As mulleres concentran tres cuartas partes dos empregos a tempo parcial

Mamen Sabio, no centro, na presentación do estudo do sindicato. CC OO
CC OO pide "corresponsabilidade real" e erradicar roles de xénero que levan á dobre xornada das traballadoras

Unhas 114.300 galegas traballaban no último trimestre de 2019 cunha xornada parcial, unha cifra que segue superando por moito á de homes na mesma situación. Tanto é así que elas concentran o 75% dos empregos dese tipo, atendendo aos datos da Enquisa de Poboación Activa (Epa).

Ás portas dun novo 8-M, este é un dos datos recollidos polo sindicato Comisións Obreiras en Galicia no informe Mercado de traballo e coidados: a dobre xornada das mulleres galegasque presentou este luns para profundar na análise da "segregación ocupacional e a fenda salarial e de xénero". Nesa liña, a central destaca que a xornada parcial "non adoita ser elección da persoa traballadora e devén en situacións de precariedade laboral porque lastra o salario e empobrece as persoas e as súas familias". 

"O máis espectacular destes datos está non feito de que son elas, en máis do 97%, as que asumen traballar en xornada parcial por coidado de menores ou de adultos enfermos, incapacitados ou maiores", asegura CC OO.

Case oito de cada dez excedencias laborais corresponden a mulleres

Nesa liña, o estudo constata tamén que "os coidados manifestan unha gran segregación de xénero". Atendendo ás súas cifras, o 87,9% das persoas que nin teñen nin buscan emprego por responsabilidades familiares son mulleres. E tamén está "feminizado" o dato relativo ás excedencias laborais, porque máis do 78% corresponden a mulleres.

Vistos os números, a secretaria da Muller de CC OO., Mamen Sabio, pediu este luns na presentación do estudo que se dignifiquen e visibilicen" os coidados domésticos como "sustento da sociedade" e destacou que a remuneración dos mesmos suporía un incremento do PIB do 51%. 

Ademais, o sindicato esixe unha "aplicación real da corresponsabilidade" nun mercado laboral galego do que di segue "perpetuando os roles tradicionais de xénero", o que conduce a que sexan as mulleres as que tomen a decisión de reducir "as súas xornadas laborais en favor dos coidados". "Unha conxuntura sistémica que provoca a dobre xornada feminina", engaden no seu estudo.

¿E a brecha salarial?
Os datos da última Enquisa Anual de Estrutura Salarial de 2017 que recolle CC OO mostran que o salario medio das mulleres ese ano roldaba os 18.833 euros e o dos homes, os 24.321. A diferenza é así de 5.488 euros. 

O sindicato pide que se aplique a normativa que pretende reducir esas discriminacións nun mercado laboral galego que "segue nesgado polos roles tradicionais de xénero no que os empregos a tempo completo e con mellores salarios atópanse nas ocupacións máis masculinizadas".