O presidente da Federación Galega de Comercio, José María Seijas, recoñeceu que o ano comezou "moi mal" para os comerciantes galegos, porque o primeiro trimestre coincide practicamente co período de rebaixas de inverno e este ano foron "moi frouxiñas".
En declaracións a EFE, Seijas considera que este mal arranque "é consecuencia dos descontos continuos" no sector do comercio, de modo que "as rebaixas duran desde o 1 de xaneiro ata o 31 de decembro" e os consumidores "xa non saben a que aterse".
De feito, confirmou que a Federación Galega de Comercio, a través da confederación española, está "a traballar en Madrid" para sensibilizar á clase política da necesidade de volver "controlar as rebaixas".
Por outra banda, afirmou que o sector do comercio tamén está "a pagar as consecuencias" da inestabilidade política que está a vivir o país, porque "as vendas van ben cando hai confianza e o consumidor está tranquilo".
Neste momento, precisou, "hoxe é negro, mañá gris e pasadomañá doutra cor", "Non se sabe o que vai ocorrer e iso nótase moitísimo", resolveu.