
A Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet) activará durante este luns avisos laranxas por mar combinado de ondas de até 7 metros nas costas das provincias da Coruña e Lugo. No litoral de Pontevedra, a alerta será amarela.
Segundo información de Aemet, durante a madrugada e as primeiras horas da mañá deste luns a costa coruñesa e A Mariña lucense estarán baixo un aviso amarelo que se agravará e pasará ao nivel laranxa até a medianoite con ondas de entre 5 e 7 metros.
No litoral pontevedrés, a xornada abrirase cunha normalidade que se converterá nunha alerta amarela en torno ao mediodía. A partir desa hora, haberá mar de fondo con ondas de até 5 metros.
Toda esta situación de inestabilidade na costa, da que advirte para este luns a Axencia Estatal de Meteoroloxía, poderase prolongar até as primeiras horas da madrugada do martes.
Recoméndase afastarse das praias, paseos marítimos ou diques
Así, a Axencia Galega de Emerxencias (Axega) avisa de que se poden producir desbordamentos puntuais pola crecida das mareas, que algunhas embarcacións ou estruturas marítimas poderían irse á deriva e que mobiliario urbano podería ser arrastrado polo mar.
Ante iso, este organismo recomenda afastarse das praias, paseos marítimos ou diques, amarrar as embarcacións, evitar navegar ou practicar deportes acuáticos e non deterse para sacar fotografías.
O TEMPO. Galicia estará durante esta xornada baixo influencia anticiclónica. Con esta situación, agárdanse bancos de néboa matinais en zonas de interior, que darán paso a ceos con poucas nubes, nubes de tipo alto na súa maioría que non impedirán completamente o paso do sol.
As temperaturas sufrirán un moderado descenso. Os ventos soprarán frouxos, de dirección variable.