Alertan de que cen mil galegos non acaban tratamentos por non poder pagalos

O Banco Farmacéutico de Galicia, a partir de agora, axudará a galegos en risco de exclusión social a facer fronte ao copago farmacéutico

Distintos medicamentos nunha farmacia. AEP
photo_camera Distintos medicamentos nunha farmacia. AEP

Uns 100.000 galegos non recollen os medicamentos que lles receitan os seus médicos nin completan os seus tratamentos por non poder pagalos, segundo explicou o presidente do comité médico do Banco Farmacéutico de Galicia, Ramiro Varela.

Na presentación desta iniciativa en Pontevedra, Varela sinalou que a pobreza farmacéutica "é unha realidade" e cifrou, citando datos dun barómetro do CIS, que o 4 % da poboación deixa de tomar fármacos por motivos económicos.

O Banco Farmacéutico de Galicia, a partir de agora, axudará a galegos en risco de exclusión social a facer fronte ao copago farmacéutico e dar resposta ás súas necesidades de medicamentos e tratamentos médicos. Para este traballo, segundo os seus responsables, contactan cos servizos sociais municipais e co propio Sergas para avaliar cada situación en concreto e coñecer que pacientes non poden facer fronte ao pago dos medicamentos e necesitan a súa axuda. Unha vez analizada a súa situación, o cidadán non debe acudir a ningunha entidade colaboradora, senón que poderá dirixirse directamente á farmacia e entregaráselle directamente o medicamento sen cargo económico, ao ser adquiridos polo banco.

Ramiro Varela explicou que o "elevado" prezo do copago farmacéutico e o feito de que a sanidade pública non financie determinadas doenzas crónicas ou agudas contribúe a aumentar esta desprotección social.

A iso súmase episodios "puntuais" como o aumento no inverno da prescrición de medicamentos antigripais. Xunto a Varela, na presentación en Pontevedra desta iniciativa, participaron Ramiro Carregal e Noelia Romeu, presidente de honra e presidenta do Banco Farmacéutico de Galicia; Alfredo Garrido, presidente do Comité Farmacéutico; Rafael López López, director da iniciativa ONCOMET; e Ignacio Sánchez, vicepresidente do Colexio de Farmacéuticos. Este último lembrou que detrás da prescrición dun medicamento "existe unha necesidade", polo que defendeu que ningunha persoa que o necesite pode quedar sen poder acceder a el.

Sanidade rexeita unha relación entre poder adquisitivo e retirar medicamentos
Sanidade rexeitou unha relación directa entre os medicamentos que se deixan de retirar na farmacia e o poder adquisitivo dos cidadáns despois de que o presidente do comité médico do Banco Farmacéutico de Galicia, Ramiro Varela, alertase de que uns 100.000 galegos non recollen os medicamentos que lles receitan os seus médicos nin completan os seus tratamentos por non poder pagalos.

Comentarios