Tres anos de cárcere para o funcionario que cobrou por tramitar permisos de residencia
A Audiencia provincial de Pontevedra tamén lle impuxo o pago dunha multa de 5.400 euros e sete anos de inhabilitación para emprego ou cargo público
A Audiencia de Pontevedra impuxo tres anos de cárcere e sete de inhabilitación a Francisco Javier M.B., un funcionario da Subdelegación do Goberno en Pontevedra que recibiu pagos pola tramitación de permisos de residencia aos que se refería como "regaliños".
A sentenza, que divulgou o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, recolle así o veredicto do xurado que, hai dúas semanas, declarouno culpable dun delito continuado de suborno.
Os maxistrados da sección segunda da Audiencia condénano tamén ao pago dunha multa de 5.400 euros e á devolución do diñeiro cobrado irregularmente.
O fallo sinala que o xurado considerou que o sospeitoso, "durante a realización de funcións propias do seu traballo e sen ningún dereito", solicitou e recibiu diñeiro de varias mulleres para a tramitación dos seus expedientes.
En concreto, unha das afectadas entregoulle 150 euros e outra delas, 50.
A unha terceira muller pediulle outros 200 euros, que finalmente a afectada non chegou a entregar porque foi atendida por outra funcionaria.
A Audiencia, nesta sentenza, tamén informa de que rexeitou suspender o ingreso en prisión do funcionario, medida solicitada polo seu avogado.