viernes. 10.04.2020 |
El tiempo
viernes. 10.04.2020
El tiempo

A demanda de vivenda protexida para alugar multiplica por sete a de compra

Viviendas de protección oficial alquiladas. AEP
Viviendas de protección oficial alquiladas. AEP

Uns 10.100 galegos aspiran a un arrendamento, case o triple dos que xa o teñen da Xunta, e só 1.400 esperan mercar

Galicia ten cada vez máis inquilinos, e unha longa lista de aspirantes a selo nun inmoble de protección oficial. É a do Rexistro Único de Demandantes de Vivenda xestionado pola Xunta, que contén 10.100 solicitudes de acceso a un alugueiro dese tipo, en busca dunha renda máis reducida que a do mercado libre. A cifra, aínda que xa foi maior, evidencia o notable tamaño dunha demanda ante a que oferta queda pequena e constata que os galegos apostan polo arrendamento como principal vía de acceso á vivenda protexida.

Abonda con ver que o número de aspirantes a un alugueiro multiplica por sete o dos que agardan para comprar un inmoble dese tipo, pouco máis de 1.400. E esa cifra non só se reduciu en comparación a hai uns anos, senón que o fixo moito. Son os grandes números dun ‘censo’ que dá pistas de cómo está o mercado inmobiliario.

¿Como é a demanda?

O rexistro, que o Instituto Galego de Vivenda e Solo actualiza a diario, incluía esta semana 11.500 nomes, entre aspirantes a arrendatarios e a propietarios. Malia non ser poucos, están lonxe dos 14.300 de mediados de 2015, porque se reduciron os que esperan por un alugueiro (un 16,6%) e aínda en maior medida os que queren mercar, un 35%. Mirando máis atrás o descenso faise enorme. En 2012 había 8.500 familias á espera de comprar.

Á vista dos datos, o presidente da Federación Galega de Empresas Inmobiliarias, Benito Iglesias, salienta o efecto desincentivador das esperas sen certezas e dunhas restricións ao crédito elevadas na crise. "Hay poca vivienda de protección", advirte, "y las familias con rentas bajas no tienen financiación" para comprar. E esas son precisamente as principais destinatarias da vivenda protexida, cuxos prezos de taxación, ademais, baixaron
menos que os da libre na crise.

Así as cousas, medra o peso que teñen no rexistro os demandantes de alugueiro, nun momento no que no mercado libre tamén gaña protagonismo, a oferta diminúe e os prezos, tras baixar, soben. Nese ámbito, a Unión de Consumidores de Galicia apunta, ademais, que ás veces se esixen garantías "difíciles de cumprir" para o inquilino, con "fianzas superiores ás legalmente previstas", seguros ou avais.

¿Onde hai máis solicitudes?

As 10.100 peticións de arrendamento protexido están repartidas en máis de 160 concellos das catro provincias, o 84% en Pontevedra e A Coruña. E tres cuartas partes están focalizadas nas sete principais cidades de Galicia. Destacan as solicitudes para Vigo, 3.120, moi por diante das 1.750 da Coruña. Á cola está Ourense con 197, mentres que o resto se moven entre os 608 demandantes de Ferrol, os 682 de Pontevedra e os 687 de Lugo.

O rexistro da Xunta inclúe peticións para inmobles de promoción pública —a inmensa maioría— e privada. Quen aspire a arrendar pode solicitar especificamente ter opción de compra, caso duns 1.970 solicitantes, máis que os que esperan por unha adquisición directa.

¿Como é a oferta?

O volume de solicitudes en espera dá idea de cánto falta para que se cubra a demanda co parque de vivenda protexida, que ten preto de 3.500 inmobles propiedade da Xunta adxudicados en réxime de alugueiro. Son os datos dispoñibles, incompletos porque faltarían, por exemplo, os da promoción privada, aínda que serven para ver que, tendo en conta que esas 3.500 vivendas están ocupadas e que hai outras 10.100 solicitudes, o parque autonómico cobre pouco máis dunha cuarta parte das peticións.

Segundo a Consellería de Infraestruturas, o número de vivendas da Xunta arrendadas aumenta en cada entrega de inmobles novos, xa que se os ingresos do adxudicatario non son máis de 1,5 veces o indicador público de renda de efectos múltiples (Iprem) —iso son 11.279 euros anuais nun fogar unipersoal— é obrigado que o reciba en alugueiro. Máis aló desa condición, as vivendas de promoción pública están dirixidas a familias cunha renda de ata 2,5 veces o Iprem, aínda que unha norma en pro xecto elevará o tope a tres veces.

¿Medrará o parque de vivenda?

A Xunta, que tamén xestiona vivendas cedidas pola Sareb e bancos para alugueiro social, apunta que hai proxectos de construción ou rehabilitación en Vigo, A Coruña, Ourense ou Lugo, por exemplo.
A maiores, nos últimos anos impulsáronse iniciativas para intentar mobilizar vivenda baleira. É o caso do programa con ese nome creado de acordo coa Fegamp para animar os concellos a captala, co fin de destinala a alugueiro a prezo reducido. Outra cousa é o Censo de Vivendas Baleiras, enfocado sobre todo a coñecer as da banca.

Rendas
Prezos reducidos e bonos de 200 euros
A vivenda protexida é unha vía de acceso directo a unha renda reducida, pero tamén hai axudas para aliviar o peso dun alugueiro nas economías familiares con máis dificultades.

Entre menos de 50 euros mensuais e 150
Segundo a Xunta, é a franxa na que se moven con carácter xeral as rendas das vivendas de promoción pública que se están adxudicando agora. Os prezos varían en función dos ingresos do inquilino, da superficie do inmoble e do lugar no que está emprazado. A maiores, hai vivendas adxudicadas en réxime de ocupación temporal a familias en situación de extrema necesidade nas que o adxudicatario non paga renda.

Bono de alugueiro
Esta mesma semana publicouse a convocatoria do Bono de Alugueiro Social para 2018, destinado a facilitar o pago do arrendamento a familias en situacións de especial dificultade. A axuda é de 150, 175 ou 200 euros mensuais, en función da localidade, e dáse por un prazo de doce meses, aínda que se pode prorrogar ata os tres anos. Desde a súa creación, en 2015, concedeuse a 467 familias galegas.

Plan estatal de vivenda
Unhas 2.000 familias da comunidade reciben axudas contempladas no plan estatal de vivenda. Haberá un programa novo, e con novidades, este ano.

A demanda de vivenda protexida para alugar multiplica por sete a de...
Comentarios