellor dirección xunto a outros cinco galardóns. Tampouco sabe que comentou co manchego, pero si ten claro que o realizador non lle propuxo facer unha película. "Nin se me pasa pola cabeza", sinalou a actriz do Corgo.

Emma Karina conta que "Xavi Font, o produtor, tivo que sacala do brazo" da festa posterior á gala. Eran as cinco da mañá e ten 84 anos. "Se non a leva Xavi non sei a que hora nos teriamos ido. Todo o mundo se lle achegaba e quería facerse fotos con ela, e a miña nai é amable". Ao chegar ao hotel, comeu algo e foise durmir. "Non teño o corpo nin o espírito para estas triquiñuelas", advertiu.

O voo desde o aeroporto de Málaga estaba programado para as 14.00 horas, pero Benedicta xa estaba a se mover ás 9.00 da mañá.

CABEZÓN. Benedicta Sánchez marchou de Málaga sen a figura do Goya. Prometera que llo cedería á súa filla por levala ao cásting de O que arde en Navia de Suarna e por facerlle de mánager ao longo deste ano.

Emma Karina tíñao este domingo xunto a ela en Málaga. Calculáballe "uns catro quilos de peso, é un auténtico cabezón". De momento, volverá nunha furgoneta para Lugo. Despois terá que buscarlle un destino. "Non sei onde o imos a colocar. Ten que ser un sitio especial".

A filla de Benedicta non ten "claro" que se acabou o ano de gloria sen dor da súa nai. Sospeita que continuará facendo de "acompañante". Por agora, teñen acordada que a galardoada acuda ao programa Land Rover da TVG, que en Galicia é todo un cume.

Sendo nova gustáballe máis traballar no monte que o bordado

Son 84 anos sen parar, empezou escapando ao monte para facer os traballos agrícolas xunto ao seu pai, "montar en bicicleta, coller cereixas e nadar". Chamábanlle Perico porque as súas afeccións non eran actividades femininas na España dos anos 40. As mozas bordaban e esperaban a que lles aflorase un noivado.

"O meu home non tiiña unha presenza de galán de cine; era baixiño, tiña os ollos bonitos e era moi agradable. Se o vexo nunha festa non me tería fixado nel, pero viña pola casa e empezamos a falar". Casaron cando Benedicta tiña 17 anos, aos oito días de coñecerse.

Río de Janeiro
Oito anos máis tarde emigraban a Rio de Janeiro, onde permaneceron desde 1960 ata 1979. A actriz traballou nun chalé de luxo cinco meses. Fixo amizade coa dona da casa, que a levaba ao cine e ao teatro. Despois atendeu nunha librería duns arxentinos e tirou imaxes nun estudo de fotografía.

Sempre cara ao máis alto, comprou uns mosquetóns e unha mochila para escalar todos os picos ao redor da cidade: desde o Dedo de Deus ao Cantagalo. Naqueles anos fíxose vexetariana porque a súa parella optou por ter unha alimentación natural.

Por medio mundo
O marido "empezou a ter celos", a considerala unha propiedade. Benedicta non ía someterse. Como non existía o divorcio e solicitar a "separación de corpos" era moi caro polos avogados, "cada un colleu o seu camiño". Ela foise máis lonxe: "Francia, Suíza, Holanda, Dinamarca, Suecia, Noruega, Londres... e de aí pasei a Siria, Israel —estiven sete días nun kibutz—... e de aí a Atenas".

Monte galego
Regresou ao monte galego cunha filla de case oito anos, Emma Karina. Comprou unha cabra para poder alimentarse do seu leite e acabou tendo cincuenta. A súa fama empezou con elas: "Os coches paraban para ver a relación que eu tiña coas cabras".

O arco das súas ilusións tardou setenta anos en completarse. "Cando era moza a miña nai dicíame: 'O mundo que ti soñas non existe".

Comentarios