viernes. 30.10.2020 |
El tiempo
viernes. 30.10.2020
El tiempo

Anova rexeita decisións da “autodenominada” asemblea de Ourense

Antón Sánchez. AEP
Antón Sánchez. AEP

Aseguran que na reunión que acordou apoiar a En Marea non participou toda a militancia

A dirección autonómica de Anova rexeitou este sábado que os acordos tomados pola autodenominada "asemblea de Anova Ourense" teñan validez, posto que na reunión que se acordou apoiar a En Marea non participou toda a militancia.

O pasado venres, Anova Ourense informou dunha determinación, supostamente tomada en asemblea, para apoiar a candidatura en solitario de En Marea ás próximas eleccións xerais, desmarcándose da liña adoptada pola dirección do partido, que encabeza Antón Sánchez, e que pretende reeditar a coalición electoral con Esquerda Unida e Podemos.

A dirección desa formación considera que é unha comunicación sen validez porque "non todas as persoas afiliadas a Anova en Ourense son convocadas ás reunións" e engade que "dificilmente podemos aceptar que a opinión trasladada aos medios de comunicación é a do conxunto maioritario da militancia nesa localidade".

En Anova, sosteñen nun comunicado, os acordos adóptanse "democraticamente a través de organismos dispostos estatutariamente" caso que non foi o "da autodenominada Anova-Ourense".

Por iso, indica que decisións como a de participar nas primarias de En Marea ou de apoiar a outra plataforma diferente á de Ourense en Común para as eleccións municipais de maio próximo son iniciativas que só contribúen a "romper o proxecto mestizo, plural e diverso da unidade popular".

Anova conclúe que é un proxecto nacional que a pesar de contar con asembleas territoriais "nunca foi pensado como un reino de taifas de intereses localistas".

Anova rexeita decisións da “autodenominada” asemblea de Ourense
Comentarios