Tres anos de cárcere para o funcionario que cobrou por tramitar permisos de residencia

A Audiencia provincial de Pontevedra tamén lle impuxo o pago dunha multa de 5.400 euros e sete anos de inhabilitación para emprego ou cargo público

O funcionario da Subdelegación de Pontevedra que cobraba por tramitar permisos de residencia. DP
photo_camera O funcionario da Subdelegación de Pontevedra que cobraba por tramitar permisos de residencia. DP

A Audiencia de Pontevedra impuxo tres anos de cárcere e sete de inhabilitación a Francisco Javier M.B., un funcionario da Subdelegación do Goberno en Pontevedra que recibiu pagos pola tramitación de permisos de residencia aos que se refería como "regaliños".

A sentenza, que divulgou o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, recolle así o veredicto do xurado que, hai dúas semanas, declarouno culpable dun delito continuado de suborno.

Os maxistrados da sección segunda da Audiencia condénano tamén ao pago dunha multa de 5.400 euros e á devolución do diñeiro cobrado irregularmente.

O fallo sinala que o xurado considerou que o sospeitoso, "durante a realización de funcións propias do seu traballo e sen ningún dereito", solicitou e recibiu diñeiro de varias mulleres para a tramitación dos seus expedientes.

En concreto, unha das afectadas entregoulle 150 euros e outra delas, 50.

A unha terceira muller pediulle outros 200 euros, que finalmente a afectada non chegou a entregar porque foi atendida por outra funcionaria.

A Audiencia, nesta sentenza, tamén informa de que rexeitou suspender o ingreso en prisión do funcionario, medida solicitada polo seu avogado. 

Comentarios