domingo. 05.04.2020 |
El tiempo
domingo. 05.04.2020
El tiempo

Os alcaldes das mareas evitan alimentar a polémica polo caso Quinteiro

Luis Villares y la diputada Paula Quinteiro a la salida de la reunión del grupo de En Marea. XOÁN REY (EFE)
Luis Villares y la diputada Paula Quinteiro a la salida de la reunión del grupo de En Marea. XOÁN REY (EFE)

O PP ve desacreditado a Villares, mentres Podemos valora que o grupo parlamentario siga "unido"

As fisuras abertas en En Marea tras o incidente da deputada Paula Quinteiro coa Policía Local na madrugada do 18 de marzo mantéñense abertas un día despois de que o grupo parlamentario ignorase a petición de dimisión realizada polo órgano político e limitase a súa actuación á apertura dun expediente á implicada. 

E no medio desta polémica atópase o liderado de Luís Villares, quen no seu día se aliñou cunha lista allea á candidatura coa que el se presentou para facerse coas rendas do partido, ademais de presidir o grupo parlamentario. Villares, que acordou co seu grupo debater no Consello das Mareas –máximo órgano de decisión entre plenarios– a apertura dun expediente (o pasado venres día 23), non puido, en cambio, facer valer este acordo e publicamente non fixo declaracións a piques de cumprirse dez días do ocorrido. 

"Eu non vou meter máis leña a un lume exiguo", dixo Xulio Ferreiro

Mentres, os tres alcaldes que levantaron a Villares –Martiño Noriega, Xulio Ferreiro e Jorge Suárez– á candidatura á Presidencia da Xunta, e un día despois de que o grupo ignorase a petición do Consello das Mareas, optaron por evitar "alimentar" a polémica que se abriu. Únicamente o rexedor coruñés, Xulio Ferreiro, agregou que na súa opinión "sería mellor" que grupo e Consello das Mareas "coincidisen" sobre o futuro da deputada. 

"Eu non vou meter máis leña a un lume exiguo", manifestou Ferreiro ao ser preguntado polos medios este martes. Así, dixo que non quería "seguir alimentado a polémica" sobre o caso da parlamentaria e resolveu que tería que ser unha "polémica que tiña que durar 24 horas e non vou ser eu quen siga alimentado a polémica", afirma Ferreiro. 

Con todo, si manifestou que "sería mellor que coincidisen" as resolucións do grupo parlamentario e do Consello. "Onte pronunciouse o grupo parlamentario e xa está, aí está a conclusión", resolveu.

O PP ve desacreditado a Villares
O secretario xeral dos populares galegos, Miguel Tellado, sostivo este martes que a situación interna de En Marea desacredita á formación como primeira forza da oposición en Galicia e evidencia que o PPdeG respecta máis ao portavoz de En Marea, Luís Villares, do que o fan os seus propios compañeiros de filas.

Acúsao de carecer de liderado, o que cre que demostra que Villares é máis respectado no PPdeG que dentro do seo de En Marea e, neste sentido, Tellado fixo referencia a un vídeo no que inscritos na súa formación chegan a insultar ao portavoz parlamentario de En Marea.
Isto é todo o que dixo Tellado.

 

Santos valora que o grupo siga "unido" tras un debate "fraterno"
A secretaria xeral de Podemos Galicia, Carmen Santos, defendeu este martes a autonomía coa que actúa o grupo parlamentario que o martes defendeu a continuidade de Paula Quinteiro como deputada, nunha negociación na que para salvagardar a unidade do grupo "non pode imporse unha posición única onde uns gañan e outros perden", dixo.

En rolda de prensa, Santos enxalzou a capacidade dialogante do grupo de En Marea do que é portavoz e que é capaz de negociar durante horas en aras da unidade e non pretende "pasar o rodete como o PP". "Que o grupo siga unido é unha prioridade", subliñou.

Segundo a líder de Podemos Galicia, no seo do grupo parlamentario que tivo catro reunións maratonianas para tratar este asunto, deuse "un debate moi fraterno e moi responsable" no que se deixou claro que se aposta por frontes amplas e non por ir por libre".

 

Cidadáns: "Isto tamén é corrupción"
A portavoz de Cidadáns Galicia, Olga Louzao, pronunciouse este martes á mantenta da disputa da deputada Paula Quinteiro coa Policía Local para advertide de que non é un mero "altercado", senón "un problema entre unha deputada do Parlamento e a lei". 

"A deputada enfrontouse aos axentes policiais cando estes estaban a facer o seu traballo, mentres a súa parella e os seus amigos dedicábanse a esnaquizar propiedades públicas e privadas, entrando ela, abusando da súa posición de parlamentaria, a querer impedir o traballo da Policía", xulgou Cidadáns. 

Nun comunicado, Olga Louzao considerou que "isto tamén é corrupción". "Utilizar a posición de parlamentaria galega para favorecer á súa parella, é corrupción; obstaculizar a acción policial utilizando a acta, é corrupción". 

Os alcaldes das mareas evitan alimentar a polémica polo caso Quinteiro
Comentarios