jueves. 23.09.2021 |
El tiempo
jueves. 23.09.2021
El tiempo

Aberto desde hoxe o prazo para acollerse ao programa de Respiro Familiar para coidadores

Unha muller dependente acompañada por unha familiar
Unha muller dependente acompañada por unha familiar.
Dispón dun orzamento de 600.000 euros e ten por obxectivo facilitar a conciliación da vida persoal, familiar e laboral dos coidadores 

A Xunta de Galicia abre este mércores e ata o próximo 30 de setembro o prazo de presentación de solicitudes para acollerse ao programa de Respiro Familiar para coidadores non profesionais de persoas dependentes ou con discapacidade. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica este martes os requisitos para beneficiarse desta proposta, que ten por obxecto facilitar a conciliación da vida persoal, familiar e laboral dos coidadores e que presenta melloras con respecto a anos anteriores. 

A convocatoria dispón dun orzamento de 600.000 euros, máis do triplo do que se destinaba a estas iniciativas en edicións pasadas. Con estes fondos porase en marcha unha nova modalidade, respiro no fogar, e incrementaranse as contías das axudas concedidas para o respiro en residencia. 
Con respecto á nova modalidade, o respiro no fogar, o Goberno galego financiará a contratación dunha coidadora profesional a domicilio para persoas con dependencia ou discapacidade, de modo que a coidadora habitual poida dispor dunhas horas para descansar. A través desta nova modalidade, financiaranse un máximo de 72 horas anuais, por unha contía de entre 7 e 14 euros á hora, segundo a renda per cápita da familia. Ademais disto, melloraranse as axudas concedidas ás persoas para o respiro en residencia. 

A Xunta financia ás persoas con dependencia ou discapacidade estancias temporais, de fin de semana ou por un máximo de 15 días, nun centro residencial para o descanso da persona que os coida. Neste novo programa, elévase un 50% a contía da axuda pública para estancias quincenais, dos 53 euros/día aos 80 euros/día; e aumenta un 45% a axuda de estancias para fin de semana, que pasa de 62 euros/día a 90 euros/día. 

Poderán beneficiarse destas axudas os coidadores e coidadoras non profesionais que estean ao cargo dunha persona que teña unha discapacidade igual ou superior ao 75%, que teña un grao de dependencia II ou III ou que, aínda que non dispoña dunha valoración de dependencia ou discapacidade, conte cun informe médico e social no que se certifique que a persona coidada necesita axuda dunha terceira persona para desenvolver as actividades do día a día. 

Serán subvencionables os respiros familiares en residencia ou no fogar que se desenvolvan entre o 1 de xaneiro e o 30 de novembro de 2020. 

Aberto desde hoxe o prazo para acollerse ao programa de Respiro...
Comentarios