Villares: "Traballarei para que todos os galegos que traballan no mar poidan vivir del e vivir ben"

► Cando recolleu a bandeira azul da praia do Torno o pasado 12 de xuño en Arteixo estaba ante o seu último acto como alcalde, pero non o sabía, porque Rueda pediulle ser conselleiro ao remate do mesmo. "Non o agardaba", recoñece. A cabalo entre San Cibrao e Santiago, agora dedica o 100% do seu tempo a "coñecer o sector", na oficina e a pé de porto.
Alfonso Villares Bermúdez, no peirao de San Cibrao.
photo_camera Alfonso Villares Bermúdez, no peirao de San Cibrao.

Como e cando se entera vostede de que ía ser conselleiro?
Foi en Arteixo o día da recollida das bandeiras azuis, despois do acto. O presidente Rueda comunicoumo en persoa e ata ese momento non souben nada, e iso que coincidín con el nalgunha xornada antes. É curioso porque no acto das bandeiras aproveitaron para despedir con aplausos algún alcalde que marchaba, como o de Dumbría... E tamén era o meu último acto institucional como alcalde e eu sen sabelo [ri]!

Agardábao? O seu nome xa soou algunha vez antes para a Xunta.
Sempre se escoitan cousas, incluso máis en Cervo porque aos veciños tamén lles gusta ter representantes na Xunta, pero non o esperaba. Eu sempre me centrei no meu día a día en Cervo, non tiven outro tipo de expectativa de futuro. Nunca estivo nos meus plans ser conselleiro.

E tiña ganas de cambiar de aires logo de tanto tempo metido na xestión municipal?
Tampouco. Na liña do que dixen antes: nunca me pasou pola cabeza. A miña vocación e entrega ao traballo sempre foi grande. Primeiro como veterinario en todos os sitios onde estiven. No ano 1998 deixei todo abruptamente para ir a Cervo pola enfermidade e morte de meu pai, e empecei a compaxinar veterinaria e política, ata chegar a alcalde. Sempre me involucrei alí onde estaba, tentando facelo ben. Como veterinario e no Concello tiven unha dedicación plena, porque son dous traballos moi vocacionais e sen horarios. Así que tiña bastante co día a día e non pensaba en nada máis.

Apenas leva unha semana. Que cambios percibe entre a alcaldía e a consellería?
No Concello os alcaldes temos que facer un pouco de todo e por riba facelo ben [ri]; e a consellería e algo máis circunscrito a un ámbito concreto, pero cunha dimensión moito máis ampla que a alcaldía. Esta semana emprego todo o tempo que teño para aprender e coñecer canto antes este mundo, ao que chego con moitísimas ganas, ilusión e dedicación.

O do mar é un sector moi amplo que levaba moito tempo coa mesma interlocutora, Rosa Quintana. Como agarda Villares gañar a súa confianza chegando desde fóra?
Hai que estar sempre cerca da xente. Eu estou agora dedicado ao 100% a coñecer o sector, e ese coñecemento non é só na oficina, senón que debe ser fóra, falando coas persoas, visitando todos os recunchos do mar de Galicia. Vou ter unha implicación absoluta, non só no coñecemento teórico, senón no día a día coa xente.

Que prioridades se marca para a súa etapa na consellería?
O sector do mar é importantísimo para Galicia, é moi identitario, parte do noso ADN, así que temos que facer que toda a xente que está na cadea mar-industria poda vivir e vivir ben. Debemos conseguir que medre. O reto é ese: tentar que todos os elos desta cadea melloren, porque se todos os actores do sector mar-industria gañan, ao final gañará Galicia. E outro reto é conseguir que a xente nova atope atractivo o sector do mar, que se incorporen, aínda que este non é un problema de Galicia senón que é global. Temos que artellar formas para facer do mar un traballo agradable para o mozos.

As principais ameazas para a pesca galega parecen chegar de Bruxelas, co veto á pesca de fondo e o arrastre baixo lupa. Ten marxe a Xunta para actuar a eses niveis?
Ten toda a que estea nas nosas mans á hora de trasladar alí onde sexa necesario a relevancia da pesca na nosa identidade. Estamos a favor das políticas medioambientais, tamén no mar, pero non podemos esquecer a rama social e económica: moitos homes e mulleres de Galicia viven do sector. E iso é o que temos que trasladar.

Galicia é politicamente pequena en Europa para facer presión, pero a nivel pesqueiro é grande.
Si. E por iso insisto en que temos que trasladar a Europa que detrás das decisións que se toman hai homes, mulleres, familias que teñen a súa vida aí. E a vida das persoas é o máis importante que temos que atender desde as administracións. Nós, desde a Consellería do Mar, temos claro que o imos facer.

Outro dos grandes retos é a transición ecolóxica no mar, sobre todo nos sistemas de propulsión dos buques, pero non parece doado.
Estanse marcando unhas directrices e o que temos que tratar é que nos deixen marxe, porque moitas veces as medidas medioambientais impostas son abruptas. Levaremos adiante as que sexa preciso, pero co tempo necesario para ir aclimatándonos, que non sexan de aplicar dun día para outro. 

Vostede herdou o conflito da mexilla e o percebe, que parece agora mesmo o máis intenso que afronta a consellería. Está preocupado?
Preocupado non, pero temos que buscar unha solución para todas as familias que viven tanto do percebe como do mexillón. Hai que dar co equilibro, a través dun camiño común. Eu entendo que se dentro de calquera fogar xa hai diferenzas, nunha familia tan grande como a do mar galego poden existir tamén, pero debemos pensar no común, ceder todos algo e ser comprensivos na busca dese equilibrio.

Vostede vén dun concello con forte implantación da acuicultura. Hai sitio para ela en Galicia?
A acuicultura é presente e é futuro. Pouco a pouco a normativa vai esixirnos que o alimento do mar proceda tamén desta fonte, así que hai que tentar que medre e se desenvolva. Haberá que ir vendo cales son os problemas que podan xurdir para a súa implantación.

E para a eólica mariña hai sitio?
Nos tempos nos que estamos dicir que non sería un erro: falar contra as enerxías limpas sería unha insensatez. Pero hai que consensuar a súa implantación co sector pesqueiro, coa xente que vive do mar, porque unha actividade non pode pór en perigo a outra.

Pero é posible ese equilibrio?
Hai que intententalo, debemos buscar o camiño. E xa non vou entrar nos plans que enviou o Gobierno central, que están bastante baleiros de contido á hora de aclarar cal é o camiño. Nós entendemos que a eólica marina ten futuro, pero sempre que se consensúe co sector da pesca.

A suba de prezos motivou un descenso no consumo de peixe. É a solución baixar ou sacar o Ive?
Eu creo que si. Calquera de nós vemos que se baixa o prezo, aínda que non sexa unha baixada tan relevante na práctica, a percepción do consumidor muda. O que non podes facer e baixar uns produtos e non outros, porque iso é un desequilibrio, unha inxustiza e unha desvantaxe para o peixe, que temos que comer pola nosa propia saúde. Non se entende que España non aplicase esa baixada do Ive logo de tanto reclamalo desde o sector e a Administración. Países como Portugal si o fixeron.

Por certo, vostede e máis de carne ou de peixe? Eu agora son máis de peixe. Agora que é conselleiro?
[ri] Non! Xa hai tempo que mudei os hábitos alimentarios. Eu considérome un gran omnívoro, pero hai moito tempo que na miña dieta a preferencia é o peixe.

E cal é o seu favorito?
Bacallau, pescada... Doulle a todo, a verdade!

Ten Galicia marxe para mellorar a comercialización dos seus produtos pesqueiros?
É un reto que sempre está aí presente. Sobre todo porque o mercado vai mudando e hai que estar atentos a eses cambios, ser áxiles e incluso predecilos para ir amoldando o sector a eles, para que non nos pillen desprevenidos.

Na Xunta hai conselleiros máis políticos e outros máis técnicos. O seu perfil parece dos primeiros, non?
Toda a xente somos políticos en certo modo, no afán de tentar resolver os problemas do día a día. Eu, no aspecto profesional, teño unha profesión técnica que é a de veterinario, que ata ten certos lazos comúns coa pesca, xa que no servizo de Gardacostas temos unha trintena de veterinarios, igual que nas distintas lonxas para os controis sanitarios. Esa formación evidentemente téñoa e está aí, porque traballei once anos nela. Pero na función pública levo xa 28 anos. Gústame moito a parte de comunicarme coa xente.

Que tal o recibiron os compañeiros da Xunta?
Cando un entra de último nun sitio faino despacio e disposto a escoitar. A acollida foi boa. Os compañeiros son excelentes persoas e políticos, aos que xa coñecía da miña etapa como alcalde, e penso que Rueda ten un equipo enorme.

Que lle pediu Rueda?
Unha vez que me pide esta responsabilidade deposita en min unha confianza e o que me pide é o que eu ofrezo: dar o mellor de min para levar adiante esta encomenda e para mellorarlle a vida á xente que vive do mar en Galicia.

Comentarios