Isolina Raña: "O rural precisa servizos axeitados para captar novos profesionais"

Sen labradores e gandeiros non hai autonomía alimentaria, un obxectivo estratéxico nunha Europa convulsionada pola guerra, a seca e a inflación. Á fronte dunha granxa familiar en Cerceda, a presidenta da Asociación de Empresarias Rurais e tamén agripooler, Isolina Raña, defende "incentivar" o relevo no rural para que as explotacións non pechen por "xubilación"

Isoina Raña, cedida por María Leiro, BIN ART
photo_camera Isoina Raña, cedida por María Leiro. BIN ART

Visibilizar o labor das mulleres do medio rural e propoñer solucións aos problemas que lles afectan é o obxectivo de Isolina Raña (Cerceda, 1974) e das compañeiras que conforman a Asociación de Empresarias Rurais (Aser), que preside, e da Federación de Ganaderas Españolas Somos Tierra, da que é vicepresidenta. Logo de estudar Secretariado de Dirección esta empresaria gandeira tomou as rendas da granxa familiar de leite para evitar que "desaparecera". "Era un legado demasiado valioso, demasiado esforzo dos meus pais e avós para abandonar", relata esta profesional, que se especializou en materias como a gobernanza e a igualdade e que ve no seu fillo, que estuda unha enxeñaría, o futuro do negocio familiar.

Vostede sostén que combater a despoboación pasa si ou si por que máis mulleres se asenten no campo. Que condicións se teñen que dar para conseguilo?
As tendencias sociais non se cambian nun tempo curto. Hai que incentivar que non se abandonen las granxas coa xubilación e facilitar e promover que sigan abertas mediante calquera outra formula, xa sexa alugadas, traspasadas ou vendidas. Son casuísticas que agora se dan en moi poucas ocasións. Así, daríase paso a novos profesionais para que se asenten no rural sostendo o tecido produtivo, económico e social. Para iso, é importante dotar o rural de servizos adecuados a esta época.

Fundou e é vicepresidenta da Federación de Ganaderas Españolas ‘Somos Tierra’. Que accións desenvolveron ata o momento?
A nosa acción é dialogar e estudar cos gobernos estatal e autonómicos, sindicatos e outras asociacións os problemas do sector, sempre propoñendo solucións.

Tamén preside a Asociación de Empresarias Rurais. Cantas socias reúne Aser e cales son os seus obxectivos?
Somos un colectivo cunha traxectoria de años. Temos proxectos estratéxicos para Galicia que teñen que ver coa comercialización dixital de produtos agrarios de pemes e autónomos. Queremos potenciar as segundas rendas, as producións industriais ou artesanais de pemes e autónomos. E tamén abordamos a dispoñibilidade de man de obra propia ou procedente da inmigración.

Os produtores debemos seguir sendo eficientes, valorizar e visibilizar os nosos produtos e buscar a excelencia

Amais disto, exerce de ‘agripooler’ incluso en América Latina. En que consiste ese labor?
Imparto gobernanza en organizacións agrarias e gandeiras de Centroamérica e Suramérica coa agriaxencia española Acodea. Ultimamente, estiven en Colombia e Paraguai, e antes en Nicaragua e Bolivia. Durante a pandemia, traballei online con Perú. Cando fas algo que te entusiasma o tempo sácalo. E teño a fortuna de contar co apoio da familia.

Cantos animais ten ao seu cargo?
Teño unha granxa media de orixe familiar. As miñas vacas pastan nas leiras da familia e producimos coa certificación de benestar animal de Aenor. Son socia da cooperativa Clun, que nos recolle, transforma e comercializa o leite que producimos.

Como 'agripooler' imparto gobernanza en organizacións agrarias e gandeiras en Centroamérica e Suramérica con Acodea

A muller foi dende sempre un piar fundamental do campo en Galicia ao encargarse en moitos casos de atender os animais e as casas. Isto vese hoxe reflictido nos postos directivos das industrias agroalimentarias?
Son dous problemas distintos. A muller no campo coida dos fillos, dos pais e desenvolve o seu traballo gandeiro e agrícola para que continúe a vida nas aldeas. Nas industrias hai directivas profesionais e moi poucas gandeiras nos consellos rectores ou de administración. Eu formei parte do consello de administración de Feiraco durante sete anos.

Comentáronme que se está a disparar a venda de robots para muxir en gran medida polas dificultades para encontrar man de obra. A que cre que se debe esta desafección polo traballo no agro?
A venda de robots non se dispara só por iso, senón pola necesidade de ser cada vez máis eficientes e tamén para poder monitorizar todos os procesos ligados á produción e para adaptármonos aos desenrolos tecnolóxicos que cada vez nos permiten contrastar máis información e cruzar datos en busca dunha maior rendibilidade. É certo que a falta de man de obra é un grave problema. E falta por varias razóns.

Cales cre que son?
É un traballo que resulta pouco atractivo, pouco valorizado e, en xeral, moi descoñecido. E tamén porque vive pouca xente no campo e aos que están nos pobos próximos élles complicado desprazarse ás aldeas se non contan con coche propio. A movilidade é unha tarefa pendente no rural. Temos programas para fomentala. Esperamos que a desafección polo agro sexa pasaxeira. Nos grandes países produtores os autónomos e empresarios rurais son moi apreciados e necesarios. A autonomía alimentaria é unha necesidade estratéxica da Unión Europea e Galicia é unha magnífica produtora.

Os prezos do leite chegaron a niveis históricos nos últimos meses. Como ve a saúde do sector?
Os prezos estiveron altos e agora baixan. Os custos de produción tamén baixaron un pouquiño. Debemos seguir sendo eficientes e buscar a excelencia. Debemos realizar accións para valorizar e visibilizar os nosos produtos para lograr non desaparecer e resaltar sempre a importancia do produto local de calidade. Debemos procurar a autonomía alimentaria.

Comentarios