domingo. 05.12.2021 |
El tiempo
domingo. 05.12.2021
El tiempo

"Co novo modelo desprázase o médico á comarca, non se leva o paciente á cidade"

Jesús Vázquez Almuíña. EP
Jesús Vázquez Almuíña

A reforma da Lei de Saúde de 2008 inicia a súa tramitación parlamentaria rodeada de polémica. Ninguén cuestiona a participación cidadá ou os novos concursos de traslados

Acaba de aprobarse a reforma sanitaria no Consello e vai ao Parlamento. Cando entrará en vigor?
Vai por trámite ordinario así que calculamos uns cinco meses. Estou contento de que entre no Parlamento porque ata agora todas as suxerencias e alegacións foron de colectivos sociais e colexios profesionais, pero non de grupos políticos, que se limitaron a pedir a súa devolución antes incluso de estudala. Agora agardo que poidan introducir algunhas melloras.
É un texto complexo, así que para que o paciente o entenda ben, que é o que cambia para el?
O que fai esta lei é establecer un marco no que poder traballar. Haberá grandes cambios para a xente? Non, porque este modelo xa empezou a funcionar en 2011 coa creación das estruturas de xestión integrada [Eoxi], así que o que fai a lei e darlle cobertura a algo que xa existía. Nos últimos anos xa estamos vendo os resultados deses investimentos nos hospitais comarcais, como ocorre por exemplo con Oncoloxía. Era un servizo limitado a grandes hospitais e nalgúns casos incluso a fóra de Galicia. Co desenvolvemento das Eoxi conseguimos que os mellores oncólogos de Lugo estean tamén en Monforte ou Burela, en lugar de que sexa o cidadán o que se desprace á capital. Iso é un salto importantísimo e coa nova lei non vai desaparecer, senón que seguirá avanzando nese modelo de levar máis servizos ás comarcas.
Pero outros servizos si que se centralizaron nas cidades, como a xestión económica ou as compras.
Si, pero son servizos que non achegan nada á xente. Que máis lle dá ao cidadán se a compra de material se fai no hospital comarcal ou nesta ou outra área sanitaria! Nós o que potenciamos é o tema asistencial, que é o que verdadeiramente afecta ao paciente. Ao mellor ter un neurocirurxián en Monforte non ten sentido porque non ten o rendemento necesario para a súa profesionalización e precisa un quirófano especial e con moita actividade, pero servizos como un hospital de día, a hospitalización a domicilio, a diálise ou todos aqueles que poidamos prestar de forma máis próxima á xente ímolos seguir achegando aos hospitais comarcais e a lei é o marco que nos permite desenvolver ese modelo.
A contratación de persoal quedará en mans dos hospitais comarcais ou dos de referencia das áreas?
Vai haber listas de distrito e listas de áreas, para que un profesional se anote se quere en áreas grandes como Lugo ou Pontevedra se lle interesa ou ben limitarse a un distrito concreto.
A mobilidade de profesionais entre distritos e áreas traducirase na existencia de menos médicos ao taparse así as carencias?
Non. O que imos ter é sempre o servizo. Por exemplo, se nun hospital comarcal un servizo está formado por dous profesionais e un colle a baixa, de non ser por esta mobilidade que agora facilitamos, teriamos que desprazar os pacientes á capital; esa é a gran diferenza. O traballador pide mobilizarse de xeito voluntario porque aínda que é certo que supón certa incomodidade para el, tamén gaña a nivel profesional polo feito de atender unha poboación maior e así non perde especialización. Cos modelos de hospitais comarcais autónomos e independentes non imos a ningún lado, porque se en toda a provincia de Lugo ou Pontevedra non hai un bo neurocirurxián, o paciente vaise ir a outro sitio buscalo. Pero aquí tamén poderemos ter superespecialistas sempre e cando teñan poboación para atender, por iso a nova lei favorece que o profesional saia dunha área restrinxida na que ao mellor non podería mellorar.
Pero se o profesional dunha área non puidese ir a un hospital comarcal uns días á semana cubrir unha carencia, seguro que ese hospital tería que contratar un médico e coa nova lei xa non o fará.
Non. Nós contratamos cando temos posibilidades. Pero xa nos ocorreu o caso antes citado de ter servizos pequenos no que un médico colle a baixa ou vacacións e empezas a chamar e non atopas especialistas para substituílo. Antes, cando eran áreas independentes, dicías: que o busque o xerente do hospital. Agora buscará, pero se non atopa será o xerente de área quen lle teña que dar solución; e se na área non o consegue, tentaríase solucionar desde outra área. No Consello Interterritorial de Sanidad todas as autonomías se queixaron de problemas para a contratación: non hai pediatras, urólogos, dixestivos... Así que se non damos solucións globais imos ter moitas complicacións no futuro. Así que se lle dicimos a un profesional de Monforte, por exemplo, que non pode saír da súa área, pois imos ter problemas.
E por que non hai especialistas?
Por moitas razóns. O ministerio é o que di cantos especialistas se forman e fai unha ratio co sistema europeo: corresponden tantos pediatras por neno e como en España hai tantos nenos, pois tócanlle tantos. Pero claro, logo hai que preguntarse como é esa asistencia, porque por exemplo en Europa non hai Pediatría en Atención Primaria e en Galicia sí; e aquí o 90% das prazas están cubertas por pediatras, mentres que noutras comunidades só o 10% e o resto son médicos de Primaria. Entón, como fas o cálculo do que necesitas? Nós aquí formamos 20 pediatras ao ano, pero pode ocorrer que lles ofrezamos ir a unha comarca ou un ambulatorio e en Asturias lle ofrezan praza no seu mellor hospital; pois non podemos facer nada e vaise un profesional que formanos nós. Con áreas maiores como as da nova lei temos máis posibilidades de mantelos ou incluso de contratar un médico formado fóra se lle ofrecemos unha área grande con pacientes e tecnoloxía. Pero se non lle podemos dar iso, é posible que quede onde está.
E que unha das críticas á nova lei éprecisamente a tendencia dos profesionais a escoller grandes hospitais e non os comarcais, polo que poden perder potencial.
Esa tendencia é unha realidade, pero coa reforma da lei o que imos precisamente é garantir que os hospitais comarcais van seguir existindo e que agora, en lugar de dicir que Monforte ou Burela terán o urólogo Pepito Pérez, diremos que teñen servizo de Uroloxía. Van pechar os hospitais comarcais ou van ter menos servizos? Non. Van aumentar, confirmado.
Afectará a mobilidade a todos os profesionais independentemente da antigüidade e especialidade ou só aos contratos formalizados desde a entrada en vigor da lei?
Será a partir da entrada en vigor da lei, pero é certo que hoxe xa existe a posibilidade de levar un profesional dun sitio a outro cando se trata de circunstancias de emerxencia grave; pero ata agora sempre se fixo de xeito voluntario. Pero a lei non só e iso, é tamén fixar un concurso aberto e permanente de traslados, polo que a lei é beneficiosa claramente para o profesional. E tamén para o cidadán, que terá mellor atención, máis próxima e poderá participar máis na toma de decisións.
E non aumentarán as listas de espera ao ter que desprazar médicos entre hospitais?
Non, non, para nada. Moitas veces as listas de espera son por eses casos como os que expliquei, nos que nun servizo médico pequeno se collen baixas ou vacacións e entón, quen atende? Aí aumenta a espera. O que se facía ata agora era derivar o paciente ao hospital central, pero nós dicimos que non, que se se pode operar no comarcal, irá un especialista da área sanitaria a facelo alí.
Outra medida estrela da consellería é o decreto de tempos máximos de espera para ser operado. Non será demasiado ambiciosa?
Totalmente de acordo, pero a única posibilidade de mellorar é fixando un reto difícil. O importante é que cada persoa con algunha destas 108 patoloxías graves poida ser operada antes de 60 días. Se neste momento, estamos facéndoo en 65 días neste hospital, ofrecémoslle ao paciente agardar ou dámoslle outros centros onde si o intervirán nese prazo. Cada quen terá que cumprir e non é fácil, pero é unha forma de mellorar. Desde logo é difícil, pero é asumible.

"Co novo modelo desprázase o médico á comarca, non se leva o...
Comentarios