Chega 'Bibopalula', a primeira serie musical de animación en galego

A serie de animación 'Bibopalula'. EP
A serie de animación 'Bibopalula'. EP

Os paxaros son coñecidos polo seu cantar, pero Robin, Merli, Pegui e Carpin non só cantan, senón que tamén tocan e e escriben cancións. Os catro forman a Banda do Bosque e son os protagonistas de Bibopalula, unha serie de animación para os máis cativos que xa está dispoñible en xabarin.gal e na aplicación do Xabarín.

Bibopalula busca achegar a música e a nosa lingua as nenas e nenos que se aproximan por vez primeira ao entretemento audiovisual. Mediante pequenas historias, coñecemos os ciclos da natureza, o comportamento das aves, o impacto do home na vida dos animais… e, por riba de todo, o valor da amizade e a capacidade da música para conectar coas emocións.

Creada por Laura Mahía e Andrés Mahía, Bibopalula conta as aventuras da pega Pegui, o peto Carpin, o paporrubio Robin e o merlo Merli; quen están acompañados por outros personaxes do bosque como o Señor Moucho, a Cegoña, o Pombo Mensaxeiro ou o Capitán Pelícano.

A serie de animación 'Bibopalula'. EP
A serie de animación 'Bibopalula'. EP

A Banda do Bosque, formada polos catro amigos, interpreta en cada capítulo unha canción orixinal pensada para asentar nocións de ritmo e melodía nas e nos espectadores primeirizos. Todos os temas foron compostos por Santi Jul e Iván Laxe, músicos con ampla e recoñecida traxectoria no audiovisual galego. As voces dos protagonistas desta novidosa proposta póñena actrices e actores como Marta Lado, Iria Lamas, Marita Martínez, Melania Cruz ou Xosé Antonio Touriñán.

Undodez e a Televisión de Galicia presentan esta nova serie, que é unha das propostas audiovisuais máis ambiciosas para o público infantil das últimas décadas en Galicia e foi creada e realizada na súa totalidade por profesionais e empresas galegas.

A serie de animación 'Bibopalula'. EP
A serie de animación 'Bibopalula'. EP

Bibopalula contará na súa primeira temporada con 55 episodios de aproximadamente 5 minutos de duración. Os primeiros 20 capítulos da primeira temporada xa están dispoñibles no Xabarín, a plataforma dixital de contidos infantís da Televisión de Galicia, accesible de xeito gratuíto a través da web xabarin.gal ou da aplicación para dispositivos móbiles e televisións intelixentes.

Bibopalula contará nas próximas semanas cunha unidade didáctica para poder traballar coa música e a lingua nas escolas, actividades que poderán ser completadas coa visita dos protagonistas aos centros educativos.

Comentarios