Dous policías nacionais galegos están infectados e preto de 30 esperan probas

O SUP asegura que oito axentes galegos están pendentes do resultado do test e que unha vintena esperan que se lles realice
Proc/JFIF/EFE-Calidad:Excelente
photo_camera Axentes da Policía Nacional nun control en Galicia. EFE

Dous axentes galegos da Policía Nacional permanecen illados en corentena por estar infectados con coronavirus, outros oito efectivos están á espera dos resultados e unha vintena, pendentes de facer as probas.

Segundo os datos facilitados polo Sindicato Unificado de Policía (SUP) en Galicia, un dos axentes, con destino na Coruña, estaba a facer o curso para acceder á categoría de subinspector en Madrid e actualmente permanece illado en Ourense.

Pola súa banda, outro policía nacional galego, con destino en Madrid, permanece illado en Lugo tras comezar a presentar síntomas cando se atopaba nesta cidade e arroxar un resultado positivo nas probas.

O secretario xeral de SUP Galicia, Roberto González, explica que nos próximos días esperan que aumente o número de afectados tendo en conta que outros oito axentes están pendentes do resultado da proba e unha vintena á espera de realizar o test por presentar síntomas ou estar en contacto con algunha persoa infectada.

O sindicato advirte de que hai "unha falta importante" de equipos de protección individual

"Valoramos positivamente que se nos cualificase como grupo de risco pero sabemos que as probas van moi lentas e que hai espera", sinala.

FALTA DE EQUIPOS. O secretario xeral do SUP Galicia asegura que hai "unha falta importante" de equipos de protección individual (EPIs) como máscaras, luvas ou xeles. "Somos conscientes de que hai que facer un uso razoable dos medios, pero dános a sensación de que a policía, neste caso, non quere xerar alarma e trata de evitar que utilicemos os medios", di.

Segundo González, cando un axente quere utilizar estes medios, ten que realizar un escrito a través do que debe comunicar a súa utilización. "Tamén cando un axente utiliza medios propios debe comunicar que fai uso dos seus propios medios", censura.

O sindicato pide habilitar servizos mínimos nas comisarías 
Roberto González considera necesario que se poñan en marcha servizos mínimos en todas as unidades ante a declaración do estado de alarma. "Hai funcionarios que xa están illados, hai outros que ao estar en contacto permanente co cidadán para o cumprimento do real decreto están moito máis expostos e iso fai que nas próximas semanas vaia haber unha perda de efectivos", explica.

Por iso, para manter a "operatividade" nas próximas semanas, considera necesario "dosificar o persoal" que presta servizos. "Non ten moito sentido que haxa máis patrullas agora na rúa que antes desta situación", explica o secretario xeral do SUP Galicia, quen recorda que a "delincuencia" descendeu e que, en xeral, os cidadáns están a respectar o estado de alarma.

Comentarios