José Balseiros: "Paga a pena poñer todos os medios fronte á dermatose, temos máis de 26.500 granxas de vacún"
Tras semanas intensas, con longas xornadas de traballo, "nervios", reunións e toma de decisións, o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, defende que Galicia fixo "o adecuado" para protexerse fronte a dermatose nodular contaxiosa. Cre que se todas as comunidades reman a favor se lle pode gañar o pulso.
As enfermidades víricas non dan tregua á cabana gandeira. Que diferencia a dermatose nodular da lingua azul ou a EHE para tomar medidas preventivas que non se teñen activado noutros casos?
Todo acaba chegando. Seguramente o cambio climático e os movementos globais no mundo inflúen. Pero a lingua azul, a enfermidade hemorráxica, ou a tuberculose no seu momento, non teñen nada que ver coa dermatose nodular contaxiosa, unha enfermidade catalogada pola Comisión Europea na categoría A, de erradicación inmediata no caso de que se detecten positivos. Iso significa que hai que inmobilizar todo nun radio de 50 quilómetros e, ademais, nas explotacións con positivos hai que sacrificar todo o seu censo de animais, in situ e no momento. Galicia ten máis de 26.500 explotacións de vacún, máis de 1,1 millóns de animais e 5.500 ganderías de leite que producen o 42% do leite de España e crecendo. Polo tanto, paga a pena, seguindo as instrucións que marca a normativa comunitaria e nacional, tratar de evitar con todos os medios ao noso alcance que a enfermidade chegue a Galicia.
Contemplan na Xunta a posibilidade de ampliar as medidas preventivas ou, na situación epidemiolóxica actual, son suficientes e equilibradas as que están vixentes?
Ao non ter ningún positivo en Galicia, as medidas que tomamos parécennos equilibradas. Son as que permite a normativa e teñen o visto bo do ministerio. Aínda que é así nestes momentos, estamos permanentemente pendentes das circunstancias tanto en Galicia como fóra e, se houbese que tomar algunha outra medida, que esperemos que non, teriamos que facelo. O noso desexo é protexer a cabana galega e o sector gandeiro. En leite somos a primeira potencia de España e subindo, e en carne de vacún estamos no terceiro ou cuarto posto. E detrás diso hai industrias cárnicas e consumidores.
As medidas fixadas estanse a cumprir? Como está a realizarse o control de bovinos que chegan de fóra a explotacións galegas?
Nós temos constancia de todos os movementos. Os animais que veñen doutras comunidades e países pasan por unha base de datos informatizada. No momento no que chegan, os servizos veterinarios oficiais da Xunta acoden a esa explotación, que queda automaticamente inmobilizada e non pode mover animais durante 21 días, que é o tempo estimado que tarda o virus en manifestarse. Iso estase comprobando. Os animais que van a sacrificio teñen que ir directamente para o matadoiro e as industrias operadoras comprometéronse a levar de maneira estrita a esixencia e expedición dos certificados de saneamento e desinfección dos vehículos. Tamén temos a colaboración dos operadores dos tratantes, que pediron e apoiaron que se pechasen feiras e mercados. E da Garda Civil e o Seprona para comprobar que os transportes e animais veñen debidamente desinsectizados. Facemos un chamamento á responsabilidade de todo o sector. As medidas estanse comprobando. Outra cousa é que alguén, baixo corda, as puidera incumprir, pero pensamos que non, porque a todos os integrantes do sector lles pode repercutir economicamente a enfermidade.
As medidas estanse a comprobar. Outra cousa é que alguén, baixo corda, as poida incumprir, pero non creo que ocorra"
Baixou a entrada de bovinos de fóra a Galicia tras a posta en marcha das medidas preventivas?
Si, notamos unha baixada importante na chegada de animais para vida. Estabamos tendo unha media de entrada de máis de 10.000 animais ao mes e nos primeiros días coas medidas xa empezou a baixar, sobre todo despois de chegar os que viñan xa en transporte. Loxicamente, os gandeiros non queren que se lles inmobilice a explotación e saben que se incorporan algún animal, durante 21 días non poden sacar becerros.
Os focos seguen concentrados en Girona. Pese ás incertezas sobre o que acontecerá, os técnicos da Xunta son optimistas coa posibilidade de que o virus non se expanda moito máis alá e non chegue a Galicia?
Espero que o intenso traballo destas semanas dea o seu froito. Temos o antecedente de Italia, onde cumpriron escrupulosamente coa normativa, inmobilizaron, sacrificaron animais, fixeron os perímetros adecuados, vacinaron e funcionou. Parece que a situación está absolutamente controlada. En Francia dáse o caso contrario, houbo unha expansión considerable do virus. En Cataluña cremos que o están facendo ben. No que toca a Galicia, pensamos que coas medidas que adoptamos, se se respectan, estamos razoablemente protexidos e eu confío en que non chegue, sabendo que é un virus e non se lle poden poñer cancelas.
Coas medidas que adoptamos, se se respectan, confío en que o virus non chegue. Estamos razoablemente protexidos"
Galicia vén pedindo ao ministerio que defenda ante a Comisión Europea o desenvolvemento dunha vacina para previr a enfermidade.
A vacina que se administra onde hai focos non é preventiva senón supresiva, e leva o virus vivo. Vacinar aos animais en masa con ela podería ter dous problemas. Un é que, ante animais positivos, non se podería determinar se son positivos pola vacinación ou polo virus. Ademais, ao levar o virus vivo, existiría posibilidade de que se estendera. O lóxico sería que se impulsase a investigación dunha vacina preventiva. Non é unha cuestión de que morran animais ou haxa que sacrificalos, é unha cuestión de que hai que comer e ter certa soberanía alimentaria.
Fronte a posibles temores, consumir leite e carne é totalmente seguro.
Efectivamente. Esta enfermidade, pese a ser tan grave, non é zoonótica, polo que non se transmite dos animais aos humanos.Lanzamos unha mensaxe de calma. O leite, a carne e os derivados pódense tomar sen ningún problema. Está demostrado cientificamente.
"O leite, a carne e os derivados poden consumirse sen ningún problema, está cientificamente demostrado"
A dermatose nodular está a ter impacto na venda e exportación de gando ou produtos derivados?
Algún país pechou os mercados con España, como Marrocos. Espero que para Galicia iso teña pouca ou nula repercusión. As industrias transformadoras, a distribución ou representantes da hostalaría manifestan a súa preocupación, pero de momento non nos trasladan datos de que se teña notado un baixón en vendas e consumo. Pero se a enfermidade chega, ao mellor a situación cambia.