Jueves. 15.11.2018 |
El tiempo
Jueves. 15.11.2018
El tiempo

O acceso ao Pórtico da Gloria será de pago a partir de novembro

Pórtico da Gloria. AEP
Pórtico da Gloria. AEP

O novo sistema de visitas incluirá guía e requirirá unha reserva previa 

O Pórtico da Gloria da Catedral de Santiago iniciará en novembro un novo sistema de visitas que substituirá ao actual e que será guiado, de maior duración, integrado no conxunto do Museo catedralicio, con posibilidade de reserva e de pago.

Así o anunciou este martes o responsable da Fundación Catedral, Daniel Lorenzo, que informou do novo sistema de visitas a este monumento, que coincide cun punto de inflexión nas obras de restauración da basílica compostelá: a intervención interior.

Para os últimos meses deste ano está prevista a licitación e o inicio da intervención nos paramentos interiores e bóvedas da Catedral de Santiago, unhas obras que, entre outras cuestións, obrigan a "encriptar" e protexer o Pórtico, co obxectivo de que non resulte danado por estes traballos.

Daniel Lorenzo indicou que, tras un ano de deliberacións, acordouse que, para iso, se realice unha estrutura en madeira que separará o nártex, onde se sitúa o Pórtico, do resto da Catedral. A estrutura, que incluirá o acceso ao monumento desde o Pazo de Xelmírez, será provisional, durante o tempo que dure a intervención interior.

ÚLTIMA SEMANA

Por este motivo, o día 18 de setembro será o último no que os visitantes poderán acceder ao Pórtico co sistema actual —gratuíto e sen reserva—. A partir dese momento, os accesos suspenderanse e iniciarase a colocación desta estrutura, unha medición da evolución do monumento e unha primeira limpeza tras a súa restauración.

Aínda que non hai unha data pechada, espérase que estes traballos conclúan no mes de novembro, cando se porá en marcha un sistema definitivo e "sustentable" de visitas ao Pórtico.

En concreto, esta peza patrimonial pasará a formar parte dos percorridos do Museo da Catedral, con visitas guiadas duns 45 minutos de duración, que se achegarán ao conxunto da obra mateana e que serán de pago. Aínda que non está establecida unha tarifa, Daniel Lorenzo equiparouno ás visitas actuais ás cubertas, que teñen un custo individual de 12 euros.

Outra das novidades deste sistema de visitas é que poderán comprarse con antelación a través da web catedraldesantiago.es ou no despacho de billetes do Museo, o que poría fin ás longas colas que, desde o 27 de xullo, buscan contemplar esta restauración, máis de 65.000 até agora. As entradas tamén poderán comprarse o mesmo día no caso de que haxa prazas libres

En grupos de 25 persoas, está previsto que cada hora haxa dúas quendas, que operarán no mesmo horario que o Museo da Catedral. O acceso farase a través do Pazo de Xelmírez e incluirase a visita á exposición sobre o Mestre Mateo e á cripta.

VISITAS ESPECIAIS A GRUPOS

Durante o tempo que dure a instalación do elemento de protección e outras actuacións necesarias, a Fundación Catedral prevé desenvolver ademais un programa de visitas por invitación para colectivos específicos naquelas xornadas nas que sexa posible acceder.

UN MANTEMENTO "SUSTENTABLE"

Daniel Lorenzo asegurou que, con este sistema, a Catedral busca un "modelo sustentable" de visitas ao Pórtico, de modo que tamén se "conciencie" á sociedade sobre a necesidade de achegar para a conservación do patrimonio.

"Non podemos permitir que volva colapsar", dixo o responsable da Fundación Catedral, que advertiu de que esta intervención "só se pode manter" se as visitas supoñen "un retorno económico". "Do contrario, estamos a restaurar para perdelo, porque non podemos mantelo", sinalou.

UNHA DAS INTERVENCIÓNS MÁIS IMPORTANTES

O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, indicou, pola súa banda, que nos próximos meses comezará na Catedral "unha das intervencións máis importantes" do proceso de restauración da basílica, a que afecta o seu interior e cubertas. Está previsto que teña unha duración de ano e medio.

Unha vez que estea licitada esta intervención, indicou o conselleiro, estarán en execución ou licitadas o 70% das actuacións incluídas no convenio de restauración da Catedral. 

O acceso ao Pórtico da Gloria será de pago a partir de novembro
Comentarios