Rogelio Santos Queiruga: "O peixe é barato para quen o pesca e caro para quen o compra"

Din os veciños de Queiruga que o Rogelio (Porto do Son, 1977) de internet é o mesmo que coñecen. Non hai postureo. Este influencer con seseo e gheada da ría de Muros-Noia leva 28 anos vivindo da súa paixón, o mar, e mentres pesca con palangre ou enmalle entre Fisterra e Corrubedo, ensina que respectar o ecosistema está "por riba do interese económico"
Rogelio Santos Queiruga.R.S.
photo_camera Rogelio Santos Queiruga, a bordo da súa embarcación. R.S.

Este lobo de mar de Porto do Son manexa as redes sociais con tanta destreza como as de enmalle. Ten máis de 18.500 seguidores en Twitter, 23.000 en TikTok 33.600 en Instagram e 74.000 en Facebook, uns escaparates dende os que se fixo viral amosando o seu traballo e removendo conciencias ao devolver ao mar especies que non chegan ao tamaño mínimo, que están en veda ou, por exemplo, centolas cargadas de ovas. Merecedor da Cruz do Mérito da Garda Civil polo seu labor divulgativo, Rogelio Santos Queiruga enrolouse no seu día en Podemos coa súa irmá, Carmen, exsecretaria xeral da formación en Galicia e exdeputada autonómica. "Eu era un indignado máis contra a clase política pola corrupción. Deixei o partido cando xa non me sentía identificado", relata. 

Rogelio Santos.R.S.Como consegue que a súa mensaxe cale nun mundo no que sobran influencers con discursos banais?
O meu truco é transmitir verdade, ser eu mesmo e abrir unha ventá a un mundo moi noso, de Galicia, pero que é descoñecido. A picaresca que leva a pensar: "Por que hei de respectar as normas? O que teño que procurar é que non me pillen". Entón, choca ver unha persoa que, con toda a honestidade e a sinceridade, cando vai pescar especies que poderían representar cartos e que non son fáciles de capturar —porque un lumbrigante de cinco kilos non se colle tódolos días— renuncia a elas por cumprir unha norma que protexe o océano. O que máis orgulloso me fai sentir non é o número de seguidores, que para un contido de divulgación en galego é altísimo, senón que as miñas redes son un espazo de respecto. Emocióname que a xente me conte que os seus fillos din que de maiores queren ser mariñeiros "como Rogelio" e que lles recordan que "pequeniños e con ova non" ou que lles pidan "comer peixe".

Como ve a saúde do noso mar?
Somos máis conscientes que nunca de que tirar un plástico á auga non é inocuo. Vímoslle as orellas ao lobo e iso fai que o nivel de conciencia ambiental sexa máis alto ca nunca. Pode chamar a atención o que fago porque o amoso nas redes sociais, pero a realidade é que hai asociacións, alumnos, clubes de submarinismo, confrarías e particulares que se involucran en limpezas. Pero o dano que se lle fixo ao mar, incluída a sobrepesca, non se compensa dun día para o outro.

Emocióname que a xente me conte que os seus fillos din que de maiores queren ser mariñeiros "como Rogelio" e que lles recordan que "pequeniños e con ova non" ou que lles pidan "comer peixe"

A Comisión Europea foi moi criticada por decisións coma o veto á pesca de fondo nalgunhas zonas do Atlántico. Cre que se están a equilibrar ben os interese ambientais cos económicos da frota?
Creo que hai moito postureo porque se fala moito de medio ambiente e sostibilidade pero as nacións máis poderosas só se preocupan de acaparar posibilidades de pesca. O Goberno galego, o de España e eurodeputados de diferentes formacións, coma o BNG, defenden os nosos intereses porque Noruega e outros estados non defenden a sostibilidade, senón acaparar tódolos recursos pesqueiros que poidan. Pelexar contra iso é complicado. O mesmo pasa coa eólica mariña. As enerxías son necesarias para a vida, pero tamén precisamos comer. Pregúntome se a UE defende os intereses das grandes corporacións e os especulativos máis que os dos mariñeiros. Tendo unha alta sensibilidade ecoloxista, estou totalmente do lado dos mariñeiros galegos que reclaman as súas cotas e espazos de pesca. Pero nós tamén debemos coidar o mar usando as cotas de xeito responsable. 

O consumo de peixe cae. Arránxase baixando o Ive ou con campañas de promoción, como di o ministro?
Respaldo a retirada do Ive ao peixe e o sector cárnico reivindicará que comer carne tamén é necesario para ter unha boa saúde. A realidade é que o peixe é barato para quen o pesca, porque implica moitísimos gastos e arriscar a vida, pero caro para quen o vai comprar. Os gobernos galego e español deberan considerar que, ao mellor, temos que encarecer outras cousas, pero no sector da alimentación, aínda sendo lícito que sexa un negocio, o principal obxectivo debera ser ter unha poboación ben alimentada e para a que os produtos sexan asequibles. Pode facerse cunha baixada do Ive ou con outras medidas. Non pode seguir pasando que mariñeiros, agricultores e gandeiros sexamos os que menos gañamos, que as nosas empresas pendan dun fío, e que para as familias os alimentos de calidade producidos ao lado da casa sexan inalcanzables. Logo, a criminalización da pesca inflúe negativamente no consumo entre os máis novos e non sempre esconde boas intencións, senón os intereses económicos doutras industrias alimentarias. En Galicia, a pesca está facendo un esforzo enorme por ser sostible e a maneira de apoiala é consumindo peixe fresco, conxelado ou en conserva.

Cada vez que un mariñeiro sae de marea é coma se subise o Everest

Por que a xente nova non ve o mar como unha opción laboral atractiva?
Para tódolos que lles guste, o mar é unha opción marabillosa. Podes ser obreiro, técnico ou directivo, o importante é ser feliz. Ningunha carreira laboral é fácil. Para chegar a un posto de responsabilidade hai que traballar duro. Que ninguén crea que o traballo do mar é máis cativo có dunha oficina. Cada vez que un mariñeiro sae de marea é coma se subise o Everest e voltase, aínda que non sexa recibido polas cámaras de televisión. A calidade de vida a bordo e a seguridade melloraron moitísimo, pero un pensa en oficios cos que pagar hipotecas, recibos, o benestar dos fillos... Ninguén vai querer ir ao mar por salarios inferiores a un traballo equivalente en terra. O simple feito de estar no mar implica un sacrificio ou esforzo maior. Tamén boto en falta que se fomenten os valores e o traballo entre os mozos, incluso na televisión, na que todo xira en torno ao entretemento.

O máis raro que vin foi un dorado ou lampuga nunha marexada preto de Corrubedo. Só o vira en revistas de pesca deportiva en Cuba

Observa os efectos do cambio climático no mar? Cal foi a especie máis curiosa que chegou a capturar?
Non recordo tantos días seguidos de ausencia de vento do nordeste, que causa os famosos afloramentos nas rías. E co calor que fixo a nivel atmosférico, tampouco lembro meter as mans na auga e notala coma o caldo tantos días. Ademais, percibimos que pode ser que o peixe propio de Galicia busque augas máis profundas, porque tivemos moitos días sen pesca. Moitos compañeiros notaron como se o peixe estivese parado. O máis raro que vin foi un dorado ou lampuga nunha marexada preto de Corrubedo. Só o vira en portadas de revistas de pesca deportiva en Cuba, nas Canarias ou no Mediterráneo. É un peixe moi rechamante, grande, e entre amarelo e verde fosforescente. Nas últimas semanas, nun porto da Costa da Morte víronse cinco. Cando a estas aparicións lles sumas a cantidade de medusas que houbo este ano e un mar de ardora tan intenso... Non é o habitual.

Defínese como mariñeiro, patrón de pesca, agricultor e divulgador. Como transcorre unha xornada típica para vostede?
Un é mariñeiro as 24 horas. Estou sempre pendente do mar visualmente, controlando se hai mar de fondo, se vén vento, pendente dos partes meteorolóxicos, pensando no que imos ir pescar... A maiores está a faceta de divulgador, para a que dedico tempo a pensar como contar as cousas para que a xente as entenda. Por norma xeral, ao que máis nos dedicamos é ás artes de enmalle, que quedan dun día para o outro no mar porque están enfocadas a pescar peixe pero tamén crustáceos, como as centolas, as nécoras ou os lumbrigantes, en función das vedas. Non somos mariñeiros dos que madrugamos. Levántome ás oito para saír do muelle entre as nove e as dez da mañá. Saímos de Porto do Son e desprazámonos polas zonas que hai entre os faros de Fisterra e o de Corrubedo. O que queda para dentro da liña imaxinaria entre os dous faros é onde pescamos. Despois de levantar as redes, quitar o peixe e volver limpalas, largámolas de novo. Se todo vai ben, rematamos cara ás catro da tarde, cando voltamos a porto, seleccionamos o peixe, descargámolo, pesámolo e facemos a guía de transporte para levalo á lonxa de Ribeira, que é onde o subastamos habitualmente. Normalmente, encárgase o meu irmán de ir vendelo. E así todos os días ata o venres, que é cando traemos as redes para terra, porque na baixura temos 48 horas de paro obrigatorias. O domingo podemos saír botalas ao mar para o luns.  

Comentarios