El tiempo
viernes. 12.08.2022
El tiempo

"O Camiño Norte ten que sacarlle proveito ás dúas variantes que ten"

Vázquez Taín, en Mondoñedo. JOSÉ Mª ÁLVEZ
Vázquez Taín, en Mondoñedo. JOSÉ Mª ÁLVEZ
Fala mentres pelexa cunha lasaña e transmite esa sensación de ser un home que non para nunca. De feito, de escritor prolífico pasa a documentalista con Peregrinas, unha obra que presenta o venres ás sete nun acto organizado pola asociación Patrimonio Laurentino

ESTE HOME do Renacemento que traballa como xuíz no Tribunal Superior de Xustiza de Galicia admite ser disciplinado e ordenado "porque se tes un traballo, non hai problema. Pero se tes varios coma min...". De feito, atende esta entevista ó mesmo tempo que a unha lasaña e sen que ningunha se lle bote a perder.

Como lle deu por meterse agora a documentalista?

É moi doado: a min a historia gústame moito, pero para chegar a un público amplo tes que tirar do mundo audiovisual, e ocorréuseme esta materia, falar nun documental sobre peregrinas. Mulleres que fixeron o Camiño, pero tamén mulleres que fixeron Camiño. Ademais este é un xénero que mistura literatura e imaxes, moi agradecido.

Pero xa sabía algo, ou delegou algo de traballo?

Descarguei moito traballo porque tiven a sorte de atopar a Mundo Redondo, unha xente do audiovisual que son moi bos. Logo, iso si, ademais do guion preguntábanme como quería que se contase, que quería que se vise... Así que acabei facendo algo de todo.

E que lle pareceu?

A experiencia foi moi interesante e xa estou cun segundo proxecto de documental porque é unha linguaxe boa para transmitir a historia de Galicia, cuestións culturais que doutro xeito custa máis que cheguen, sobre todo á xente nova. Podemos chegar lonxe.

Vostede soe documentarse moito co que fai. Que se atopou neste caso?

Cando escribín ‘Máis alá, Máis arriba’ sorprendeume moito que o 60% da xente que facía o Camiño desde o ano 2018 eran mulleres. Pensei moito en por que pasaba iso, e xa vin que na Idade Media un tercio eran mulleres. Ademais deixaron a súa pegada na ruta coma o Hospital da Condesa, Puente La Reina... Así que tratei de reflectir a súa trascendencia real na ruta.

Esta obra enmárcase nun ano bastante especial para as peregrinacións, un fenómeno do que ten alertado polo perigo de masificacións. É algo que segue pensando?

O Camiño de Santiago é un fenómeno ó que lle teño moito cariño. Así que si, tiña moito medo porque todo parecía indicar que no ano 2021 íamos pecar de exceso de éxito. Todo estaba moi centralizado, pero penso que a pandemia nos fixo reflexionar. Case todos estaban centrados no Camiño Francés, que penso que alí ía crearse unha supersaturación. Así que vexo marabilloso o fenómeno que se deu despois da pandemia, con moitos camiñantes en todas as rutas. Hoxe en día esa pluralidade beneficiou moito o fenómeno Xacobeo. Hai unha grande diversificación que fai que toda a xente vaia máis cómoda e o fenómeno das peregrinacións mellorouse precisamente pola proliferación desas rutas alternativas á francesa. Penso que a pandemia, ó final, puido sentarlle ben ó Camiño.

Pensa que estabamos a piques de chegar a un límite de saturación na ruta francesa?

Si, estabamos a rondar esa saturación. E se chegas a un tope máximo, o feito de descubrir distintas rutas é enriquecedor. Moita xente fixo o Camiño Francés e logo, ás veces polo boca a a boca ou polas redes sociais, as outras rutas van xurdindo. Cando o fas, o Camiño sempre invita a volver, pero se tes varias rutas, invita máis. Eu fíxeno nove veces, pero hai moita xente que o fixo cinco ou seis, e para eles as outras rutas son moi apetecibles.

Con todo o que fai, como non consegue perderse?

Se tes un único traballo, podes facelo. Dous ou máis, é problemático. Así que organízome o mellor que poido, trato de levar unha vida o máis equilibrada posible e con apoio e acompañamento da familia, que me fagan sentir ben para min é básico. Ademais de que me gusta cociñar, algo que fago moi a miúdo.

Con tantas veces que fixo o Camiño, foi pola ruta norte?

Poi non. É algo que teño pendente co meu amigo Carlos Herrera,pero temos que cadrar datas e ter tempo porque non é unha ruta para facer ás présas. Por certo, sei moi ben que hai unha disputa aí por dúas variantes que teñen na entrada de Galicia, algo que pasa tamén no Camiño Mozárabe. Pero eu eso véxoo como unha sorte. Deben convivir e reforzarse unha á outra. Non importa moito se vas pola costa ou te vas un pouco máis ó interior. As dúas son opcións positivas e é interesante sacarlle proveito ás dúas.

"O Camiño Norte ten que sacarlle proveito ás dúas variantes que ten"